Caaveiro: mosteiro e espello do Reino de Galiza

Caaveiro: mosteiro e espello do Reino de Galiza
[Imaxe: José Luis Cernadas] Mosteiro de Caaveiro
[Imaxe: José Luis Cernadas] Mosteiro de Caaveiro  

No Parque natural das Fragas do Eume, no corazón mesmo dese gran bosque atlántico, único en Galicia, atópase un dos cenobios máis célebres e lonxevos de todo o norte do país, foi o coñecido no medievo como monasterium Sancti Iohanis de Calavario aínda que hoxe, os máis de nós, o recoñezamos baixo nome de Mosteiro de Caaveiro.


Situado a xeito de niño de aguia, nunha tan espectacular como vizosa cuíña entre os ríos Eume e Sesín, San Xoán de Caaveiro destaca pola súa singular beleza e autenticidade natural onde, lonxe da estampa máis habitual do noso litoral, as árbores centenarias do bosque caducifolio aínda permiten apreciar os restos das corripas e sendeiros que outrora serviron aos freires do mosteiro. Sen dúbida, esta é a bucólica imaxe que, a propios e turistas, apenas suxire este enclave. Porén, Caaveiro representa moito máis.

Alén dunha senlleira paisaxe de mananciais e vida entre a que agroma un espazo pétreo finamente tallado, alén de todo o inmediatamente visible atópase, como é habitual, unha historia de intrigas nobiliarias, de favores reais e pugnas entre líderes relixiosos que converte a Caaveiro non só nun destacado enclave artístico e natural, senón tamén nunha auténtica xoia do noso patrimonio histórico e cultural, daquilo que, en definitiva, toda sociedade sa debe orgullecerse e desexa salvagardar.

As orixes

Con máis de mil anos de antigüidade, as orixes de Caaveiro asócianse tradicionalmente á figura de Rosendo Goterres (907- 977), máis coñecido como “San Rosendo” a raíz da súa canonización en 1195, sen dúbida un dos personaxes históricos máis notables da puxante Galicia do século X. Sobriño do rei de Galicia Ordoño II e curmán tamén dos reis Sancho I, Afonso IV e Ramiro III, nin a súa vinculación coa realeza galega nin a súa pertenza ao máis alto estamento nobiliario impediron que Rosendo Goterres se erixise en defensor de pobres e escravos á vez que peza fundamental na preeminencia política das terras galegas.

Nun reino de Galicia que entón se estendía desde as terras de Ortigueira ata Coímbra e resistía ante os envites do Califato de Córdoba así como das incursións escandinavas, Rosendo Goterres ostentou a dignidade episcopal desde a basílica de San Martiño de Mondoñedo entre os anos 926 e 942. Sería neste período, segundo un documento con data do ano 934, cando este bispo galego, movido pola súa vocación monacal, tería fundado ou promovido en Caaveiro, nos solitarios montes de Besoucos –in montibus de Bisaquis–, un centro monástico inspirado na regra bieita que, só talvez, procuraba aglutinar os anacoretas ou eremitas que xa entón se debían entregar á oración e ao retiro espiritual entre as bretemosas e afastadas forestas bañadas polo Eume.

O pulo definitivo a este monasterium chega no século XII, da man da monarquía galega e o poderoso estamento nobiliario local

Obxecto de numerosas doazóns pola nobreza comarcal durante os séculos posteriores, o pulo definitivo a este recóndito monasterium chega no século XII, case 150 anos após a morte de San Rosendo (977), da man da monarquía galega e o poderoso estamento nobiliario local representado pola familia condal dos Froilaz-Peres, tamén coñecida como Casa de Trava. Señores do antigo condado de Trastámara –territorio ao norte do río Tamara ou Tambre–que incluía, entre outras, a comarca ou territorium de Besoucos Caaveiro, de entre os magnates desta poderosa familia que beneficiaron a Caaveiro non pode senón sobresaír o nome de Pedro Froilaz, conde de Trastámara e preceptor do rei de Galicia, Afonso VII.

Foi precisamente este monarca galego –logo proclamado imperator (1135)– o responsable da concesión o 15 de agosto de 1117 de privilexio de couto en favor do cenobio de Caaveiro, entón dirixido polo abade Pedro –antigo mindunensis episcopus–, e aínda ampliado polo mesmo monarca a través dunha confirmación realizada o 6 de maio de 1135 onde se incluía no mesmo cautum, gran parte da Serra do Forgoselo entre outras terras.

Neste momento de esplendor levaríase a cabo a construción da primitiva igrexa románica, no lugar que hoxe ocupa a coñecida igrexa de Santa Isabel, cuxa ábsida conforma na actualidade non só unha das edificacións máis representativas do conxunto senón tamén propiamente orixinais. Nos séculos XII e XIII, tamén os reis de Galicia e León, Fernando II (1137-1188) e Afonso VIII (1171-1230) continuaron o seu apoio ao mosteiro eumés mediante novas ampliacións e confirmacións, propiciando este período de auxe a construción dun novo e máis amplo templo, a igrexa de San Xoán Bautista, tamén románica e da que hoxe apenas restan vestixios.

Convertido Caaveiro en Colexiata Real de cóengos regulares de Santo Agostiño e a pesar da etapa de es plendor que para Caaveiro representou a figura do prior Martiño Rodrigues (1220-1259), a desaparición da monarquía galego-leonesa (1230) e a morte de Rodrigo Gomes (1260) –último titular local da Casa de Trastámara– acabarían tendo desastrosas consecuencias para os intereses da colexiata agostiña a longo prazo.

Xa gobernado o reino de Galicia –non sen dificultades– por unha monarquía castelá cuxos intereses se focalizaron no centro e sur peninsular, serían as familias locais eumesas as chamadas a ocupar ese baleiro de poder entre os séculos XIV e XV. De entre todos elas, foron os Andrade, unha liñaxe oriúnda da veciña comarca de Pruzos, quen acabarían impoñendo o seu control naquelas terras, sendo os escollidos polos frades agostiños de Caaveiro para defender os intereses do priorato como os seus comendeyros. A influencia desta casa, especialmente a partir do exitoso apoio de Fernán Peres de Andrade “o Boo” a Henrique II na guerra contra Pedro I, chegaría ao punto de colocar os seus á fronte do priorato desde finais do século XV.

Priores españois

Seguindo a política iniciada polos Reis Católicos tras o sometemento do reino de Galicia, desde mediados do século XVI a Coroa pasou a elixir e nomear priores usualmente non galegos tales como como o capelán real Francisco Ferrer, o madrileño Juan Roa Dávila ou o leonés Francisco Vázquez, este último quen xa habitaría no pazo prioral de Cabanas, lonxe da tranquilidade e illamento dun frondoso Caaveiro cada vez máis decadente e inmerso en incesantes disputas cos arcebispos composteláns.

A torre-campanario barroca rematada no ano 1750, hoxe a estrutura máis sobresaínte do conxunto monástico

Se ben baixo goberno do prior Carlos Cipriano Magadán y Valledor (1703- 1741) foron acometidas diferentes obras de mellora en Caaveiro, sen dúbida a construción máis emblemática deste século non foi outra que a torre-campanario barroca rematada no ano 1750, hoxe a estrutura máis sobresaínte do conxunto monástico.

Á inexorable ruína que desde o século XVI adoecía Caaveiro correu parella a sorte do priorato cuxo último titular, o asturiano Juan Francisco Mon y Valledor morría en 1787. Un feito que só preludiaría un dilatado proceso de translación e supresión final da Real Colexiata en anos posteriores.

Fronte o desleixo que os poderes do Estado demostraron por Caaveiro ao longo do século XIX, en 1896 as ruínas monacais habían ser obxecto dunha actuación promovida por Pío García Espinosa e dirixida polo erudito galeguista, Antonio López Ferreiro. Unhas obras que a pesar de ter adulterado para sempre gran parte da estrutura orixinal do cenobio, conseguiron frear durante un tempo o deterioro do conxunto arquitectónico.

Propiedade do ente provincial coruñés desde 1986, e concluída a súa rehabilitación en 2009, Caaveiro representa en boa medida, un fiel reflexo dos avatares históricos de Galicia, un libro vivo do que aprender mais tamén un marco desde onde o país debe reafirmarse e proxectarse ante o mundo.

 

[Esta peza foi publicada orixinariamente no A FONDO Unha nova xestión do patrimonio cultural, xunto ao Sermos Galiza 207 á venda na loxa]



x