Agustín Fernández Paz, premio da AELG á mellor obra narrativa por ‘A viaxe de Gagarin’

Agustín Fernández Paz, premio da AELG á mellor obra narrativa por ‘A viaxe de Gagarin’
Foto: Ana Pontón
Foto: Ana Pontón  

O presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, reivindicou a literatura como “lugar de soberanía do idioma” e o papel da prensa "galega e en galego".



O Círculo das Artes de Lugo acolleu a Gala das Letras, durante a que se deron a coñecer as obras gañadoras dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). A obra A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz foi elixida como o mellor título de 2014 en narrativa polos centos de socios e socias.

Abriu a Gala a xornalista da TVG María Solar que recordou que "seguimos soñando, querendo e amando a nosa lingua". Foi seguida do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, que reivindicou a literatura como “lugar de soberanía do idioma” e a escrita literaria “como un elemento normalizador”. Sánchez fixo mención ao papel dos medios e aseguoru que “só con prensa galega e en galego é posíbel dicir as nosas verdades”. 

A distancia do tambor de Eva Veiga fíxose co galardón na categoría de poesía, mentres que Carlos Negro conseguiu o premio a mellor obra de literatura Infanto-Xuvenil por Penúltimas tendencias. "O meu maior premio son os ollos da rapazada á que lle descobres o mundo cunha palabra”, dixo durante o discurso. Monste Dopico foi a gañadora na categoría de xornalismo cultural. "Non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar respirar", manifestou.

A AELG entregou outros tres premios honoríficos e unha distinción, anunciados con anterioridade. Recoñeceuse Josefa Arias e Emilio do Pando, por unha vida dedicada a transmisión da cultura popular galega, co premio ‘Mestras-es da Memoria’. O Escritor Galego Universal 2015 foi para o autor brasileiro Luiz Ruffato. Abraham Cupeiro e Iago González puxeron a música na Gala das Letras “dando vida aos instrumentos esquecidos”.

Lista de premiados:

Mellor tradución: Darío Xohán Cabana por A Divina Comedia, de Edicións da Curuxa.

Mellor obra de teatroObras completas.Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño en Edicións Positivas.

Mellor ensaio: Helena Miguélez-Carballeira por Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Através Editora. 

Mellor obra narrativa: Agustín Fernández Paz por A viaxe de Gagarin, de Edicións Xerais.

Mellor obra de poesía: A distancia do tambor de Eva Veiga, en Espiral Maior. 

Mellor blog literarioCaderno de crítica de Ramón Nicolás 

Mellor obra de Literatura Infanto-XuvenilPenúltimas tendencias de Carlos Negro, de Edicións Xerais.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural: Montse Dopico.

Premio Bos e Xenerosos: Xosé María Palmeiro, Manuel Lombao, Tareixa Navaza, Margarita Ledo.

Premio Institución Culturais: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Medios en Galego.

Premio Mestras-es da Memoria: Josefa Arias e Emilio do Pando.

Escritor Galego Universal 2015: Luiz Ruffato.