O 15 de agosto, Día das Galegas nas Letras en Compostela

O 15 de agosto, Día das Galegas nas Letras en Compostela
I Día das Galegas nas Letras [Foto: Facebook d'A Sega]
I Día das Galegas nas Letras [Foto: Facebook d'A Sega]  

A protagonista será Patricia Janeiro, Señora das Letras 2017, e a xornada discorrerá entre roteiros, lectura de manifesto, xantar popular, obradoiros e espectáculos variados. 


Esta será a cuarta edición do Día das Galegas nas Letras, unha celebración argallada pola Sega para salientar a figura dunha muller que contribuíse "de forma sobranceira" á cultura en xeral e á literatura en particular. As anteriores homenaxeadas foron Dorothé Schubart en 2014; María Victoria Moreno en 2015, o que supuxo a principal reivindicación desta autora antes de ser elixida para as Letras 2018; e María Xosé Queizán en 2016. 

 

O manifesto deste ano está dedicado "a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita (...)"

 

Neste 2017 o Día das Galegas nas Letras terá lugar no Parque de Bonaval en Compostela, a cidade de Patricia Janeiro, a homenaxeada deste ano. A xornada comezará ás 12 da mañá cun roteiro coa escritora desde a Praciña de San Roque e continuará ás 13.30 horas cunha lectura do manifesto seguido de micro aberto a quen queira participar. Logo do xantar popular, a partir das 16 horas haberá un obradoiro de poesía para crianzas, outro de "librocricas" e terán lugar diferentes espectáculos de artistas como Chus Álvarez, M.J., Charo Pita, Áureas e as Tamborililás Batukada Feminista. 

 

O manifesto deste ano está dedicado "a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita. A todas aquelas que tiveron que padecer que mentres uns atopan os recoñecementos, o lugar nos libros de texto ou os máis altos honores cunha ou dúas obras publicadas, outras escapen polos mesmos motivos ata dos andeis das librarías, xa non digamos a atención da crítica, o canon e a fama literaria".



x