Bob Dylan, premio Nobel de Literatura

Bob Dylan, premio Nobel de Literatura

A academia sueca premia a facilidade coa que o xenio de Minnesota aúna “a tradición e expresión poética” coa “tradición musical americana”. Un recoñecemento que lle chega aos 75 anos e 54 despois do seu debut discográfico.


Non figuraba Bob Dylan nas quinielas deste ano para receber o Nobel de Literatura, quinielas onde si estaban nomes da talla de Philp Roth, o sirio Adonis ou Haruki Murakami. Falárase del no 2011, si, como un dos posíbeis candidatos a levar este prestixioso galardón. Mais daquela ficara en nada, e o Nobel de Literatura fora para o poeta sueco Tomas Tranströmer. Cinco anos despois, o Nobel, como rendendo homenaxe á canción dylaniana (Knockin' on Heaven's Door), chamou ás portas de Dylan. El, que non deixou de se considerar nunca un cantante de Minnesota, levou o Nóbel, o primeiro músico en ter tal honra. Están a cambiar os tempos?

A Academia sueca recoñécelle a mistura da “tradición e expresión poética” coa “tradición musical americana”, Unha combinación que non naceu con Dylan, aí está o Woody Guthrie do que tanto bebeu o propio Robert Zimmerman , mais que con el acadou niveis non imaxinados, sobrepasando límites e coutos. Sobrepasou hai tempo o título de gran cantor de America que lle puxeran nos 60 para pasar ser o gran cantor, a secas.

Bob Dylan debutou en 1962 con 'Bob Dylan', o disco folk co que se presentou en sociedade. Desde entón e até o de agora, case 40 discos publicados e non poucos deles figurando por mérito propio nos altares da música popular moderna. Desde os iniciáticos 'The Freewheelin`' e 'The Times they are a changing', pasando polos revolucionarios 'Highway 61 Revisited' ou o duplo 'Blonde on Blonde'. 'Desire', 'Blood on the tracks'... a lista é inesgotábel.

Mito por excelencia do rock e os seus xéneros asociados nos últimos 50 anos, Dylan recebe agora un premio que recoñece tanto a súa xenialidade musical como o seu traballo como compositor, traspasando o papel de simple letrista para fusionar a súa persoal poesía cunha música inconfundíbel.