ESTA FIN DE SEMANA, O PRATO FORTE DESTA CELEBRACIÓN

Allariz regresa ao Medievo coa Festa do Boi

Allariz regresa ao Medievo coa Festa do Boi

Para festa, a do Boi de Allariz! Durante oito días, a capital do Arnoia, cun papel central no Reino de Galiza, regresa ao ano 1317 para levar ás rúas da vila unha celebración de carácter tradicional e popular que, segundo a lenda, ten orixe na conflitividade social entre o colectivo xudeu e o cristián da Baixa Idade Media. 


Seis foguetes anuncian a saída do boi e unha soa, a fin da carreira. Desde o pasado sábado 10 até o próximo domingo 18 de xuño -realmente o prato forte da festa é a próxima fin de semana-, Allariz volve ao século XIV para celebrar unha das festas máis populares e tradicionais do país, a do boi. Unha cita de orixe medieval que fai 700 anos e que se consolidou como unha das festas imprescindíbeis do calendario nacional, ao congregar milleiros de persoas chegadas desde todos os puntos.

 

3“É unha cita que ten a ver co pasado medieval de Allariz”, salienta o alcalde, o nacionalista Francisco García, quen nos lembra que a orixe se enmarca en 1317. A lenda sitúaa da man do fidalgo Xan de Arzúa, “unha mestura entre o mito e a persoa”, afirma o historiador e profesor Antonio Blanco, portavoz da asociación á que lle deu nome o iniciador da tradición do boi. O conflito entre o pobo xudeu e o cristián, di a lenda, está detrás da festividade. Xan de Arzúa sacaría un boi ás rúas de Allariz para amedrentar os xudeus que se burlaban da comunidade cristiá cando tiñan lugar as procesións.

 

“Falamos dunha tradición gremial, a das confrarías profesionais. Era moi normal, arredor do Corpus, que as distintas profesións saísen á rúa para exhibiren algúns elementos exclusivos do oficio. De aí xorden as danzas de espadas ou as penlas”, expón o historiador Anselmo López Carreira en declaracións a Sermos Galiza, “son restos arqueolóxicos do patrimonio inmaterial”. Neste contexto, o experto na Idade Media pon de manifesto que “na veciña cidade de Ourense, os carniceiros sacaban un touro polas rúas e este feito tería influído moito na orixe da Festa do Boi de Allariz. Case con completa seguridade era o que se facía en Allariz”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 249, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x