''Menos mal que no teatro aínda quedan grupos que pasamos a gorra e actuamos en todas as partes''

''Menos mal que no teatro aínda quedan grupos que pasamos a gorra e actuamos en todas as partes''
Escena de 'Hamster': en primeiro plano, Lara Rozados [Imaxe cedida]
Escena de 'Hamster': en primeiro plano, Lara Rozados [Imaxe cedida]  

A compañía Histeria Teatro anda de xira coa súa última obra, Hamster, ao tempo que cocen a lume morno a súa vindeira estrea, Berlín. Entre ensaio e ensaio aténdenos unha das súas integrantes, Lara Rozados.


 

Se hai alguén que a día de hoxe pode analizar o teatro galego desde todos os puntos de vista, ese alguén podería ser Lara Rozados. Xornalista, crítica e actriz, fai parte de Histeria Teatro. Na última obra que a compañía levou aos cenarios, Hamster, ela é un macho de hamster que vive acomodado na súa gaiola, asentado no conformismo.

Namentres andan de xira estes animaliños, maduran a seguinte estrea, Berlín, a adaptación ao teatro do disco homónimo de Lou Read realizada por Leonardo Fernández Campos ou, o que é o mesmo, O Leo. E antes destas houbo outras. Moitas outras.

A experiencia riba das táboas encetou en 2001 cunha adaptación do Ramón de Sergi Belbel. Unha manta tecida con poemas, adaptacións de El Club de la Comedia ou unha peza baseada no Refraneiro Galego de Xaquín Lorenzo, Xocas, viñeron despois. Mais moito mellor se nolo conta Rozados.
 

Histeria, ese suposto mal das mulleres. Que ten a ver cunha compañía de teatro? 

Pois... non sei. O nome púxenllo eu un día que cheguei histérica da facultade correndo para un ensaio e preguntáronme que nome pórlle ao grupo. Foi o primeiro que me saíu. Pero péganos bastante, porque pode que esta suposta 'doenza' das mulleres teña a ver con procesos semellantes aos que se viven actuando: os nervos, as bolboretas no estómago... esas cousas! 

"O nome á compañía, Histeria Teatro, púxenllo eu un día que cheguei histérica da facultade correndo para un ensaio"

En 'Hamster' soben ao cenario unha gaiola partillada por unha parella de macho e femia. O ser humano é un animal engaiolado, si, mais hai algo máis, non si? Ela ten as malas prontas para fuxir... 

O macho está moi feliz coa súa pseudocomodidade e coa orde estabelecida das cousas. Non quere ir máis aló de contentar ao seu público e que lle dean de comer. É feliz na súa escravitude, que non identifica como escravitude. 

Mais ela é hiperconsciente dela, e por iso ten a mala lista e devece por saír fóra. Amosan un pouco dúas caras contrapostas do ser humano: a conformista, acomodada e resignada, e a rebelde e insubmisa. Dúas partes de nós que tod@s temos en loita no noso interior.

En 'Hamster' "interesounos explorar certa masculinidade, a que está cómoda no rol estereotipado de home, e contrapor unha personaxe que se rebela contra iso"

É a perspectiva de xénero unha cuestións transversal nas pezas de Histeria?

Si que o é. De feito, nesta obra xogamos expresamente con dúas actrices, unha delas, eu, para acometer un papel masculino. De becho, pero masculino. Interesounos explorar certa masculinidade, a que está cómoda no rol estereotipado de home, e contrapor unha personaxe que se rebela contra iso. 

Viu Santiago Cortegoso esta versión da obra que el escribiu? Que lle pareceu?

Si, viunos no Centro Sociocultural de Santa Marta, en Compostela, na Sala Agustín Magán, e gostou bastante. Supoño que sería bastante diferente a como el a concibiu, ao xogar con dúas actrices... Mais a obra agradoulles a el e á súa compañeira e actriz de Ibuprofeno Teatro Marián Bañobre. 

"O que están facendo as institucións é consolidar certo tipo de cultura, elitista e fondamente clasista, e desprestixiar a cultura de base"

Na representación de 'Hamster' hai elementos que son propios do clown e tamén pasan a gorra ao remate do espectáculo. Como valora o acceso á cultura? 

Pois menos mal que existimos grupos que aínda pasamos a gorra e actuamos en todas as partes! O que están facendo as institucións é consolidar certo tipo de cultura, elitista e fondamente clasista, e desprestixiar a cultura de base, coa importancia que esta ten para o tecido cívico. 

Vese que o tecido cívico non lles interesa. O teatro, dentro das artes e da cultura, é un dos sectores máis deostado, precisamente, penso, polo que ten de axitador. E isto pasa tanto no profesional coma no afeccionado.

Pídolle que se molle. Cal é a obra dramática da cal gostou máis e por que?

Lemos moitas moitas, e algunha das que máis nos gustou non era precisamente unha obra de teatro: os Monólogos da vaxina, de Eve Ensler, son agudos, lúdicos (á par que lúcidos) e moi interesantes. Ao mellor a obra á que lle temos máis cariño é Ramón, do dramaturgo catalán Sergi Belbel, porque foi a primeira que fixemos e sempre triunfou entre o público. Normal. Vai de catro mulleres, que son a mesma en diversas facetas, botándolle a bronca a un pobre home, Ramón. 

"Berlín é un proxecto que xa vén de vello, de hai sete ou oito anos polo menos, e que pode resultar moi sorprendente"

E agora que xa se mollou... atrévese coas tres primeiras liñas da crítica doutra das obras que teñen en carteleira, 'Berlín'?

Aínda está en cueiros! É un proxecto que xa vén de vello, de hai sete ou oito anos polo menos, e que pode resultar moi sorprendente. Escribiría algo así coma "Á moi boa versión que Leonardo Fernández Campos fai dos versos de Lou Reed súmase unha coidada execución do mesmo á voz e á guitarra". Non me atervo con máis, porque pouco máis fixemos que a versión e ensaiarmos as cancións.
 
O terceiro disco en solitario de Lou Reed adaptado para o teatro por O Leo... vaia luxo!

Si, todo un luxo, a verdade. A idea parte dun traballo académico de tradución que fixera el, traducindo as cancións do Berlín ao galego, e estase implicando moito nos ensaios. Contarmos con alguén coa súa experiencia e o seu talento é todo un privilexio.

Da re-utilización da poesía na música pasamos á re-utilización da música no teatro. Como foi esta experiencia de rachar coas fronteiras?

A verdade é que o disco é unha novela, a historia dunha parella de ionquis no Berlín dos 70. Está cargado de narratividade, e do diálogo (ou monólogos) dos seus dous personaxes sae este álbum. Quédanos traballar na parte máis teatral do asunto.

"Cun pouquiño que se apoie, o teatro ten moito que facer"

O teatro é unha arma de futuro mais, está cargada ou descargada?

Cargada e ben cargada! Como dicía Avelino González nunha entrevista nun AFondo do Sermos hai pouco, temos moi boa masa e moi bos amasadores, o único que nos falta é o lévedo. Cun pouquiño que se apoie, o teatro ten moito que facer.

Que queixas ten a Lara actriz de teatro da Lara xornalista? Fan os medios de comunicación todo o que poden para promocionar os grupos amador ou céntranse no xa coñecido, na 'audiencia asegurada'?

Pois a verdade, o teatro amador segue un pouco na sombra e coa importancia que ten en Galiza non debera ser así. Hai un tecido moi importante e fundamental para a construción dunha cidadanía activa, esa que non agarda que llelo dean todo feito. 

O teatro afeccionado é motivador, ilusionante e eleva a autoestima, e tamén fomenta a creación de público. Fáltanos o apoio dos medios! Cantas entrevistas a grupos afeccionados vemos na prensa? Moi poucas, cando menos esta é a primeira que nos fan, quitando unha na edición local de La Voz de Galicia hai anos, a unha rapaza que xa non está no grupo!

"Fáltanos o apoio dos medios! Cantas entrevistas a grupos afeccionados vemos na prensa?"

En 2013 o Día das Letras estivo dedicado por vez primeira a un teatreiro. Que supuxo esta conmemoración para coñecermos Vidal Bolaño? 

Con con el pasou algo moi particular, ao se tratar dun autor moi recente e moi próximo na órbita de Santiago e do teatro. Serviu un pouco para revolvernos, para facernos cuestionármonos moitas cousas e para darnos azos. Foi bonito porque foi un ano en que estivo moi vivo, el e a súa obra.

Todo se dinamizou moito e non se limitou ao 'ritual' das Letras, que sempre tende a ser algo máis estático e un pouco homenaxe á vella gloria de quenda, sen avivala máis. Neste caso non foi así. Penso que se leu e se reinterpretou a Roberto. E agardemos que se siga lendo e reinterpretando moito máis!



x