Ao galego pola vía das regueifas

Ao galego pola vía das regueifas
Participantes no proxecto
Participantes no proxecto  

O instituto de Baio e o IES Marco do Camballón Vila de Cruces veñen de poñer en marcha unha iniciativa para promover o galego a través das regueifas e as novas tecnoloxías. Logo do éxito inicial, buscan máis centros de ensino que se sumen á Regueifesta.


A iniciativa piloto púxose en marcha hai un mes liderada por dous mestres e activistas da cultura galega -entre moitas outras cousas-: Séchu Sende e Manolo Maseda. Comezaron a traballar con varios grupos a dinamización da regueifa e crearon un grupo de whatsapp no que máis de 70 rapaces de ambos os dous institutos falan de todo o que queiran, pero en verso. En linguaxe escrita ou en gravacións de voz. 

Este é o comezo dun proxecto que se presentou esta quinta feira en Compostela porque a idea é facelo “expansivo” e conseguir máis centros que se unan á iniciativa, segundo nos contou o tamén escritor Séchu Sende. “É un proxecto para varios anos, queremos activar un proceso de introdución da regueifa no ensino, xa que é unha forma de relación social cunha forte compoñente lúdica que achega aos mozos e mozas á lingua”. 

O Proxecto Regueifesta ten como obxectivo a creación dun proceso innovador de participación da comunidade escolar no coñecemento, valoración e práctica da regueifa como impulso denormalización linguística. Conta cun padriño e unha madriña moi especiais: o regueifeiro Xairo de Herbón, de 12 anos e fillo doutro regueifeiro ilustre, O Pinto de Herbón; e a Aurora de Baio, recitadora de 103 anos. Tamén apoian o proxecto Alba María e Sara Marchena, que proveñen do Certame de Regueifas de Valadares.

Entre os proxectos de futuro da Regueifesta, ademais de abrilo a outros centros do país, está unha viaxe a Euskal Herria para coñecer o funcionamento do modelo educativo vasco en canto ao bertsolarismo, dado que o obxectivo último é implantar a regueifa nos institutos galegos como actividade de apoio á normalización lingüística. 

Ademais, teñen previsto realizar un Congreso de Formación para docentes, pais e nais no mes das Letras ou unha Festa final do Proxecto, elaboración de material divulgativo de carácter didáctico e un documental, entre outras actividades.

A regueifa, fenómeno emerxente
 
 Séchu Sende fixo especial fincapé en que na promoción das regueifas “non parimos de cero, porque na zona de Vigo levan traballando moitos anos”, en referencia ao Certamede Regueifas de Valadares, que xunta máis de 600 rapaces e rapazas anualmente. Tamén lembrou a experiencia da escola A Semente en Compostela, cun grupo de nais e pais que lle regueifan ás crianzas. 



x