IGNACIO VILAR, DIRECTOR DE "A ESMORGA"

"Os premios de Toulouse recoñecen a nosa cultura e o noso idioma, o que somos nós"

"Os premios de Toulouse recoñecen a nosa cultura e o noso idioma, o que somos nós"
Ignacio Vilar
Ignacio Vilar  

Ignacio Vilar, director de A Esmorga, vén de chegar a Galiza despois de recoller tres galardóns no festival de cinema de Toulouse. Nesta entrevista nárranos como se sente logo do suceso neste certame, onde a fita se fixo co premio ao mellor director, o premio ao mellor actor ex aquo para “Morrís”, Karra Elejalde e Miguel de Lira e o premio á mellor fotografía.


Como foi a acollida de A Esmorga en Toulouse?

Impresionante. Lembroume a cando as espectadoras e espectadores galegos saían “tocados” e emocionados das salas de cinema estivemos enchendo durante 15 semanas. Sorprendeume que moitos intelectuais franceses relacionaran os personaxes principais de A Esmorga –O Bocas, Cibrán e Milhomes- con Rimbaud, Baudelaire e Verlaine. Víanlle moitas similitudes e dicían que parecían estar sacados das súas obras.

Chegoulle A Esmorga aos espectadores e espectadoras francesas?

Que A Esmorga lle chegara ao público francés demostra a universalidade da historia de Eduardo Blanco Amor. Ademais, a través desta película logramos transmitir e plasmar a nosa cultura e a nosa forma de ser. Do coloquio que tivemos en Toulouse, no que participaron unhas 150 persoas, saímos coa percepción de que os franceses sentían que estaban vendo algo diferente ao cinema español, e isto ocorre porque conseguimos crear algo que ten a ver con nós.

Moitos intelectuais franceses relacionaron os personaxes principais de A Esmorga –O Bocas, Cibrán e Milhomes- con Rimbaud, Baudelaire e Verlaine

Que lle sorprendeu do público francés?

A cultura cinematrográfica que ten, que axuda a que saian do cine emocionados e emocionadas. Só hai que ver o IVE que soporta o cinema en Francia. Antes estaba no 7% e agora baixárono ao 5%. No Estado español estaba no 9% e subírono ao 21%. Disto falou Marisa Paredes, actriz homenaxeada nesta edición do certame, que na súa intervención tamén se referiu a que dous dos filmes máis laureados, Loreak e A Esmorga, son en euskera e en galego, respectivamente.

Esperaba tal suceso?

Colleume por sorpresa. De feito, non sabía nin que dicir cando recollín o premio –a mellor director. Foi unha ledicia enorme porque recoñece o apoio e o espallamento da nosa cultura e do noso idioma, do que nós somos. Foi moi emocionante ver os galegos e galegas (eramos uns dez) chorando ao ver unha película galega en galego subtitulada en francés… Despois de tantos antes, aí estivemos co noso cine.

Foi moi grande que recoñeceran unha película 100% galega e con Blanco Amor detrás

Supoño que sentiría moita emoción logo das gabanzas que recibiu do xurado e de que crearan o premio ao mellor director ad hoc…

O xurado está formado por uns dos mellores cineastas franceses, por persoas que saben moito de cine, por iso que é moi grande que me fixeran ese recoñecemento e cunha película 100% galega e con Blanco Amor detrás. Tamén sentín moita emoción cando foron premiados os actores. Ademais, era o aniversario de Karra e cando subiron ao escenario Miguel –De Lira- e “Morris” levaban cadanseu 5 para que soprase as velas. Todo o cine cantou os “parabéns para ti”en francés. Foi moi divertido e emocionante

A estas alturas pode dicirse que A Esmorga é un suceso a nivel crítica e público?

Aínda a día de hoxe (onte proxectouse en Cuntis) está a ter moi boa acollida. En novembro imos facer unha campaña grande porque sae a película en DVD. Con todo, nunca esperas a grande acollida, porque o cinema é moi impredicíbel. O que sabiamos era que cada un de nós iamos poñer todos os nosos esforzos na fita. Eu tiña a teima de que todos, o equipo técnico e a artística, fixesen a peli de cada un deles. O que máis me gusta do cine é o traballo colectivo e creativo. Cando implicas todo o equipo técnico e artístico intúes que xa estás no bo camiño.

Cada galego que leu a novela fixo a súa propia película e era difícil estar á altura

Cal cre que é a receita do éxito da esmorga?

Manter vivo o espírito que hai na novela, una das grandes da literatura universal. Se mantiña vivo o espírito, sabía que ía chegar a todos os galegos que leron a novela. Ese era para min un dos medos máis grandes, porque cada galego que leu a novela fixo a súa propia película e era difícil estar á altura. Foi nas estreas cando me empecei a tranquilizar, porque a xente me comentaba “era a película que eu imaxinaba”.

O reparto, a fotografía… tamén son moi gabados

A atmosfera que recollía Blanco Amor na novela era difícil de reproducir. Conseguir esa luz de Ourense era complicado. Creamos un personaxe máis coa atmosfera, só así era posíbel que fose críbel. Toda a arte foi marabillosa e a Dirección artística era fundamental para chegar a emocionar o espectador. Ademais, o idioma era importantísimo para min. Estivemos traballando con Bieito Iglesias para reproducir os diálogos dos anos cincuenta e mesmo metemos xerga propia de Ourense. Amais de Karra, que pasou dous meses estudando o idioma, Morris e Miguel tiveron que aprender o sotaque ourensán. Cando a totalidade da obra camiña por unha dirección en que a historia é o fundamental e cunha novela e un guión tan grandes sae algo tan marabilloso e, sobre todo, conséguese emocionar o espectador, que para min é o fundamento do cinema.

Logramos que A Esmorga chegara a un madrileño

Como planificaron as escenas? O labor de fotografía foi moi significativo.

O director de fotografía traballou na India, nos EUA e en México pero nunca traballara aquí. Estivemos máis dun mes e medio indo a Ourense para captar e reproducir a luz. Para min era algo fundamental. Tamén empregamos moito o plano secuencia e a cámara en man, e non en trípode. Concibín a historia como unha película en movemento continuo. Os personaxes da historia están metidos nunha espiral e tecnicamente tratamos de reproducilo.

Como foi acollida a película fóra de Galiza?

Estivemos oito semana nos cines de Madrid e 12, en Catalunya. A película proxectouse en cines de versión orixinal con subtítulos. Como nos sucedeu en Toulouse, decatámonos de que ao final do local pode saír o universal. Logramos que A Esmorga chegara a un madrileño.



x