Alvarellos celebra os 40 entrando no mercado infantil

Alvarellos celebra os 40 entrando no mercado infantil
Imaxe da presentación na SELIC de 'Contos do Sol e da Lúa', con Henrique Alvarellos, Helena Villar Janeiro e a ilustradora Ana Costas [Foto: Facebook de Helena Villar]
Imaxe da presentación na SELIC de 'Contos do Sol e da Lúa', con Henrique Alvarellos, Helena Villar Janeiro e a ilustradora Ana Costas [Foto: Facebook de Helena Villar]  

Alvarellos, a vicedecana das editoriais galegas, cumpre estes días 40 anos de existencia e celébrao presentando unha nova colección de libros infantís. Verdemar se chama. 


Esta sexta feira 16 de xuño Alvarellos Editora cumpre 40 anos da súa presentación en Lugo. O seu actual director, Henrique Alvarellos, fillo do fundador -Enrique Alvarellos-, explica así este movemento: "Somos a vicedecana das empresas editoras galegas e afrontamos o futuro ollando aos primeiros lectores e lectoras. Damos un xiro na nosa liña editorial e comezamos con esta ilusionante Colección Verdemar. Seguiremos publicando libros para adultos, por suposto, pero a nosa pretensión é ir captando aos lectores máis novos. É un mundo fascinante apra traballar desde unha factoría de contidos como é a nosa". 

 

Abren con dous títulos novos: o álbum ilustrado 'Queres ler un libro comigo?', do americano Lawrence Schimel; e 'Contos do Sol e da Lúa' de Helena Villar Janeiro.

Estes días chegan ás librarías os primeiros exemplares dos dous primeiros títulos desta nova colección, que xa foron presentados na pasada SELIC (Semana do Libro de Compostela): o álbum ilustrado 'Queres ler un libro comigo?', do americano Lawrence Schimel e debuxado polo artista paulista Thiago Lopes, destinado a crianzas a partir dos 3 anos; e 'Contos do Sol e da Lúa' de Helena Villar Janeiro, con ilustracións de Ana costa, dirixido a maiores de 8 anos.

 

O nome da colección, explican desde a editora, provén do Príncipe Verdemar, un dos protagonistas da peza de teatro 'A cabeza do dragón', de Valle-Inclán, que vén de ser levada ao teatro por Quico Cadaval este mesmo ano. A editorial avanza que nos vindeiros meses irán aparecendo novos títulos desta colección, entre eles, un conto do propio Quique Alvarellos baseado na historia do bosque do Banquete de Conxo. 
 



x