'DE REPENTE, EN COMPOSTELA' REIVINDICA A VERSIFICACIÓN ORAL COMO PATRIMONIO

A regueifa na escola

A regueifa na escola
Regueifeiras. Foto: cedida.
Regueifeiras. Foto: cedida.  

A recuperación da regueifa como modo de expresión popular cobrou certa relevancia nos últimos anos. A Asociación Oral é unha das organizacións responsábeis desta reivindicación. A partir desta tarde, e en colaboración coa Deputación da Coruña, celebran a “repentización” poética nas xornadas De Repente, en Compostela, destinadas a “docentes, alumnado e familias”.
 


“Nos últimos anos está habendo unha emerxencia da regueifa, impulsada sobre todo por xente nova do mundo do ensino”, explica Séchu Sende, escritor, profesor e actvista de Asociación Oral: “Hai unha vontade de actualizar os seus valores. Imos falar de xénero, da importancia que ten a canción improvisada para construír un discurso moderno e actualizado aos nosos tempos. Por iso mesmo, é moi importante a participación de mulleres e rapazas novas”.

 

O ciclo comeza esta tarde ás 16:30 na cafetería Lasso do Auditorio de Galiza: “Unha experiencia única arredor da cociña improvisada e regueifada de Pía Lago, os segredos do mandil de Sofía Tarela e os contos dos vellos repentistas de Xurxo Souto”. Para a quinta e sexta feira a mostra trasládase ao Salón de Actos do Museo Pedagóxico Galego (Mupega). Na quinta feira, Vero Rilo realizará teatro improvisado e máis tarde unha regueifa en familia, da man do Clube da Regueifa da Semente. Ás 19:00, Marina Porto e Kike Estévez presentarán Metodoloxía Didáctica do Repente. A partir das 22:00 haberá foliada aberta de repente no Gramola.

 

Durante a sexta feira, as figuras de improvisación oral dos Países Cataláns e de Euskal Herria, a glosa e o bertso, serán protagonistas. Ás 18:00, Alba María e Manolo Maseda organizarán un obradoiro para docentes que finalizará cunha foliada repentista de clausura. Ás 22:00 celebraráse unha cea conxunta para as persoas que gosten de participar. Todas as actividades son gratuítas e pódese reservar praza a través de oral@regueifa.org.

 

A Asociación Oral naceu en 1997 en Vigo co obxectivo de conservar a tradición popular galega, especialmente da oral. As regueifas, figura da improvisación oral rimada, son a manifestación máis estendida desta vertente no noso país. Atópanse referencias xa na Antiga Grecia e Roma ou nas cantigas de escarnio e maldicir da Idade Media.



x