CONCLUSIÓNS DO CONGRESO DA AELG

A poesía é un ser mutante

A poesía é un ser mutante
Participantes no congreso 'Nós tamén navegar'. Foto: Distrito Xermar
Participantes no congreso 'Nós tamén navegar'. Foto: Distrito Xermar  

Os dous días de debate sobre poesía convocados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega baixo unha variante do célebre verso de Xohana Torres -Nós tamén navegar- deixaron conclusións. Un ser mutante, definiuna a palestra sobre "innovación poética e trans-xénero". Os participantes recolleron as achegas nun documento que tamén chama á "solidariedade coas escritoras e escritores cataláns que denunciaron recentemente os impedimentos para a súa actividade".
 


Máis de trinta autoras e autores fixeron parte das seis mesas en que se organizaron as discusións. Foi a pasada fin de semana en Pontevedra. Estes estados xerais da poesía galega, cuxo ámbito temporal de prospección arrincaba no significativo ano de 1976, estiveron atravesados por varios fíos comúns. Un réxime político, o derivado da Constitución do 78, que amosa síntomas de esgotamento. A cuestión do xénero, que modificou a percepción e a historia da literatura galega nas últimas décadas. Ou as dificultades e bondades de ordenar xeracionalmente a evolución das poetas.

 

"A poesía galega de hoxe é como é porque as autoras anovaron os temas, introduciron novos materiais e desmontaron a ideoloxía patriarcal", acordaron as relatoras encargadas de abrir o encontro a sexta feira, coordinadas pola poeta Marta Dacosta (Vigo, 1966). Os intercambios dedicados á tradución e ao "diálogo con outros sistemas poéticos" tamén atenderon á desigualdade entre xéneros: "Cómpre cuestionar a perspectiva patriarcal hexemónica que lastra a tradución no noso sistema". Moderou Ramiro Torres (A Coruña, 1973).

 

O grupo de traballo que se debruzou sobre "as outras formas de comunicación do poético" centrouse, antes de máis, no teatro. Da man de Afonso Becerra (Becerreá, 1973), sintentizou unha prescrición: "Cada certo tempo, cómpre revisar e construír un discurso arredor da poesía escénica en Galiza e dos desafíos e límites respecto ao texto literario". Para o facer, o escritor Miguel Sande (Arteixo, 1961) reflexionou sobre "o teatro fóra dos edificios teatrais", Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) salientou as "vantaxes de oralizar" a poesía e Silvia Penas (Vigo, 1980) explicou os interiores do seu proxecto poético musical Cintaadhesiva.

 

Na mesa da que se encargou Carlos Negro (Lalín, 1970) tamén se rozaron eses temas. "A poesía galega contemporánea significa tamén unha aposta polo hibridismo e a fusión artística", concluíron, "converténdose nun campo expandido que, desde a palabra, interacciona coa imaxe, a plástica, a música, a danza, a performance e o videopoema". A poesía, máis unha vez, rachando os muros do reparto de xéneros literarios. "A poesía é un ser mutante", resumiron.

 

Sobre a crítica e o seu papel nos 40 anos que van da publicación de Con pólvora e magnolias á actualidade volveu pairar a apertura feminista. E como se debuxou a propia historia da poesía. María Xesús Nogueira (A Estrada, 1968) distribuíu os tempos dun debate que as propias particpantes definirion como "intenso e prolongado". Os cruzamentos entre o poema, o ensino e a ciencia ocuparon ás relatoras que, con Mercedes Queixas (A Coruña, 1968) como moderadora, denunciaron a "restritiva" lexislación lingüística e os currículos escolares determinados por "cuantificadores numéricos".

 

"Con todo, a firme vontade creadora das poetas converteu os puntos febles en resistencias positivas", engadiron desde o grupo de traballo Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia, antes de pechar as súas conclusións cunha máxima que serve para expresar o espírito de Nós tamén navegar: "A poesía galega ten futuro porque a precisamos".



x