SÍMBOLO DOS SOÑOS DO PAÍS

O ascenso ao Pico Sagro resgata o espírito de Castelao

O ascenso ao Pico Sagro resgata o espírito de Castelao
[Imaxe: Cedida]
[Imaxe: Cedida]  

“Recuperar os nosos dereitos, seguir construíndo a historia, ascender á posesión dos atributos propios da nación que somos”. Esta apelación, expresada pola escritora Marica Campo na súa intervención no Pico Sagro, ilustra as finalidades coas que a federación Galiza Cultura e as asociacións O Galo, de Santiago, e Vagalumes, da Estrada, soben cada ano a este enclave ateigado de simbolismo que resgata o sentir de Castelao e das Irmandades da Fala.


Malia a chuvia, foron perto de dúas centas as persoas que asistiron á convocatoria da federación Galiza Cultura, da AC O Galo de Santiago e da AC Vagalumes da Estrada para ascender ao Pico Sagro e rememorar así o Alba de Groria de Castelao. Unha actividade de marcado carácter reivindicativo que ten lugar desde 2011 e que recupera a subida á montaña, fonte de numerosas lendas e contos populares, de Castelao e outros membros das Irmandades da Fala, en plena ditadura de Primo de Rivera.

 

IMG_20170722_125513Castelao e os membros das Irmandades que aquel 19 de xullo de 1924 coroaban o Pico Sagro “coñecían os mitos asociados a este cume e entendían que a lenda da raíña Lupa, recollida no Códice Calixtino, aínda con todos os seus elementos fantásticos, o que simboliza é a historia, ou mesmo a prehistoria, da nosa nación”, explicou na súa intervención a escritora Marica Campo, a encargada de dar lectura ao manifesto de benvida na chaira da capela deste monte. Unha intervención de marcado carácter literario.

 

“Cando a montaña é un símbolo”, salientou, “o que importa é a ascensión, a tensión de avance”. “Convídovos a subir ao Pico Sagro, símbolo o seu cumio dos soños do país. Coroalo e coroalos. Agarrando a bandeira, coma  funambulistas na corda frouxa, para non perder o equilibrio, para entendermos desde a perspectiva histórica a conexión co futuro”, agregou.

 

Marica Campo: "Somos estirpe de liberdade. Temos un lugar na Alba de Groria que Daniel soñou por e para nós. Somos nós"

 

 

Marica Campo lembrou como as citadas asociacións “pretenden reavivar aquel espírito de outrora para reivindicar que temos que recuperar os nosos, seguir construíndo a historia, ascender á posesión dos atributos propios da dereitos nación que somos” e apelou a que “nada nin ninguén nos coute o ascenso”. “Somos estirpe de liberdade. Temos un lugar na Alba de Groria que Daniel soñou por e para nós. Somos nós. É tempo de chegarmos ao cumio”, finalizou a escritora, cuxa intervención completa está dispoñíbel en Sermos Galiza.

 

O acto

 

En declaracións a este medio, María Pilar García Negro, presidenta de Galiza Cultura, sinala que a subida ao Pico Sagro, un símbolo do nacionalismo galego desde o citado ascenso de 1924, é “un prólogo á celebración do Día da Patria Galega”. “Desde Galiza Cultura e as asociacións O Galo e Vagalumes, temos todo o interese en resgatar datas significativas da nosa historia e sempre cun espírito non unicamente de recordación, senón de reivindicación e modernización, entendendo por tal que toda a defensa política e patriótica da Galiza que eles fixeron hai case cen anos hoxe continúa tendo non só sentido senón aínda moitísimos máis argumentos a favor”, afirma.

 

María Pilar García Negro: "Toda a defensa política e patriótica da Galiza que eles fixeron hai case 100 anos hoxe continúa tendo non só sentido senón aínda moitísimos máis argumentos a favor"

 

IMG_20170722_125717A profesora da UDC e escritora explica que a lectura do Alba de Groria de Castelao –que cita expresamente o Pico Sagro- expresa “un paradoxo terríbel, mais ao mesmo tempo dunha vontade absolutamente inabalábel”. E é que a partir de xullo de 1936, “Castelao endexamais pode volver fisicamente a chan galego e salva a vida porque está en Madrid entregando o Estatuto”. “O paradoxo ten a ver con que nunca con tanta intensidade estivo na Galiza como expresa o seu libro fundamental Sempre en Galiza”, engade.

 

Alba de Groria é unha especie de bandeira ergueita no exilio forzoso para proclamar que a Galiza continúa existindo. É un discurso épico-lírico que combina toda a recordación histórica da Galiza e que nos define como un pobo singular, específico, pero ao mesmo tempo con toda a saudade”, sinala a escritora, pero “é unha saudade que se vai substanciar en rememoración histórica con toda a galería de personaxes que vai enumerando e todos os lugares”. “É unha especie de bálsamo para el ese exercicio de memoria”, conclúe a presidenta da federación Galiza Cultura.

 

Alén das fermosas palabras de Marica Campo, tivo lugar a lectura do Alba de Groria e o recitado dun poema de Marcial Valladares dedicado á fonte do Pico Sagro. No Paso da Raíña Lupa foi a quenda do gaiteiro Alberte Vigo, da AC Manuel Gacio de Lestedo, e máis tarde das pandeireteiras da mesma asociación e do grupo A Requinta de Xián.



x