UNHA CANTAUTORA DE 17 ANOS GAÑA O CERTAME DE MÚSICA EN GALEGO DA USC

A biodiversidade musical renóvase

A biodiversidade musical renóvase
No centro Noemia, con Guille LP e os membros de Leda Atómica. Foto: cedida
No centro Noemia, con Guille LP e os membros de Leda Atómica. Foto: cedida  

A biodiversidade musical en Galiza parece a salvo. Polo menos, de atender ás propostas do I Certame de Música Galega da Universidade de Compostela, que celebrou onte, segunda feira, a súa gala final no Teatro Principal da capital. Noemia, unha cantautora de delicada e potente voz, e 17 anos, fíxose co primeiro premio.
 


O concerto, que contou con Ataque Escampe como grupo convidado, foi unha mostra pequena pero representativa de que ás músicas en galego xa apenas ningún estilo lles impón respecto. "É posíbel atopar cancións en galego en practicamente calquera estilo", salientou a xornalista Xiana Arias, condutora do acto, "e estamos aquí para celebrar a liberdade de facelas".

 

Esa liberdade materializouse no escenario coa intepretación da primeira das pezas que optaban aos 1.000 euros do galardón. No monte da pastora é unha canción longa, de estrutura complexa, con ecos de rock sinfónico e acústico e zonas tanxentes co neofolk. A letra combina protesta social e poesía lisérxica. Leda Atómica chámase, en homenaxe a Dalí, a banda que a compuxo, con base en Cambados e membros de Covas ou Mos. Segundo explicou o seu cantante, Edu, como consecuencia de "meditarmos no monte". Obtivo os 700 euros do segundo premio.

 

A seguir pisou as táboas Noemia. Só nós foi a canción que cativou o xurado -formado polas profesoras María Xesús Nogueira e Belén Méndez, a mánager Patricia Hermida, e os músicos Alba María e Xurxo Souto. A lírica amorosa nunca pasa de moda. Neste caso, acompañada á guitarra acústica por arranxos sinxelos e unha atmosfera en que, por intres, parecía reverberar Joni Mitchell. Talvez a máis usual das tres finalistas, a voz fráxil pero intensa da cantautora levou a canción ao primeiro posto do concurso.

 

Con 19 anos e estudante de 3º de medicina, Guille LP ofreceu o máis insólita das actuacións. Cun teclado, bases programadas, unha montaxe de vídeo a partir de vellas imaxes de cinema silente, e unha poética alucinada, Dúas anduriñas xogaba, salvando as distancias, no mesmo espazo que o Battiato máis bailábel. O propio autor explicou despois que empezou a facer música con 13 anos sobre unha canción de Lady Gaga: "Intentei buscar os acordes. E os acordes estaban mal, pero soaban ben". Os 300 euros do terceiro premio e o seu primeiro pase público foi a recompensa.

 

O I Certame de Música Galega, ao que se presentaron 19 grupos e solistas, foi impulsado pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coas comisións de normalización lingüistica doutros cinco centros. O Concello de Santiago, a Xunta e a empresa Gadis tamén achegaron axuda.  



x