MANUEL SOTO, COORDENADOR DE SERMOS ADEGA

"Queremos cubrir o oco de información medioambiental que non está nos medios"

"Queremos cubrir o oco de información medioambiental que non está nos medios"
Manuel Soto [Imaxe cedida]
Manuel Soto [Imaxe cedida]  

Esta quinta feira o Sermos Galiza estará, como cada semana, nos puntos de venda habitual mais nas súas páxinas interiores incluirá un novo suplemento, co cal o semanario oferecerá 48 páxinas.


 

Esta semana nace Sermos Adega, un caderno que acompañará o semanario en papel --xunto co caderno A Fondo-- e que achegará información de actualidade sobre cuestións medioambientais. Da man de Manuel Soto, o seu coordenador, avanzámosvos algúns dos seus contidos. 

En que consiste Sermos Adega?
Trátase dun proxecto de colaboración [en parcería con Sermos Galiza] que abrangue temas de actualidade medioambiental e da actividade de Adega que é quen sen encarga de seleccionar os contidos. 

Que asuntos incluirá?
Neste primeiro número do suplemento o tema central xira arredor da campaña Cousa de Raíces, unha campaña na defensa do monte autóctono galego caducifolio. Aliás, inclúe varios artigos de autor, unha sección con novas de actualidade e unha entrevista. Esa é a estrutura que manteremos nos sucesivos números. 

A imprensa atende, polo xeral, de maneira acaída aos asuntos medioambientais e ecolóxicos?
Coido que non se presta atención ou é moi escasa. Algúns recollen informacións, mais afastados da óptica do ecoloxismo popular que se desenvolve na Galiza, agás cando se trata de grandes conflitos. 

Nos últimos anos reavivouse a defensa do territorio?
A defensa, por exemplo, do monte autóctono sempre estivo aí. Ora ben, a novidade de Cousa de Raíces é o seu carácter participativo e a creación de sinerxias entre distintos axentes. Asuntos máis novidosos foron a defensa dos recusos naturais fronte á minaría, unha loita que si se avivou nos últimos anos como tamén a loita contra o urbanismo descontrolado. 

Que motivou Adega a levar adiante este proxecto de colaboración con Sermos Galiza?
Adega sempre prestou atención á divulgación através da revista Cerna, que actualmente é electrónica, e dun anuario en papel. Mais con este proxecto quixemos reforzar ese traballo e, asemade, cubrir ese oco do que falabamos antes que existe e que a imprensa non está a cubrir. 

"Achegaremos o caso dunha familia que, ao longo dos últimos 15 anos, reconverteu un eucaliptal en monte caducifolio"

Podes adiantar algúns dos contidos deste primeiro número?
Saímos esta quinta feira como tema principal, como comentaba, de Cousa de Raíces. Unha iniciativa que abrangue máis de 50 entidades, desde empresas forestais, comunidades de montes até entidades ecoloxistas que pulan pola conservación da paisaxe. Xunto a el, presentaremos dous artigos de opinión, un da autoría dunha empresa forestal que falará do sector do castiñeiro e das posibilidades que este ofrece no aproveitamento do monte. Así mesmo, achegaremos o caso dunha familia que, ao longo dos últimos 15 anos, reconverteu un eucaliptal situado próximo á súa casa, en monte caducifolio. É unha experiencia que pode servir para animar a máis persoas a recuperar o monte autóctono. Finalmente, entrevistaremos a presidenta de Adega coa que inauguraremos a sección de entrevistas. 

Coa campaña electoral das municipais á volta da esquina, cales son as demandas de Adega para as formacións que concorran a estes comicios?
Son múltiples, de feito a organización está a traballar na proposta. Pola miña banda, salientaría unha cuestión que me parece fundamental e que me preocupa. O feito do emprego e o seu impulso desde o ámbito local através da creación de servizos públicos fronte á tendencia á privatización. Aí atopámonos coa depuración de auga, sobre todo nos núcleos grandes e pequenos; a xestión de residuos, a compostaxe ou a educación ambiental. Cuestións que moitas veces están sendo pagadas a empresas. 



x