Un alalá de despedida para Begoña Caamaño

Un alalá de despedida para Begoña Caamaño
Begoña Caamaño
Begoña Caamaño  

O alalá das Mariñas despediu a Begoña Caamaño. A escritora anceiaba morrer desta maneira, ficando durmida a escoitar a cantiga na voz amiga de Uxía. Así o deixou escrito nunha carta que a propia Uxía leu diante dos centos de amigos e amigas que ateigaban Boisaca. A súa derradeira lección de vida. 


 

Non se sentía ningún movemento no auditorio cando Uxía leu a carta da escritora no acto de despedida en Boisaca. De non ser polos saloucos imposíbeis de conter no emocionante acto, tal parecería que o momento se tivera paralizado nunha foto fixa. Poucas das persoas que acudiron á homenaxe urxente da escritora Begoña Caamaño agardaban que o acto contivese un momento como ese. A autora das dúas excepcionais novelas nas que revisa a Circe e a Morgana compartiría naquel escrito unha última lección de vida, a última, conmovedora e inmensa

A carta de Begoña Caamaño, enviada a súa amiga Uxía, é un escrito cheo de forza vital, de entusiasmo e de sosego. A escritora, afectada xa pola enfermidade que a levaría á morte, recoñecíase feliz, aínda que, coma ela dicía, custase crelo desde fóra pola dureza das circunstancias. Agradecía tamén á vida -malia a “putada”- ter sido tan xenerosa con ela, en comparanza con tantas mulleres sen esperanza que nacen cada día no mundo. Máis unha vez, Begoña Caamaño reivindicaba a felicidade e transmitía serenidade, como o levaba facendo en tantas ocasións nos últimos anos. No último encontro, a escritora convocou a centos de amizades que se resistían a pensar que xa non poderían compartir máis a súa alegría e abofé que ningunha delas, de todas as que alí estiveron, esquecerán ese escrito persoal e último de Begoña Caamaño, un novo agasallo da súa especial literatura mais, desta volta, cunha intensa lección de vida. 

Unha carta como lección de vida

Begoña Caamaño, no escrito que conmocionaba aínda máis pola serenidade que transmitía, retrataba o que desexaría como o momento doce para a súa morte. Ficando durmida recostada sobre o peito do seu compañeiro e con Uxía a cantar morno o “Alalá das Mariñas”. A amiga non deixou de facelo no emocionante acto de Boisaca, onde tamén Guadi Galego, Sergio Tannus e Guillerme Fernández puxeron música a unha homenaxe na que amigas e amigos engadiron tamén palabras á súa memoria. Entre elas, a poeta Ana Romaní, que se dirixiu a ela para pedirlle que non se incomodara pola súa tristeza ou Andrea Nunes que mandou desde China un poema para a amiga. 

A carta de Begoña Caamaño, enviada a súa amiga Uxía, é un escrito cheo de forza vital, de entusiasmo e de sosego

No remate do acto, que se fixo breve e intenso, a carta volvía ser a protagonista. Difícil non comentar ese último legado de Begoña Caamaño que impactou ás amigas e amigos que, dunha maneira ou outra, debuxaban coa súa presenza a traxectoria vital da escritora. Caras coñecidas do mundo da cultura, do teatro, da literatura ou da música; activistas do feminismo, do sindicalismo, da lingua, da política ou de movementos antirrepresivos, persoas recoñecidas do ámbito do nacionalismo, moitas chegadas de Vigo e todo un amplo grupo da compostelá rúa de San Pedro, dous dos seus escenarios privilexiados. Amigas e amigos, moitos, en definitiva, que falan do querida que era a escritora. Toda unha rede, unha “comunidade de afectos”, como dixo María Reimóndez, que ela teceu durante toda a súa vida. 

“Teño unha casiña branca, na Mariña entre os loureiros, teño amores teño barcas, e estou vivindo no ceo”, comezou a cantar Uxía diante do conmocionado auditorio, aquel Alalá das Mariñas que ela quería para a súa despedida. 

 

(Imaxes do acto: Adriana P.Villanueva)



x