24 de outubro, 'Begoñísima': "Porque seguimos lembrando e querendo (tanto) a Begoña Caamaño"

24 de outubro, 'Begoñísima': "Porque seguimos lembrando e querendo (tanto) a Begoña Caamaño"
Begoña Caamaño
Begoña Caamaño  

Dous actos en Compostela este sábado centrarán a celebración á escritora e feminista galega congregando a máis de trinta profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videografíca e comunicación


Deixounos vai para un ano, cando decidiu partir coa mesma decisión e valentía coa que decidiu vivir. E este sábado, 24 de outubro, Compostela vai acoller unha xornada de lembranza e recoñecemento á súa veciña nada no Calvario (Vigo). Baixo o lema "Begoñísima", decorrerán unha serie de actos: unha mesa redonda sobre “sororidade” na Fundación Granell e un acto no Teatro Principal que congregará máis de trinta profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videográfica e comunicación.

“A sororidade é unha arma de empoderamento que só pode facernos máis libres” (Begoña Caamaño)

A Fundación Eugenio Granell acollerá a mesa sobre a sororidade e a relevancia deste concepto na articulación actual dos feminismos, coa participación das feministas: Antía Pérez Caramés, Ana Sánchez Bello, Carmen Castro Garcia e Lola Ferreiro Díaz. Será a partires das 17:30 horas. Un encontro arredor dun dos elementos centrais na obra de Begoña Caamaño, “a sororidade” como empoderamento na procura dun mundo máis libre e máis xusto para as mulleres e formular ao tempo os perfís que a sororidade toma nas praxes actuais do feminismo.

Principal

Por volta de 30 profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videográfica e comunicación participarán no acto arredor de Begoña Caamaño que decorrerá no Teatro Principal de Compostela a partires das 20:30 horas. Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas porán a musica a un acto no que se proxectará a creación videográfica das Candongas do Quirombo, e as intervencións de Aldaolado, as escritoras María Xosé Queizán e Carmen Panero e a actriz Mónica Caamaño. Ademais contará coa participación de compañeiras e amigas da escritora, a produción de Concha de la Fuente e a colaboración de Elena Ferro.

Asemade serán presentados dous libros arredor da súa obra , O libro das Amigas, con deseño de Uqui Permui e ilustracións de Montse Amigo, no que 22 mulleres lembran á autora e Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño, promovido pola Plataforma A Sega, con textos de 25 escritoras.



x