CONVOCADO POR GALAXIA

Antía Yáñez recolle o premio Illa Nova de Narrativa coa obra "Senlleiras"

Antía Yáñez recolle o premio Illa Nova de Narrativa coa obra "Senlleiras"

Antía Yánez (Burela, 1991) recolleu o sábado, 14 de abril, en Vigo o Premio Illa Nova de Narrativa 2018, que convoca a editorial Galaxia e que suma dúas edicións, coa obra Senlleiras, unha novela que aborda a violencia machista.


A Editorial Galaxia vestiuse de longo o pasado sábado, 14 de abril, para entregar o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos, que vai pola súa segunda edición. Nun acto celebrado na Fundación Barrié de Vigo e coa música de Pepa A Loba como pano de fondo, Antía Yáñez recolleu o galardón grazas á obra Senlleiras.

 

O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, puxo de manifesto que a novela "conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes".  Tamén afirman que "as súas protagonistas, mulleres que teñen que construír o propio camiño para atoparse a si mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen".

 

O premio está dotado con 3.000 euros e mais cunha escultura da artista pontevedresa Basilisa Fiestras inspirada na onda que debuxou Xaime Illa Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova de Galaxia. Foi Vanesa Santiago, a anterior gañadora, quen fixo entrega do galardón á premiada. Amais da propia Antía Yáñez e de Vanesa Santiago, interviñeron no acto Francisco Castro, director da editorial e Antón Vidal, presidente. Actuou como mantedora a editora de Galaxia Malores Villanueva.

 

A premiada

 

Antía Yánez é enxeñeira de camiños e reside en Cecebre (Cambre), desde onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapazas e rapaces coa xestión dunha academia. Na súa conta de recoñecementos, atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017 e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016.

 

A galardoada xa publicara unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo en Galaxia, baixo o título O misterio de Portomarín, que acadou xa varias reimpresións. Senlleiras chegará ás librarías nas próximas semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, “a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria”, informa a editorial.

 

Orixe do premio

 

O pasado ano Galaxia creou o Premio Illa Nova para autoras e autores menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre as persoas máis novas cando se facían 60 anos desde que botara a andar a xa colección Illa Nova. “Era 1957 e a Editorial Galaxia pretendía dar continuidade ao seu proxecto a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación”, lembra a editorial.

 

Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde viron a luz algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.

 

A Editorial Galaxia contou na presente edición coa colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, a Fundación Barrié e ¿Qué hacer en Vigo?.



x