CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

American Pastoral

American Pastoral
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

American Pastoral

(EUA 2016, 108 min.) 

Dirección: Ewan McGregor

Guión: John Romano

Fotografía: Martin Ruhe

Música: Alexandre Desplat

Elenco: Ewan McGregor, Jennifer Connelly, Dakota Fanning, Peter Riegert, Rupert Evans, Valorie Curry, Uzo Aduba, Molly Parker, Samantha Mathis, David Strathairn, Hannah Nordberg

 

SINOPSE

Seymour “o Sueco” Levov sempre foi un tipo afortunado: lendario atleta na universidade, home de negocios de éxito, casado cunha ex-aspirante a Miss América e cunha filla preciosa que adoran. A repentina desaparición da súa filla cambiará a fortuna do Sueco.

 

CRÍTICA

Ópera prima do actor escocés Ewan McGregor que adapta o homónimo best-seller e premio Pulitzer de Philip Roth baixo guión de John Romano (Crueldade intolerábel). McGregor reserva para si o rol protagonista do “Sueco” Levov, un tipo de éxito e patriarca da típica familia modelo americana dos anos 60. A súa muller Dawn (Jennifer Connelly), ex raíña da beleza, deixou todos os seus proxectos de vida para casar e ter fillos. E así foi... tiveron Merry, unha preciosa nena cun circunstancial, e adorábel, problema na fala que comeza a incomodar a medida que medra por mor de ser un hándicap á hora de facer, e conservar, amizades. Un día Merry desaparece en estrañas circunstancias e o equilibrio da familia Levov tamén... Como se desenrola entre os anos 60 e 70, é doado intuír que a selección musical terá gran importancia: The Platters, Al Sherman, Jefferson Airplane ou Buffalo Springfield, entre outros, soarán para situar temporalmente a acción. O rol de Merry consta de tres etapas, interpretadas respectivamente por Ocean James (8 anos), Hannah Nordberg (12 anos) e Dakota Fanning (adolescencia). Hai que destacar a breve, pero intensa, interpretación de Nordberg (quizais o mellor do filme) e tamén o desaproveitado que está o rol de Fanning. Mágoa. Desaproveitada anda tamén Jennifer Connelly, inda que conte con bastantes máis escintileos interpretativos que Ewan McGregor, que se limita a facer de si mesmo para variar. American Pastoral foi presentada na Sección Oficial do Festival de San Sebastián do pasado ano onde foi cualificada como “unha das máis grandes decepcións” do certame. E é que ese é o risco que se corre ao querer adaptar un premio Pulitzer: por unha banda aseguras unha historia que anda perto da excelencia mais por outra banda é moi probábel que non se atine a sintetizar en 2 horas toda a complexidade da obra, sobre todo para un novato nestas lides; e tal foi...

 

McGregor realiza un filme plano, de corte clásico e académico, con pouco que obxectar nas formas pero si en todo o demais

 

Moitos son os temas apuntados na novela: racismo, guerra, revoltas sociais, comunismo, desaparicións, corrupción, seitas, liberdade sexual ou feminismo. A película trata de abarcar todos estes temas coa “técnica” de concatenar momentos sen ton nin concerto coa esperanza que conformen o calidoscopio dunha época, pero non... McGregor realiza un filme plano, de corte clásico e académico, con pouco que obxectar nas formas pero si en todo o demais. Monotonía inusitada, interpretacións desaproveitadas, mal desenrolo dos espazos, deixa fíos inconexos, a montaxe é desconcertante, arrisca pouco (ou nada) na colocación de cámara... Incluso cando intenta innovar e ser un pouco máis arriscado semella que no fondo non quere. American Pastoral ten un par de escenas comprometidas que prometían moitísimo e darían moito xogo pero se tiran por terra de maneira incomprensíbel (sobre todo a secuencia do hotel con Valerie Curry). Con todo, e sen pecar de indulxencia, American Pastoral ten suficientes luces como para lograr maquillar todas estas sombras que mitigan o impulso de erguerse da butaca e saír da sala antes de que remate; incluso podemos dicir que funciona bastante ben dentro do ton e da maneira en que está proposta... o que pasa é que cheira de lonxe a oportunidade perdida que, de recaer en mans un chisco máis expertas, podería ser algo certamente memorábel.



x