Andrea Nunes e María Rosendo gañan o Illas Sisargas de poesía erótica

Andrea Nunes e María Rosendo gañan o Illas Sisargas de poesía erótica
María Rosendo, con Paco de Tano e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.
María Rosendo, con Paco de Tano e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.  

Diáspora de amor balea é o terceiro poemario conxunto que acada o premio. O xurado distinguiu o libro "pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”.


Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984), "voces que flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade” en Diáspora de amor balea foron galardonadas co Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, a decimosegunda edición, nun fallo que se fixo público esta noite na Cea das Letras en Malpica.

 

Diáspora de amor balea é un espistolario a dúas voces "nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación", sinala o fallo. 

 

Andrea Nunes vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español e é autora de Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011). María Rosendo, que realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social, obtivera o Premio Pérez Parallé no 2010 co libro Nómade.



x