A IDEA DE "DESCRENZA" CENTRA O OUTONO FOTOGRÁFICO

85 mostras enchen Ourense de fotografías

85 mostras enchen Ourense de fotografías
'Environments', de Jon Gorospe, premio Galicia de Fotografía Contemporánea do Outono Fotográfico 2016. Foto: cedida
'Environments', de Jon Gorospe, premio Galicia de Fotografía Contemporánea do Outono Fotográfico 2016. Foto: cedida  

280 fotógrafas e fotógrafos, 85 exposicións en 66 espazos e presenza en 22 localidades -18 galegas e catro de Portugal. Eis as cifras do Outono Fotográfico, a celebración da imaxe que, desde hai 35 anos, se espalla desde Ourense. Nesta edición, "o fío condutor" do certame será a idea de "descrenza".
 


"Aventurarse na refutación do evidente para descrer a evidencia", resume o director da mostra Xosé Lois Vázquez. A fotografía como vía para desaprender "os modelos decretados" e así "avanzar", engade. A imaxe revela, a imaxe cuestiona, a imaxe non acepta significados estábeis, a imaxe oponse á fe.

 

Na Sección Oficial do Outono Fotográfico, "que segue a procurar a excelencia", acolle 28 exposicións. Autoras, galegas e non, como Dafna Tal, Tamara Wassaf, Ángel Pantoja, Xaquín Rosales, Juan Adrio, Igor Calvo ou Ulla Deventer pendurarán as súas intepretacións da descrenza. Na convocatoria aberta, chamada Outono Aberto, as fotos serán de, entre outras, Teresa Charlín, Silvia Castillo, José Alves ou Mariana Guardani.

 

Mais a mostra, decana no Estado español e segundo a organización "a segunda máis antiga do mundo", ofrece outras oportunidades de se achegar ao feito fotográfico. Nas Historias da Fotografía Galega poderánse ver "arquivos de fotógrafos de Galiza xa falecidos". E Inter-seccións amosará "accións fotográficas de difícil inserción nas categorías canónicas da fotografía". A maiores, haberá obradoiros e xornadas formativas.

 

O Outono Fotográfico é apoiado polo Concello de Ourense e a Universidade de Vigo, amais doutros consistorios como da Coruña e o de Compostela. Difusora de Letras, Artes e Ideas e Ideas: Disigna Edenia e Emociois organízano e achegan o 60% do financiamento.  



x