CÉSAR GOLDI, PROTAGONISTA DE 'GOLDI LIBRE'

"O antimilitarismo foi un movemento sen precedentes en toda Europa"

"O antimilitarismo foi un movemento sen precedentes en toda Europa"
Imaxe de 'Goldi libre'
Imaxe de 'Goldi libre'  

Esta fin de semana estréase en Compostela 'Goldi libre', un espectáculo protagonizado polo mesmo protagonista dos feitos que o inspiran: o César Goldi insumiso dos anos 90. Un autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. 


- Esta sexta feira estréase 'Goldi libre' en Compostela e es o único actor en escena. Que é o que contas? A túa estancia na cadea ou todo o proceso?
- Hai unha primeira parte que é unha introdución máis documental, a modo de DJ, vou soltando audios de protagonistas reais da épica, para que a xente non perda a perspectiva do que se vai falar, aínda que todo isto é en linguaxe teatral, claro. Logo na segunda parte conto como foi a miña chegada a Compostela e como acabei facéndome insubmiso. É moi guai facelo no Teatro Principal, porque a parte vella de Santiago ten absoluto protagonismo, porque así era a Compostela que eu atopei cando cheguei do Prepirineo con 20 anos, dun pobo de montaña, e cheguei a unha cidade que para min era fascinante: facíase de todo, había unha efervescencia cultural e política bestial. E cóntoo todo con moito humor e con moita autocrítica. E logo hai unha terceira parte na que conto como o vía eu por dentro e como vivín o meu paso pola prisión. 

- Fuches un dos insubmisos máis populares. Por que o teu caso foi tan especial?
- Eu non teño esa sensación, creo que moitos outros foron máis populares, como Vítor Belho ou Elías e Ramiro.

- O teu nome -naming que se chama agora- tamén axuda. Goldi quedounos a todas na cabeza. 
- Pode ser que axudara [risas]. E non quixemos desperdicialo para poñerlle o título á obra. Pero si que había moitas pintadas na cidade. 

A diferenza doutros países de Europa, aquí o pacifismo tiña un matiz moi antimilitarista. 

- Visto con distancia, poucos movementos sociais foron tan exitosos coma este. Cal cres que foi a razón?
- Sería moi longo de explicar, pero aí había moitos factores. Primeiro, o tipo de exército, que tiña o marchamo de exército fascista e era claramente impopular. E logo había unha tradición no Estado español, a diferenza doutros países de Europa, aquí o pacifismo tiña un matiz moi antimilitarista. E foi un movemento antimilitarista sen precedentes en toda Europa. Eu penso que iamos moi a rebufo de todo o que foi o movemento anti-OTAN, pero os primeiros presos de conciencia en Europa por esta razón foron españois. O fenómeno da insubmisión, esa resposta contundente, clara e radical ao servicio militar, só se deu no Estado español.

- O movemento baseouse nunha capacidade de compromiso e de sacrificio por parte dos insubmisos, que fostes máis de 4.000, pero tamén houbo un grande apoio social. 
- Si, porque o recrutamento afectaba tanto á sociedade en xeral, que malo fora que un fillo dun deputado non estivese implicado nun caso de insubmisión. Afectaba a tantos sectores sociais que iso fixo que se sensibilizara en primeiro lugar o propio entorno dos insubmisos e despois a propia xudicatura. Un xuízo non tiña nada que ver con outro. A min tocoume un xuíz moi posicionado e moi contundente, o seu alegato final fora case coma nun xuízo por terrorismo. E, en cambio, hoxe falando con Modesto Toribio, el foi o primeiro caso no que a xuíza pediu o indulto. A propia xudicatura estaba dividida. 

A min tocoume un xuíz moi posicionado e moi contundente, o seu alegato final fora case coma nun xuízo por terrorismo.

- Ti fuches condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día. Cantos cumpriches?
- Eu cumprín a condena regulamentaria, o que pasa é que aos insubmisos aplicábannos o 3º grao, porque daquela o grao de contestación social era tan grande que para evitar que as mobilizacións foran a máis -cousa que non conseguiron-, sacábannos polo día. Nós todos os días pola noite iamos durmir ao cárcere, así durante 14 meses, e unha condena, se non tes antecedentes, polo menos daquela tiñas que cumprir a metade da condena na prisión. 

- E a onde ías?
- Á Coruña. En Santiago estudaba e ía durmir á Coruña todos os días. 

- 'Goldi libre' é o primeiro proxecto saído da Berberecheira, un criadeiro de proxectos teatrais creado por Chévere. Como foi traballar a partir da túa propia experiencia vital?
- Eu nun primeiro momento escribín un borrador contando todo o que Xesús Ron -o director- quería que contara, e sobre iso el foi facendo un argumento e estruturando. Nese proceso estivemos tamén tendo reunións con xente de Rompam Filas, que era o colectivo antimilitarista no que estaba eu, e tamén con autoinculpados meus, familiares... fixemos un proceso de documentación moi longo, que nos levou un ano. 

Coincidiamos en que foi unha parte da historia superimportante a nivel europeo, que está sen escribir. Non existe o relato do que foi todo aquilo e iso está perdido na memoria colectiva.

- E dicides que é un traballo de "teatro documento". Que é isto exactamente?
- Eu non o sei moi ben [risas]. É unha obra de teatro, que nace coa vocación de entreter ao público, pero ten derivacións documentais, porque se documenta a través do meu caso particular toda unha historia e todo un movemento. É un documento histórico, ao igual que un ensaio, pero nós utilizamos a linguaxe do teatro. E, ademais, dase a casualidade de que podía ser outro actor, pero neste caso o actor e o protagonista son a mesma persoa. 

- Ti interprétaste a ti mesmo. Pero está dirixido e escrito por outra persoa. É máis doado que a narración recaia sobre outro, non?
- Si, por suposto, porque xa no proceso do borrador, as miñas reflexións levaban camiños infinitos. Creo que aí hai material para varios espectáculos, e creo que é necesario que o vexa alguén desde fóra. O director é como o demiúrgo entre o creador e o público. E facilitou moito unha estratexia que usou Xesús: que eu contase a miña historia en 3ª persoa. Goldi, que son eu, quen está a contar a historia do Goldi daquela época, que é César. Entón Goldi conta a historia de César, o que me facilitou ser máis irreverente comigo mesmo.

Chevere veu que por aí hai inquedanzas e historias interesantes, polo que decidiron crear a Berberecheira para darlle saída a proxectos que desbordan o núcleo estable da compañía.

- E como funciona a Berberecheira? Como son os procesos?
- Iso explicaríacho mellor alguén de Chévere. Aí hai outro proceso en marcha, que se chama Salvador, que se presentará en primavera ou por aí. É un espazo que crearon eles, que ten que ver con todo o traballo que están a facer ultimamente, con Eroski Paraíso e antes con Citizen e Eurozone. Esa forma de documentar a historia a través do teatro, e a través de acontecementos que lle pasaron á xente do común e non dan abasto. E eles ven que por aí hai inquedanzas e historias interesantes, polo que decidiron crear a Berberecheira para darlle saída a proxectos que desbordan o núcleo estable da compañía. E o primeiro proxecto foi o meu, aí coincidiamos todos en que foi unha parte da historia superimportante a nivel europeo, que está sen escribir. Non existe o relato do que foi todo aquilo e iso está perdido na memoria colectiva. Eu véxoo cando fago funcións nos institutos, que non se preguntan por que non teñen que facer o servizo militar. 

- O proxecto foi iniciativa túa ou deles?
- Foi deles. Xurdiu de conversas con eles, e Patricia de Lorenzo dixo: "aquí hai material para facer un espectáculo". E aí xurdiu todo. Pero se non existiran eles, probablemente non existiría este proxecto. Eu estou preocupado por outras cousas: buscarme a vida, conseguir traballo, etc. E isto é un proxecto de tal envergadura que non se me ocorrería levalo adiante. 

- Estás na Berberecheira, pero xa non es un bivalbo no seus primeiros estadios, senón que tes unha longa carreira detrás. Cales son os teus próximos proxectos?
- Aínda hai pouco que estreamos e estamos comezando a xira, polo que aínda non hai máis proxectos. Despois de Santiago iremos ao Barco de Valdeorras en febreiro e logo a Porriño en marzo. 



x