CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Blade Runner 2049, un moi digno fan filme

Blade Runner 2049, un moi digno fan filme
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

BLADE RUNNER 2049

(Canadá-EUA-Reino Unido 2017, 163 min.) 

Dirección: Denis Villeneuve

Guión: Hampton Fancher e Michael Green

Fotografía: Roger Deakins

Música: Jóhann Jóhannsson, Benjamin Wallfisch e Hans Zimmer

Elenco: Ryan Gosling, Harrison Ford, Ana de Armas, Jared Leto, Robin Wright, Dave Bautista, Sylvia Hoeks, Lennie James, Barkhad Abdi, Mackenzie Davis, Carla Juri, Elarica Johnson, Mark Arnold, Edward James Olmos

 

SINOPSE

Un blade runner, chamado K, descobre un segredo sobre os replicantes que cambiaría por completo o sistema social establecido, mais tamén implicaría desvelar a súa verdadeira identidade.

 

CRÍTICA

Tiña eu uns 12 ou 13 anos cando mirei por primeira vez Blade Runner. Era a primixenia versión, a de 1982, a da voz en off, aquela que o propio Ridley Scott detestaba e que, anos más tarde, refixo nas versións “do director" (1992) e a chamada “montaxe final” (2007). Sen desmerecer estas dúas, que me encantan, aquela, a da voz en off, foi a que máis me marcou a cinefilia para os restos. Ata daquela xa devecía polo xénero de ciencia ficción, cun podio de favoritas na que figuraban Alien, Dune e, por suposto, Star Wars... De maneira inmediata, Blade Runner chegou para alzarse ata o máis alto do podio facendo compañía ao outro filme de Scott. 

 

Case de seguro que hai persoas a milleiros ás que lle pasou algo semellante pois, sen dúbida, Blade Runner converteuse co tempo (ao principio non) nun filme de cabeceira para unha morea de cinéfilos e cinéfilas de medio mundo. Así que, cando se anunciou a súa secuela, todas esas conciencias cinéfilas berraron ao unísono nunha mestura de ilusión, ansia e, por que non dicilo, temor... as posibilidades de que estragaran unha das mellores películas da historia era moi grande.

 

Hai que botarlle moito valor para se embarcar na secuela dun filme de culto adorado en medio mundo, ou mellor dito, do filme de culto por antonomasia. Todo, absolutamente todo, o que se faga ao respecto, antes e despois do filme, vai estar mirado con lupa durante todo o tempo... e durante décadas. Presión constante, e abafante, dun público, en xeral, moi, pero que moi, esixente... así que, hai que botarlle moito valor ou estar un pouco tolo... ou quizais estar moi seguro de si mesmo... 

 

Basta con facer unha breve retrospectiva da obra de Denis Villeneuve para se decatar que contaba coas tres características ao mesmo tempo. Paga a pena facela... a retrospectiva, digo. Pero desde o principio, desde antes de dar o salto a Hollywood. Sen dúbida que era o candidato idóneo pero, ademais, el mesmo formaba parte deses cinéfilos aos que lle marcaron Blade Runner na adolescencia. Dobre presión por tanto: non defraudar o esixente público e non defraudarse a si mesmo...

 

E así foi. Tras un comezo que quita o impo, o desenrolo de Blade Runner 2049 conta con todos os ingredientes para ser unha secuela que faga historia. Adoita acontecer neste tipo de secuelas que se tende a abusar da tecnoloxía que non había na época (en 1982 non había demasiado CGI ou era artesanal), o cal acaba por desentoar nun evidente desfase visual no conxunto. Nada que ver co resultado de Blade Runner 2049. Fíxose especial fincapé en manter o estilo visual da orixinal, incluso contando coa supervisión do visionario Syd Mead, mais tendo en conta que pasaron 30 anos entre unha trama e outra. Resultado óptimo. Inclusive, malia que falta o “toque Vangelis”, esencial para a maioría, toda a banda sonora, firmada por Benjamin Wallfisch e Hans Zimmer, é unha auténtica homenaxe ao compositor grego. Crucial.  

 

O elenco escollido, evidentemente, tiña que estar tamén á altura das circunstancias. Harrison Ford non podía faltar na historia así que aparece... e en moi boa forma, por certo. Ryan Gosling encarna á perfección o que se espera dun blade runner e a presenza de Ana de Armas, lonxe de ser anecdótica, suma enteiros. Jared Leto anda no límite da sobreactuación, pero tamén a personaxe requiríao así, por tanto nada que obxectar. Abraiante sorpresa a que dá Dave Bautista (Drax o Destrutor en Gardians da Galaxia) cunha desas personaxes merecedoras dun spin-off. Excelente traballo de casting con agardados cameos incluídos...

 

Fíxose especial fincapé en manter o estilo visual da orixinal, incluso contando coa supervisión do visionario Syd Mead

 

Villeneuve tíñao claro. Non podía facer Blade Runner, iso só faise unha vez na vida, pero si podía facer un fan-filme acorde e fiel ao predecesor, pero tamén acorde e coherente coa súa particular visión artística coma director. Para iso volve contar co gran Roger Deakins, director de fotografía nomeado a 12 premios da Academia de Hollywood co que xa traballara en Prisioneiros (2013) e Sicario (2015), e co que logra incorporar a súa característica pegada “marca da casa”.

 

Mantense o lirismo pausado e estética anterior, mais sen plaxiar nin esquemas nin estruturas. Conséguese facer algo novo, diferente, e, ao mesmo tempo, algo que teña sentido e cohesión dentro do universo Blade Runner. A nova historia logra aportar interesantes conceptos filosóficos, engadindo máis profundidade ao conxunto e acrecentando, aínda máis, toda a mitoloxía que hai arredor deste futuro cyberpunk. De feito todo apunta a que pode haber proxecto de triloxía, é dicir, un filme máis. Sexa ou non, o certo é que xa hai feitas tres curtametraxes, avaladas polo propio Denis Villeneuve, que forman parte dun todo nunha sorte de precuela de Blade Runner 2049: un anime de Shinichiro Watanabe e outras dous curtas firmadas por Luke Scott, fillo de Ridley. Non son achegas esenciais para entender a historia, pero atópanse facilmente na rede por se alguén ten curiosidade.

 

Certo que Blade Runner 2049 non é a obra mestra da súa predecesora, mais si é moi boa celdillas encadeadas...



x