Arredor de 10.000 persoas selan unha marca histórica na estrea de "A Esmorga"

Arredor de 10.000 persoas selan unha marca histórica na estrea de "A Esmorga"
Estrea de A Esmorga
Estrea de A Esmorga  

Unha estrea “espectacular”. Así define a produtora a primeira fin de semana de “A Esmorga” nas salas de cine. Arredor de 10.000 persoas garanten a permanencia nas pantallas da película. 


 

A primeira fin de semana nas pantallas era determinante para a continuidade de A Esmorga nas salas de cinema e os “espectaculares” resultados garanten que a adaptación da novela de Blanco Amor terá futuro nos cines galegos. Con 18 copias, A Esmorga sitúase como segunda película en recadación media por sala de todo o Estado, estreándose só na Galiza. Os datos da película de Ignacio Vilar, rodada en galego, só son superados por Sinsajo, a macroprodución que se estreou con máis de 300 copias en todo o territorio estatal. 

O dato de que unha película galega, estreada só en Galiza, se situara como segunda máis vista en todo o estado está a provocar comentarios en páxinas e blogs especializados en cine pola súa singularidade. Calcúlase, aínda sen pechar as cifras, que arredor de 10.000 persoas acudiron ás salas galegas para ver os primeiros pases do filme, con especial repercusión en cidades como Ourense ou Santiago. 

Os bos resultados da billeteira garanten a continuidade na carteleira, cando menos cara á vindeira fin de semana mais desde a produtora confían en que a película estea en pantalla aínda na ponte do 6 de decembro. Os datos son tamén relevantes á hora da estrea da película fóra do territorio galego. Con contactos previos xa adiantados, os datos de público galego auguran o interese dos exhibidores de cinemas estatais que poden avanzar na estrea en español do filme, que xa foi dobrado pola propia equipa artística. 



x