ANDREA JAMARDO

"Imos publicar unha antoloxía de relatos que inclúe un inédito de Mª Victoria Moreno"

"Imos publicar unha antoloxía de relatos que inclúe un inédito de Mª Victoria Moreno"
Andrea Jamardo, coordinadora de 'Mulleres Bravas da nosa historia' [Foto: Mireia García]
Andrea Jamardo, coordinadora de 'Mulleres Bravas da nosa historia' [Foto: Mireia García]  

Urco Editora publicou no seu día a única biografía infantil que se coñece de María Victoria Moreno, a escritora quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2018. Agora a editora galega ten entre mans reeditar obras descatalogadas amais dun inédito da escritora. Falamos con Andrea Jamardo, editora do proxecto.


- Como xorde este proxecto?

 

-Pois… nace a raíz da publicación dun volume da colección ‘Mulleres Bravas da nosa historia’, dedicado a María Victoria Moreno. Pensamos que é unha autora esquecida no panorama literario actual e desde Urco Editora decidimos que non podía ser así polo que non dubidamos en contactar coa familia da escritora.

 

-Que tal vos recibiu a familia?

 

-Moi ben. O mellor de todo foi o ben que lles pareceu a idea que desde Urco decidimos levar a cabo. Falamos con Begoña, a súa filla, e Pedro, o seu marido, para saber como estaba o tema de dereitos e para ver se o proxecto que temos entre mans se podería levar a cabo ou non.

 

-Que se trae Urco Editora entre mans?

 

-Cando nos reunimos coa familia, falamos da idea de reeditar obras de María Victoria Moreno que están descatalogadas, obras que só se poden atopar nalgunhas bibliotecas, moi poucas, pero que non se poden mercar. Explicamos en que consistía o noso proxecto e que nos parecía inxusto que as crianzas de hoxe non tivesen a oportunidade de acceder a esas obras. E obviamente, ambas partes coincidimos.

 

-Ten algo que ver que a Real Academia Galega decidise homenaxear a María Victoria Moreno co Día das Letras Galegas 2018?

 

-Non, para nada! Amais pasou algo moi curioso e inesperado, talvez o destino, non sei. Teño que dicilo, por que a verdade é que me sentín moi agradecida con Begoña e Pedro e moi entusiasmada. A reunión coa familia estaba programada para o mes de abril, mais tivemos que aprazala, e coincidiu en que, o día após da xuntanza, soou o meu teléfono e quen era? Begoña, a filla de María, para contarme que a Academia decidira outorgarlle o Día das Letras Galegas 2018. A miña resposta? Xa era hora de que o seu labor e traxectoria tivese o recoñecemento que merece.

 

-Entón... por que María Victoria Moreno? Que significado ten para Urco Editora?

 

-Unha das razóns pola que decidimos reeditar publicacións de María Victoria Moreno é que foi unha pioneira e nos continuamos a considerala así. A súa dedicación e o seu afán por poñer como protagonista as nenas en historias de aventuras, o seu querer rematar co rol estereotipado de que as nenas xoguen con bonecas e os nenos ao fútbol e a súa loita constante pola igualdade e a defensa da muller, fíxonos e fainos sentir orgullo por ela e o seu traballo. Escribiu moito e moi ben, publicáronse obras moi interesantes, non só novela en galego, tamén ensaio e poesía.

 

-Que nos podes adiantar sobre este novo proxecto?

 

-Podo dicir que desde hoxe e até o mes de decembro imos reeditar dous dos contos infantís que máis repercusión tiveron de María Victoria Moreno, e que estaban descatalogados. O primeiro de eles ha ser ‘O cataventos’, que estará ilustrado por Lara Torres; e ‘A brétema’, ilustrado por María Montes ha ser o segundo conto que imos reeditar. Amais, imos publicar unha antoloxía de relatos, editada polo meu compañeiro David Cortizo, porque nunha das reunións que tivemos coa familia da escritora déronnos a boa nova de que existen dous escritos inéditos que non se chegaron a publicar. Un deles leva por nome ‘O amor e as palabras’ e pareceunos moi acaído que a antoloxía de relatos xuvenís levase ese título; persoalmente, penso que ela mesma o tivese escollido. 

 

-Iso até decembro. E para despois? A longo prazo tedes algo pensado?

 

-A verdade é que temos moito material, grazas á boa relación que temos coa familia e a súa colaboración. Podo adiantarche que imos reeditar tamén o poemario infantil Xa non teño medo. Mais, agora mesmo e até decembro imos centrar o traballo nos dous contos infantís e na antoloxía de relatos xuvenís que contén un dos inéditos.

 

-Que obra destacarías de todo o seu traballo literario? E por que?

 

-É difícil quedar cunha, porque escribiu e publicou case todo tipo de xénero literario, e todo o que escribiu foi interesante e novidoso para min. Mais, se tivese que destacar ou quedar con algunha das súas obras, sen dúbida decántome por Mar adiante (1973). Após da publicación de Memorias dun neno labrego (1961) de Neira Vilas, María Victoria Moreno escribiu e publicou a súa primeira novela en galego coa que tentou romper os estereotipos de xénero. Decidiu pór como protagonista dun libro de aventuras unha nena, mentres por aquel entón en todas as obras eran elas as que esperaban seren resgatadas por un príncipe; ela quixo rematar con iso, como dixen antes, era unha muller brava.

 

 


 

Unha historia de amor con Galiza e co galego

 

 

María Victoria MorenoNada o 1 de Maio de 1943, en Valencia de Alcántara (provincia de Cáceres) e finada en Pontevedra o 21 de novembro de 2005. María Victoria Moreno viaxou cara á Galiza e cara ao galego, habitouno e convidou á súa viaxe a incontábeis mozas e mozos. Alumna de galego e mestra, mesmo cando o ensino da lingua propia do país aínda estaba fóra da lei, declarou en 93 que o seu co galego era “simplemente, unha historia de amor”. 

 

O seu traballo literario foi preciso para entrar en contacto co idioma para varias xeracións de estudantes do país. Anagnórise (1988) é a referencia masiva cunha vintena de edicións, xunto a ela Leonardo e os fontaneiros (1985) ou Guedellas de seda e liño (1999). A autora contactou coas crianzas desde a ficción, pero tamén desde os libros de texto. Foi coautora dalgúns dos primeiros manuais de literatura galega para BUO e COU, amais de formar profesorado nesa mesma materia. Alén da literatura infantil e xuvenil, é peza imprescindíbel para entender a autora o seu derradeiro traballo: Diario da luz e da sombra (2005), un sereno ensaio ao fío do cancro de mama que inxustamente decidiu por fin á súa apaixonante vida. O seu traballo estendeuse, asemade, á tradución, á poesía e mesmo á edición como codirectora da colección infantil Árbore.

 

Por decisión da Real Academia Galega, María Victoria Moreno será a escritora á que se renda tributo no Día das Letras Galegas 2018, o que a converte na cuarta escritora en merecer tal distinción desde que se instituíu en 1963.



x