Bota a andar o ano Casares

Bota a andar o ano Casares
Presentación da programación do Ano Casares
Presentación da programación do Ano Casares  

Vén de presentarse a programación do Ano Casares, que alén de simposios e xornadas, traerá a edición de toda a súa obra, levará a escena a novela 'Os mortos daquel verán', convocará premios de xornalismo de opinión e moito máis. 


A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron hoxe a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.

Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que "estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras". Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.

E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.

Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela 'Os mortos daquel verán', que se estreará en Compostela en maio. 

Na rede

A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG. 

E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.