CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

A United Kingdom, unha visión distinta do problema racial

A United Kingdom, unha visión distinta do problema racial
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

A United Kingdom

(Gran Bretaña 2016, 101 min.) 

Dirección: Amma Assante

Guión: Guy Hibbert

Fotografía: Sam McCurdy

Música: Patrick Doyle

Elenco: David Oyewolo, Rosamund Pike, Tom Felton, Jack Davenport, Laura Carmichael, Vusi Kunene, Charlotte Hope, Arnold Oceng, Terry Pheto, Nicholas Rowe

 

SINOPSE

O matrimonio entre o herdeiro ao trono de Bechuanalandia (actual Botswana) e a británica Ruth Williams provoca un conflito internacional. Corre o ano 1948 e o apartheid está en pleno apoxeo. 

 

CRÍTICA

Que o título do filme non conduza a engano... Un reino unido (así, en minúsculas) non fala do Brexit, trátase dun biopic sobre a convulsa época das colonias británicas en África centrada, concretamente, no conflito internacional provocado polo matrimonio interracial entre Seretse Khama, futuro rei de Bechuanalandia, e Ruth Williams, unha empregada da prestixiosa axencia de seguros londiniense Lloyd’s. A historia comeza en 1947 cando o príncipe Khama coñece Ruth nun clube de jazz da capital británica. O frechazo é inmediato. Tras unha tempada de cortexo, Seretse pídelle que case con el. Malia as reticencias da familia Williams, do goberno británico e de todo o seu entorno, contraen un polémico matrimonio. Tras este comezo rutineiro, e case televisivo, o filme remonta sorprendentemente o voo cando chegan a África. Alí comezan a aparecer capas de racismo e incomprensión pouco tratadas no cinema. Uns interesantes matices que fai que un típico biopic de sobremesa se converta nunha interesante clase de historia e un calidoscopio antropolóxico sobre o comportamento humano. Ademais vai introducindo paseniño a incríbel historia desta parella que puxo en xaque a medio mundo até o punto de provocar un conflito político que provocou, curiosamente, o xerme da independencia de Botswana, antes protectorado británico de Bechuanalandia. Terceiro longametraxe da británica Amma Asante (A Way of Life, Belle) que, pola súa orixe ganesa, coñece de primeira man o problema racial africano e logra plasmalo perfectamente en pantalla. David Oyewolo (O ano máis violento, Selma) e Rosamund Pike (Perdida, O noso último verán en Escocia) conforman a parella protagonista. As interpretacións andan á par: por momentos algo perdidos pero en xeral solventes, a pesar que son unhas personaxes idealizadas sen apenas arestas. Unhas personaxes que van de menos a máis, igual que o filme. Un biopic amábel sen demasiadas pretensións con boa fotografía, intriga política ben matizada e curiosas costumes tribais. Unha historia tan interesante coma instrutiva que patina un pouco no comezo e nas transicións de personaxes, que por momentos parece que teñen o don da ubicuidade, pero tamén hai que dicir que é das poucas veces que as explicacións post-créditos, cos pertinentes rótulos baixo das fotografías dos verdadeiros Sereretse e Ruth, dan gaña de afondar algo máis na historia completa deste “matrimonio de inconveniencia”.



x