UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Biografía de Rosalía de Castro: novos deben ser os nosos ollos

Biografía de Rosalía de Castro: novos deben ser os nosos ollos
Rosalía de Castro
Rosalía de Castro  

O parentesco da familia Tobío con Rosalía de Castro está na orixe dos documentos persoais dos que a investigadora e escritora Marga do Val bota man para revisar algúns datos biográficos da poeta.


Novos deben ser os ollos para penetrar detrás das portas do rosto da autora no retrato, novos deben ser os ollos que a lean, que se deteñan nos poemas e na súa magnífica prosa, esas novelas que asombran e perturban. A poeta que cuestionaba a súa propia obra, que escribía palabras e palabras para fender o silencio, para rebelarse contra el, a escritora de-xenerada consciente sen pombas nin flores. Novos deben ser os ollos para entrarmos nesa perturbación, nada da súa obra, nada da súa vida nos pode ser alleo.

 

O que desexo é que se lea a súa obra, hai quen se detén nos paratextos que a acompañan, quen non se fixa máis que en datos editoriais, quen non vai ao fondo das palabras. Na Universidade Complutense de Madridn no marco dunhas xornadas sobre lingua e literatura galega en que participei cun relatorio que falaba da escrita do eu, memorias e autobiografía, e que tiña como exemplo a familia Tobío, nomeadamente os textos de María Tobío Fernández, de Lois Tobío Fernández e do pai, Luís Tobío Campos, insistía na importancia que ten para a historia, para a reconstrución dunha época e do seu pensamento a literatura memorialística e neste caso ficou demostrado.

 

De Luís Tobío Campos (1861-1943), compilador do Cancioneiro da Mahía, autor de dous libros de versos, un en galego, Rosiñas da terra e en galego e castelán Rimas Galicianas, existen dous textos inéditos, gardados e que me cedeu a familia Tobío, que tamén ten unha exemplar páxina na rede, onde estiveron estes escritos publicados hai uns anos, o que quere dicir que xa non son tan inéditos, ou que polo menos estiveron a disposición do público; os dous textos son: Crónica de la familia, que o seu autor comeza a escribir en Viveiro a raíz do seu casamento en agosto de 1905 e Memorias que decide escribir o 4 de novembro de 1883, día en que cumpre vinte e dous anos. As Memorias con esa marabilla da letra, do manuscrito, chaman por nós desde o inicio, “Mi nacimiento y linaje”, cando o autor sitúa con palabras o lugar do seu nacemento, Lamiño, na parroquia de San Félix de Brión, cando se detén na árbore xenealóxica da familia e atrapa cando nos dá un dato, que para el é do máis normal, non semella estar escribindo nada estraño cando fai referencia á súa avoa María Josefa Martínez Viojo:

 

 

“Un hermano de esta abuela llamado José fué capellan mayor de la colegiata de Iria (y padre natural de la popular escritora Rosalía Castro, de Padrón, esta tal Rosalía tuvo un hermano que murió en la infancia, y está actualmente casada con el historiador Murguía.)”.

 

 

Non estamos lendo nada novo que non fora dito, o da paternidade do pai de Rosalía de Castro, ficara xa probado e de que existía un irmán, aínda que sexa a primeira vez que o lemos, xa o tiña dito (e escrito) Manuel María, tal e como lembrou no remate da miña intervención nas xornadas a profesora María Pilar García Negro. Contaba o poeta da Terra Chá que recibira esta información de Bouza Brey, quen tiña na súa casa moita documentación sobre a poeta de Follas Novas arquivada en corenta e nove carpetas, unha por ano da vida de Rosalía de Castro. Ramón Torrado sabe da existencia deste irmán e cita as mesmas fontes.

 

 

Volvamos coas Memorias de Tobío Campos para lermos na anotación que corresponde ao ano 1885, a referencia que fai á morte de Rosalía Castro Murguía o 15 de xullo, “a quién había visitado en el día de la pascua 5 de marzo en Padrón. (...) El parentesco que comigo tiene fue causa de que yo procurase conocerla, a cuyo fin le había escrito hace como dos años, a cuya carta contesto. Este día me regaló su retrato y su última obra En las Orillas del Sar”. Proba deste encontro e da relación entre Tobío Campos e a familia Castro Murguía, é a existencia da carta de Rosalía de Castro e tres máis da súa filla Alejandra, ao seu “primo”, así o chama na última, que se conservan na Fundación Penzol en Vigo e que son coñecidas desde que Lois Tobío Fernández publicou a súa autobiografía As Décadas de T. L.. Hai tempo que xa está moito dito e escrito.

 

A paternidade do pai de Rosalía de Castro ficara xa probada e que existía un irmán, aínda que sexa a primeira vez que o lemos, xa o tiña dito (e escrito) Manuel María

 

Tamén é pública, mesmo se atopa na rede, a carta que un mozo de dezasete anos, Lois Tobío Fernández, escribiu a Fermín Bouza Brey, o 23 de agosto de 1923 en que lle dá datos de Rosalía de Castro, da súa infancia, a través da tía Minia Tobío Martínez, de setenta e seis anos de idade. Esta carta, que repito escribiu un mozo de dezasete anos, que é transmisor da memoria da tía, curmán de Rosalía, que a coñeceu, é a que incomodou a parte das persoas que investigan a vidada escritora. Lois Tobío fala na carta, dunha nai desnaturalizada, que non quere facerse cargo das “penalidades de la educación de su hija lo que es más probable - deseando por un sentimiento de honor mal entendido, alejar de si la infortunada criatura, para que no fuese baldón que deslustrase el timbre de su familia ni sus rancios y ridículos pergaminos, pensó en arrojarla a la inclusa; conocedor de ello el capellán Martínez, quitó la niña a su madre y la entregó a la mujer de un tal Lesteiro, sastre en Ortoño, quien la educó y tuvo como hija, amamantándola ella misma; satisfaciendo Juan (José) Martínez los gastos  de su crianza, subsistencia y demás”.

 

 

En fin, estudos viñeron despois que demostraron os coidados e desvelos da nai de Rosalía de Castro, a súa presenza na infancia, a preocupación pola súa educación. Lois Tobío xa maduro escribiu As Décadas de T. L., aquí volve sobre este tema, para lembrarnos nalgún treito que non se deben aplicar criterios do noso tempo e medio diferentes, á época en que Rosalía naceu, eu engado, tampouco a moral católica dominante. Penso que é hora de recompoñer, ou darlle máis voltas, ao crebacabezas, e se Rosalía de Castro tivo outro irmán mudan moito as cousas. Por certo, que a nena viva coa súa nai non significa que non tivese relación, e estreita, co seu pai capelán. O que si está viva na historia da familia Tobío é a lembranza que a tía Minia ten de Rosalía de Castro, cando se topou con ela na casa do pai.

 

 

Do que si ten memoria a familia Tobío é de que o seu devanceiro, Luís Tobío Campos, correspondente da Real Academia Galega, doou á institución o retrato dedicado que a poeta lle entregou aquel día na súa casa pola Pascua de Padrón. Á familia Tobío e a min tamén, nos gustaría saber onde está ese retrato.

 

 

 



x