CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

2018: todo o cinema que está por vir

2018: todo o cinema que está por vir

Made in Galiza... calidade asegurada

 

O 2018 será un ano para afianzar o imparábel ascenso internacional do audiovisual galego. De seguro van deixar o pavillón ben alto títulos como Aquilo que arde de Oliver Laxe, sobre os lumes forestais; Tempo vertical de Lois Patiño, historia de realismo máxico no rural galego; A sombra da lei de Dani de la Torre, coprodución con Francia e Catalunya ambientada nos anos 20 con Luís Tosar á fronte; A visitante de Alfonso Zarauza, un drama entorno ás illas Ons; Arima, filme de corte experimental realizado por Jaione Camborda Coll; Trote de Xacio Baño, unha fita que xira arredor da Rapa das Bestas; Dohgs de Andrés Goteira, á espera de se estrear en salas como se merece; ou A estación violenta, o interesantísimo debut de Anxos Fazáns que xa tivo preestrea no Cineuropa Compostela 2017. Auguramos moitos éxitos.

 

Dos Globos de Ouro aos Óscar... e tiro porque me toca

 

Os primeiros meses do ano adoitan surtir a carteleira cunha morea de bons filmes pois sempre coincide con varias da citas máis prestixiosas do mundiño: os Globos de Ouro (7 de xaneiro), a Berlinale (15 a 25 de febreiro) e os Premios Óscar (4 de marzo). 

 

Comeza xaneiro con: Molly’s Game de Aaron Sorkin, seguida de O museo das marabillas de Todd Haynes, Tres anuncios nas aforas de Martin McDonagh, O instante máis escuro de Joe Wright e, para finalizar, unha das dúas que presenta Steven Spielberg este ano: Os arquivos do Pentágono, con Tom Hanks e Meryl Streep, a outra leva o título Ready Player One e promete ser unha historia chea de fantasía cun toque oitenteiro retro, pero iso xa será ben entrado marzo. 

 

En febreiro vai: O fío invisíbel de Paul Thomas Anderson, 15:17 tren a París de Clint Eastwood, The Florida Project de Sean Baker, Roman J. Israel, Esq. de Dan Gilroy, The Party de Sally Potter, A forma da auga de Guillermo del Toro, ou Todo o diñeiro do mundo de Ridley Scott

 

Para os máis pequenos da casa... e non tan pequenos

 

Entre o máis destacado atopamos: Loving Vincent, a primeira película feita ao óleo; Illa de cans, un novo stop-motion de Wes Anderson; Mazinger Z Infinity, o agardado retorno en pantalla grande famoso mecha xaponés; ou Cavernícola, o último dos creadores de Wallace e Gromit.

 

As grandes produtoras de animación tamén teñen lista a súa artillería pesada en forma de secuelas: Disney/Pixar con Os incríbeis 2, de Brad Bird; Sony con Hotel Transilvania 3; a Warner trae SCOOB, nova volta de parafuso a Scooby-Doo; e a Universal tratará de asaltar a billeteira de Nadal con Como o Grinch roubou o Nadal.

 

Máis modestas, mais non por iso menos interesantes temos: Goblins, da especialista en stop-motion Laika Entertainment; Unha voz silenciosa un intenso anime romántico coa alongada sombra do acoso escolar de fondo; a china Monkey King retoma o mito da lenda de Hanuman, o “deus mono”, lenda que inspirou as aventuras de Songoku; e tamén dúas adaptacións animadas: a de Peter Rabbit sobre o conto infantil de Beatrix Potter, e White Fang que fará o propio co clásico de Jack London.

 

Aínda sen data de estrea temos Memorias dun home en pixama de Paco Roca, que mesturará imaxe real con animación, e tamén a coprodución galego-mexicana-portuguesa Dia de muertos que terá a súa oportunidade neste 2018 tras ter que pospoñer a estrea por mor de Coco de Disney. A ver se desta...

 

Secuelas, remakes... e outras caralladas

 

Un ano máis non podía faltar a, xa tradicional, loita de superheroes enmascarados da Marvel vs. DC. Predominarán os spin-offs como o de Aquaman (DC), de Black Panther (Marvel) e as segundas partes de Deadpool (Marvel) e máis de Ant-Man (Marvel), que darán pé á traca final dos Vingadores, titulada Infinity War (Marvel)... pero ningún deles será rival para o superheroe catalán cunha “S” xigante amarela no peito chamado Superlópez, adaptación da banda deseñada creada polo xenial Jan.

 

Secuelas tamén para Pacific Rim; do musical Mamma Mia; de Animais Fantásticos; de Sicario, esta vez dirixida por Stefano Sollima; veremos que pasa na sexta entrega de Misión: Imposíbel ou a terceira de Johnny English. A principios de xuño temos a esperada continuación de Jurassic World dirixida por J.A. Bayona e, en modo remake, contaremos coa do clásico de ciencia ficción Depredador (de John McTiernan), dirixido agora por Shane Black; ou o do filme de culto Scarface (de Brian de Palma/Al Pacino), desta volta protagonizado por Diego Luna, dirixido por David Ayer e con guión dos irmáns Coen.

 

Entre curiosidade e medo andarán o spin-off de Han Solo, cheo problemas de produción; tamén O regreso de Mary Poppins, dirixida por Rob Marshall e cunha Emily Blunt nun rol que lle marcará de por vida; e a versión feminina da saga Ocean (de Steven Soderberg) titulada Ocean’s 8, dirixida por Gary Ross e cun reparto que conta con Cate Blanchet, Sandra Bullock, Anne Hathaway ou Rihanna

 

Por suposto haberá unha morea de filmes para fuxir por patas coma se non houbese un mañá, anoten: O corredor do labirinto: a cura mortal; Pesadelos 2; Cincuenta sombras liberadas; Rampage, unha adaptación do videoxogo homónimo protagonizado por musculiños The Rock; Bumblebee, spin-off de Transformers; e incluso un innecesario remake de Tom Raider que, pese a contar coa oscarizada Alicia Vikander, ten pinta de ser un dos maiores bluffs do ano.

 

Cinema europeu... e de outras latitudes

 

Como non todo van ser blockbusters ianquis e pelis cleanex, tamén haberá espazo para eses filmes que adoitan durar menos na carteleira que unha ración de polbo no Fiuza.  

 

Francia será un dos países que máis aporten, en canto a calidade, claro: a esperada O xoven Karl Marx (de Raoul Peck), Custodia compartida (Mellor Ópera Prima en Venecia), Un sol interior (de Claire Denis), Barbara (Mellor Dirección en Sevilla) ou O taller de escritura (de Laurent Cantet).

 

Italia aportará O viaxe das súas vidas (de Paolo Virzi e cunha estupenda Helen Mirren noemada aos Globos de Ouro) ou Hannah (Mellor Actriz en Venecia para Charlotte Rampling), 

 

De España destacamos a comedia Campións (de Javier Fesser e co omnipresente Javier Gutiérrez), o thriller O aviso (de Daniel Calparsoro) ou o drama rural Baixo a pel do lobo (con Mario Casas).

 

Desde Portugal poderemos gozar co musical obreiro A fábrica de nada (de Pedro Pinho), de Suecia co biopic Borg McEnroe (con Shia LaBeouf interpretando a John McEnroe), do Xapón a segunda parte de Marabillosa familia de Tokio (de Yôji Yamada), de Bélxica Alma mater (Premio do Público na Berlinale), de Australia Sweet Country (Premio Especial do Xurado en Venecia), e tamén de varias das candidatas ao Óscar a Mellor Filme de Fala Non Inglesa: Sen amor (Rusia), O insulto (Líbano), Na sombra (Alemaña) ou Foxtrot (Israel).  

 

Orgullo... e cero prexuízos

 

Interesante escolma de cinema orgulloso de seu que porá o, aínda necesario, grao de area contra a discriminación sexual e da identidade de xénero: 120 pulsacións por minuto (Gran Premio do Xurado en Cannes), Lola Pater (de Nadir Moknèche), a italiana Call me by Your Name (nomeada a 3 Globos de Ouro), a norteamericana Con amor Simon, a alemá The Cakemaker (Premio Especial do Xurado en Karlovy Vary), a sobrenatural Thelma (Mellor Guión en Sitges), a comedia de intercambios corporais In&Out, a agardada Bohemian Rhapsody (sobre a vida e milagres de Freddy Mercury) ou a galega Nove de novembro (de Lázaro Louzao), aínda sen data de estrea.

 

Berros, sangue... e outras frikadas

 

Para quen goce de ir ao cinema a recibir sustos haberá: a cuarta parte de Insidious (para xaneiro), unha precuela de Amityville (en febreiro), segunda parte para Os estraños (en maio) e un remake de Halloween dirixida por David Gordon Green (que será en outubro). Pola súa banda, os irmáns Spierig, directores de Saw VIII, volven ao seu país natal para un filme de casas encantadas titulado Winchester (febreiro). Emily Blunt que, como xa vimos antes será a nova Mary Poppins, tratará de non facer ruído no bosque de Un lugar tranquilo (en abril). Tras ser viral nas redes sociais e internet, Slender Man chegará ás salas en maio. Como frikada máxima unha nova volta de parafuso para os X-Men que chegan en chave de terror en Os novos mutantes. O toque de calidade vaino pór Robert Eggers (director de A bruxa) cunha nova versión de Nosferatu, e Jennifer Kent (directora de The Babadook) que presentará The Nightingale.

 

Degustacións Gourmet... e outras delicatessen

 

Para quen teña o padal cinéfilo ben afinado, tamén hai un amplo repertorio. Poderemos ver Lucky, o derradeiro filme de Harry Dean Stanton; tamén quedar abafados polas máis de tres horas que dura Ex Libris, un documental arredor da Biblioteca Pública de Nova Iorque; Lady Bird promete cinema independente USA con catro nomeacións aos Globos de Ouro; desde Brasil chega tamén un intenso drama feminista titulado Como Nossos Pais; e, rematando o ano, chegará a última achega do oscarizado Steve McQueen, que presentará Widows, adaptación dunha famosa serie británica coa que tratará de revalorizar o éxito acadado con 12 anos de escravitude. 

 

E para finalizar un listado final dalgunhas que están aínda en postprodución pero que irán desfilando ao longo de 2018 espertando un insaciábel apetito cinéfilo con só ver quen as dirixe. Procuren non babexar demasiado: Gus Van Sant (Don’t Worry He Won’t Get Far on Foot), Xavier Dolan (The Death and Life of John F. Donovan), Damien Chazelle (First Man), Thomas Vinterberg (Kursk), Spike Lee (Black Klansman), Alfonso Cuarón (Roma), Ashgar Farhadi (Everybody Knows) Mike Leigh (Peterloo), Marjane Satrapi (Radioactive), Claire Denis (High Life), Paul Verhoeven (Blessed Virgin), Richard Linklater (Where’d You Go Bernadette), Jean-Luc Godard (Image et parole), Brian de Palma (Domino), Lars von Trier (The House that Jack Built) e, por fin(?), a “maldita” O home que matou a Don Quixote de Terry Gilliam.

 

En fin, non faga moito caso deste tipo de listados e vaia ao cinema a ver o que lle pete... pero vaia.



x