CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Até sempre, Tom

Até sempre, Tom

Hai veces que as casualidades chegan a dar medo. Estaba escoitando os Travelling Wilburys cando me chegou a noticia da morte de Tom Petty. Ao primeiro pensei que entendera mal. Tom Petty era novo, cheo de vida, e aínda non tiven a oportunidade de velo en directo. Non, pensei, non pode ser certo. Máis por desgraza, parece que igual que os Blues Brothers, Roy e Gorge están xuntado de novo a banda e ao primeiro que recrutaron foi a Tom. 


Tom Petty pertence a esa clase de roqueiros dos que sempre digo que unha vez que desaparezan, non volverá  a haber ningún outro. Fiel a si mesmo, durante máis de 45 anos percorreu os escenarios tocando rock and roll. Non lle importaron modas, nin tampouco quixo prodigarse moito a nivel internacional. Simplemente quería tocar, independentemente de que fose en grandes estadios ou en pequenos clubes. Tom Petty foi, era, un roqueiro de raza, desa xeración que se namorou do rock grazas a Elvis; deses roqueiros que o que facía para descansar era seguir tocando.

 

Malia a ser máis coñecido polo seu traballo con Tom Petty & The Heartbreakers, foi Mudcrutch a banda coa que comezou alá por 1970. Daquela só foron quen de gravar un par de sinxelos, o primeiro en 1971 e o segundo en 1975, froito do seu contrato discográfico con Shelter Records. A falta de éxito de Depot Street,  que así se chamaba o sinxelo, fixo que Shelter Records rompera o contrato e Mudcrutch cambiou de formación e nome para transformarse en Tom Petty & The Heardbreakers que lanzarían en 1976 o seu primeiro Lp homónimo, máis non alcanzaría o éxito até 1978 co seu disco You’re Gonna Get it!,  co que logra por primeira vez entrar nas listas dos máis vendidos. A carreira de Petty medraba como a escuma e así, en 1979 conseguía o disco de platino por vender cerca de dous millóns de copias do seu terceiro álbum, Damm the Torpedoes.  

 

En 1986, con 5 álbumes de estudo e após gravar o en directo Pack Up The Plantation-Live!, Tom Petty e a súa banda embárcase nunha xira de 60 concertos xunto a Bob Dylan, que levaría o nome de True Confessions Tour  e nos que percorrerían Asia, Oceanía e Norte América. Volverían xiran xuntos en 1987, na xira Temples in Flames¸ que percorrerían Europa e Israel. A colaboración con Dylan continuaría en 1988, pero esta vez dando forma a unha das mellores bandas que existiu: The Travelling Wilburys.  Esta banda non deixaba de ser un divertimento  nos que se xuntaron Petty, Dylan, Roy Orbison, George Harrison,  e Jeff Lyne.  

 

A banda editaría somentes 2 álbumes, e o segundo deles, sen Roy Orbison,  que facelecera dun ataque cardiaco pouco despois de editar o primeiro disco.

 

Petty vivía os momentos máis doces da súa carreira. Atrás quedaban os malos tratos da infancia. Aquel rapaz sensíbel, amante da arte que marchou a L.A.  para cumprir o seu soño de músico, engaiolaba a todo o mundo coas súas melodías. Un cóctel perfecto que daría coa saída do seu primeiro álbum en solitario, Full Moon Fever,  que chegaría até o posto número 3 das listas. Petty podía con todo, con dúas bandas, a súa carreira en solitario, máis unha cousa co que non foi quen de poder el só foi coa ruptura do seu matrimonio. Unha depresión e un afundimento que levou Petty a engancharse á heroína. Até niso, foi contra as modas. Eu sempre me preguntei como alguén se engancha á heroína a finais dos 90 e con 50 anos. Aí pasou unha das peores épocas da súa vida e que deu lugar o seu álbum Echo, no que reflexa nas súas cancións a súa situación vital. Este foi o último disco no que traballou co seu amigo, o baixista Howie Epstein, que morrería no 2003 de sobredose de heroína. 

 

Liberado da súa adición, Petty continúa traballando e facendo cancións fiel ao seu estilo. No 2008 volveu  a pendurarse o baixo para recuperar Mudcrutch e gravar un LP homónimo.  E aquí unha vez máis volve ser o mundo unha brincadeira, xa que, o que fora a súa primeira banda, se case éxito nos 70, foi tamén a banda coa que fixo a súa derradeira gravación de estudio. En 2016, Mudcrutch sacou 2, pechando así o círculo da historia.

 

Aos 66 anos, e no medio dunha xira na que celebraba o 40 aniversario de Tom Petty & The Heartbreakers,  un ataque ao corazón levou o roqueiro que contaba nas súas cancións que todo ía ir ben, que os malos tempos pasarán e que de novo volvera a brillar o sol dunha vida de felicidade. Pode que sexa iso o que realmente importe de toda esta historia. Lembrar que a vida está feita de bos momentos polos que paga a pena vivir. Até sempre, Tom. 

 

VIDEO: TOM PETTY – AMERICAN GIRL https://youtu.be/gqYZLNMDVJc

 

TOM PETTY NAS REDES

WEB: WWW.TOMPETTY.COM

 



x