CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Baby driver

Baby driver
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

BABY DRIVER

(Reino Unido-EUA 2017, 112 min.) 

Dirección e guión: Edward Wright

Fotografía: Bill Pope

Música: Steven Price

Elenco: Ansel Elgort, Lily James, Jon Hamm, Kevin Spacey, Jamie Fox, Eiza González, Jon Bernthal, CJ Jones, Flea, Lanny Joon, Paul Williams

 

SINOPSE

Baby é moi novo pero a súa pericia ao volante fan del o mellor condutor que unha banda criminal podería desexar. Tras namorar da camareira da cafetería que frecuenta, decide que chegou o momento de rematar os seus días á marxe da lei. Mais deixar a banda non será nada doado.

 

CRÍTICA

 

O británico Edward Wright é responsábel do filme de culto Scott Pilgrim contra o mundo, só por iso xa merece toda a consideración, pero tamén, e sobre todo, coñéceselle por ser o que levou o leme do esmendrelle de triloxía que fixo coa parella cómica formada por Simon Pegg e Nick Frost que parodiaba varios xéneros: o de terror en Zombies Party, o de acción/peli de colegas na menos lograda Arma Fatal e o xénero de extraterrestres na ida de pinza alcohólica titulada Benvidos á fin do mundo. Con Baby Driver semella tratar de pegar un golpe de volante a súa carreira malia que sen abandonar o ton de comedia. Para empezar conta cun reparto estelar no que cabe destacar Kevin Spacey (Sospeitosos habituais), Jamie Foxx (Collateral), Jon Hamm (da serie Mad Men), Jon Bernthal (da serie Walking Dead), Paul Williams (A pantasma do Paraíso) ou Flea (o ‘baixo’ de Red Hot Chili Peppers)... e é que Baby Driver é un filme de acción, pero a súa característica principal é que está impregnado de música de principio a fin, así que a presenza dun tipo como Flea, que non debuta precisamente no cinema, non debería sorprender. A trama, tamén escrita por Wright, trata dun rapaz, alcumado Baby (Ansel Elgort), experto en conducir coches e con banda sonora incorporada nos andares, pois ten a particularidade que non saca os cascos de música das orellas nin para durmir xa que a música axúdalle a se concentrar (velaí a escusa perfecta para que a música estea omnipresente). Un escuro pasado obrígalle a colaborar coma chofer de fuxida con Doc (Kevin Spacey), un mafioso especializado en planear atracos, ata que consiga saldar unha débeda pendente que ten desde hai anos. Coñecer unha guapa camareira (Lily James) cambiaralle a perspectiva facendo que pense seriamente en deixar o mundiño do crime... mais unha vez dentro da banda de Doc é moi difícil saír. Baby Driver podería pasar perfectamente como precuela de Drive (2011, Nicolas Winding Refn) pero en plan moito máis optimista, menos escura e co gran público coma obxectivo.

Dentro da ecléctica banda sonora atopamos xente coma Lionel Richie, The Beach Boys, T-Rex, Queen, Steve Miller Band, Paul Simon ou Barry White. De feito comeza practicamente coma se dun musical se tratase (moita atención aos títulos de crédito) para logo pulular nunha mestura de xéneros sen se decantar por ningún en concreto. A base é dunha comedia de acción repleta de atracos e trepidantes persecucións cun estilo artesanal máis próximo a William Friedkin (The French Connection) do que a Fast and Furious, mais tamén toca os paus do romance adolescente máis melindroso, pasa coma se nada ao suspense, parodia con sutileza as desfeitas de certas personaxes con ese humor das comedias que se facían nos míticos estudios Ealing (O quinteto da morte) e inclusive adubía o conto con petiscos de psico-thriller de terror. Unha montaña rusa de sensacións moi completiña que nos fará mover os pés ao ritmo da música ao tempo que nos deixa pegados á butaca coa adrenalina das impresionantes secuencias de acción. Só desentoa nun desenlace que ten toda pinta de estar imposta pola produtora... con todo, non desmerece en absoluto os quilates de cinefilia previos de entretemento sen complexos. 



x