A EDICIÓN INCLÚE UN DIARIO DE RODAXE NO ATLAS MARROQUINO

'Mimosas', o premiado filme de Oliver Laxe, en DVD

'Mimosas', o premiado filme de Oliver Laxe, en DVD
Fotograma de 'Mimosas', o filme de Oliver de Laxe.
Fotograma de 'Mimosas', o filme de Oliver de Laxe.  

A segunda longametraxe de Oliver Laxe (París, 1982) confirmou a súa traxectoria ascendente como unha das olladas principais do cinema europeo contemporáneo. Mimosas (2016) obtivo recoñecenentos aquí e acolá e en Cannes levou o Gran Premio da Crítica. Pasou polas salas de cinema de todo o Estado e parte do continente. Agora ve a luz a súa edición en DVD.
 


Esta caste de road movie espiritual, rodada nas montañas do Atlas de Marrocos, chega ao formato doméstico con algunhas novidades. A maiores do filme -en DVD e BlueRay-, con opción de subtitulado en galego e en castelán -os diálogos son en árabe-, o pacote inclúe a curtametraxe París #1 (2007) -a primeira obra do cineasta galego con certa repercusión-, o trailer e mais o libro A debilidade de crer.

 

Este último é o diario da rodaxe de Mimosas no cordal do Atlas. Escribiuno Santiago Fillol, guionista da fita. Relata, en 112 páxinas, as dificultades e os azares dunha filmación en condicións polo menos peculiares, en plena montaña e pechando as escenas de guion case en tempo real.

 

A edición -especial e limitada- en DVD-BlueRay de Mimosas presentarase, coa presenza de Oliver Laxe, a quinta feira 14 de decembro na libraría Numax de Santiago de Compostela. Numax encargárase da distribución do filme nos cinemas do Estado e asumiu tamén o deseño da súa versión doméstica.



x