MORTE DE XOHANA TORRES

As fillas de Penélope

As fillas de Penélope
Xohana Torres (á dereita) saúda a poeta Yolanda Castaño. Foto: Xosé Castro (Consello da Cultura Galega)
Xohana Torres (á dereita) saúda a poeta Yolanda Castaño. Foto: Xosé Castro (Consello da Cultura Galega)  

O maxisterio de Xohana Torres (1931-2017) foi intempestivo. Atravesou o seu propio tempo, impúxose á liñalidade das xeracións e confluíu coas poetas máis rebeldes das últimas décadas. A autora do depuradísimo e influente Tempo de ría (1992) dialogou de igual a igual coas novas promocións. E as fillas de Penélope responderon coa decisión de tamén navegar e socializaren a maxia, porque esta "existe e pode ser todas".


"A voz de Xohana fica como o emblema de quen escribiu non en busca do poderío, senón da apertura", sinala Olalla Cociña (Viveiro, 1978), gañadora do último premio Afundación con Vestir a noite. E salienta a conversa que estabeleceu coas escritoras e escritores máis mozos: "Natural, comprometida e afectuosa. Non podemos despegarnos dela, non podemos evitar buscar a súa palabra, que nos sostén entre o mar e o cosmos". Coincide con Marta Dacosta (Vigo, 1966), para quen Torres serviu, ademais, á causa da emancipación poética.

 

"Eu son Penélope / e rexeito teas e fíos / non te vou agardar", escribiu Dacosta no poema Ordenemos o universo de As amantes de Hamlet (2003), como ampliando a rebelión, levándoa máis alá, da célebre Penélope de Xohana Torres. "Dela aprendemos a ser mulleres que escriben sen veos", esténdese, "e a min abriume a porta para falar coa miña propia voz. Eu aferreime ao poema de Penélope como a unha bandeira". A que ergueron as poetas que, a partir dos anos 90, revolveron a literatura galega. De Ana Romaní (Noia, 1962) ou María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) a Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) ou a Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que onte, nas redes sociais e logo de saber da morte de Torres, se declaraba "escritora orfa".

 

"A presenza que adquiriu na década dos 90 non se esvaeceu nunca", considera Dores Tembrás (Bergondo, 1979), que coa tamén poeta Antía Otero (A Estrada, 1982) sostén a editorial Apiario, "e cando publicou a súa última entrega [Elexías a Lola, 2016], todas estabamos expectantes e esperanzadas por volvela ler. Foi un auténtico acontecemento". A obra poética de Torres desprégase en só catro títulos: Do sulco (1959), Estacións ao mar (1980), Tempo de ría e Elexías a Lola. Como puídos, extraordinarios accesos ao enorme océano que se entorna nos seus versos.  

 

Sobre o libro Os fillos da fame (2016) paira a sombra da poesía de Xohana Torres. Esa que, segundo o seu autor Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), ten por corazón "a aspiración irrenunciable á verdade". "É quen de nomealo todo desde a nada máis absoluta", engade, e refírese a ela como "a escritora máis brillante do pasado século" en Galiza, "inclasificable en ningunha xeración, pero inspiradora para todas. Xohana é infinita". As novísimas tamén recorren á palabra precisa e liberadora dos seus poemas, cuxa pegada, explícita ou implícita, se pode rastrear en Alba Cid (Ourense, 1989), Lara Dopazo (Marín, 1985), Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) ou Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016).

 

O congreso sobre poesía que promove a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que transcorrerá en Pontevedra os vindeiros 6 e 7 de outubro leva por título unha variación da máis coñecida palabra de orde da súa poesía: Nós tamén navegar. "Non é unicamente unha afirmación feminista", explica Marta Dacosta, que fai parte da organización do encontro, "senón tamén da poesía, da lingua, da nación". Porque a Penélope de Xohana Torres non pedía permiso para se rebelar contra o destino. Fartara de "tanto novelo e tanta historia" e optou por se facer cargo da súa propia existencia. Optou, daquela, pola revolución.



x