CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Arch Enemy: will to power

Arch Enemy: will to power

Tres anos pasaron dende que Arch Enemy  editara o seu anterior traballo, War Eternal, que ademais era o seu primeiro traballo coa nova vocalista, Alissa  White-Gluz. Un disco que foi acollido moi ben pola crítica e polos fans, malia a falta da Angela Gossow. Agora volven con Will To Power, un novo traballo de estudo para consolidar o doce momento que vive a banda.


Recoñezo que cando me enterara alá polo 2014 que Alissa White-Gluz fora a elixida como nova vocalista de Arch Enemy¸ levei unha moi grata sorpresa.  Gustaba moito da súa voz en The Agonist,  onde mesturaba a melodía cos growls.  Pensei que iso tamén o levaría a Arch Enemy, máis a esencia da banda mantívose intacta e fiel ao seu estilo de death metal  melódico e das gorxas de Alissa só sairon growls e screamos. Así o quería a banda e así o querían os fans. Arch Enemy, por sorte, non se transformou en The Agonist bis. 

 

A exitosa xira da banda, que incluíu o seu paso por Viveiro no Resurrection Fest, viña presaxiar un novo  disco, cando menos ao nivel do anterior. A banda non defraudou e este Will To Power é un digno herdeiro de War Eternal  e de Khaos of Legions. Alissa está plenamente integrada na banda, e volveu participar da  composición dos temas. O novo guitarrista, Jeff Loomis -que se ben leva xirando coa banda dende 2014 este é o primeiro álbum que grava con Arch Enemy- actúa como complemento perfecto de Michael Amott, dando unha maior contundencia ás guitarras e achegando un maior toque melódico nas partes instrumentais.  Ese maior peso da melodía tamén é debido á maior participación de Daniel Erlandsson nas tarefas compositivas e de produción xunto con Amott.

 

Cos 12 temas que compoñen o disco, vistos en conxunto, achamos unha obra inmensa onde a verdadeira protagonista é Alissa. Se deixamos as orellas afinar, descubrimos que os matices harmónicos que teñen as novas composicións van un paso máis alá na evolución da banda, facendo que o disco non deixe de soar a Arch Enemy, pero con moita máis calidade. A intención de crear unha obra musicalmente máis madura e coa produción máis coidada é o que fai deste disco un punto de inflexión da carreira de Arch Enemy.  Seguro que hai quen, amante da parte máis extrema da banda, lles bote en cara certos toques de power metal cuns retrousos demasiado comerciais, pero o certo é que a banda, malia á evolución compositiva, non deixa de facer death metal. 

 

Os dous primeiros sinxelos, The World is Yours e The Eagle  Flies Alone, son o reflexo do que imos atopar en Will To Power, que non é máis que 12 temas duns Arch Enemy que chegaron á madurez compositiva e que acharon a formación máis sólida e perfecta que xamais tiveron. Podo dicir sen medo a errar que estamos ante un dos mellores discos da banda e un dos imprescindíbeis da discografía metaleira.

 

 

 

ARCH ENEMY NAS REDES

Facebook: https://www.facebook.com/archenemyofficial/

Twitter: @archenemymetal

Web:  http://www.archenemy.net/

 

 

LISTAXE DE TEMAS

 

  1. Set Flame To The Night
  2. The Race
  3. Blood In The Water
  4. The World Is Yours
  5. The Eagle Flies Alone
  6. Reason To Believe
  7. Murder Scene
  8. First Day In Hell
  9. Saturnine
  10. Dreams Of Retribution
  11. My Shadow And I
  12. A Fight I Must Win


x