'Cabaliño': a canción que foi da Limia ao Grammy

'Cabaliño': a canción que foi da Limia ao Grammy
Davide Salvado pola Ulloa nun dos seus cabalos
Davide Salvado pola Ulloa nun dos seus cabalos  

Eis a historia do 'Cabaliño', unha canción de seitura recollida no cancioneiro de Dorothé Schubart e popularizada por Davide Salvado que vén de gañar un anaco de Grammy. E que non ten nada que ver cun cabalo.


Este luns a música galega amencía cunha boa nova: o último disco de Silk Road, a banda multicultural que lidera o cellista Yo-Yo Ma e da que forma parte Cristina Pato, gañaba o Grammy ao mellor álbum de 'world music' por 'Sing me home', un disco que incluía un tema tradicional galego: 'Cabaliño' [que podedes escoitar aquí en Spotify].

Este tema, popularizado por Davide Salvado e interpretado tamén por el nese disco, é unha cantiga de seitura rexistrada no cancioneiro de Dorothé Schubart, considerado a biblia da tradición oral galega. "Eu recollín algo polas aldeas, pero sobre todo chapei moito o cancioneiro de Schubart, escoitei moito, lin... e esa atopeina na sección de 'Traballo'", conta o músico de Marín. 

"Schubart recolleu moitas letras que falan do cabalo, e unha vez que fun pola Limia preguntei polos cabalos porque a min non me cadraba que foran cabalos, como animais ou bestas. E explicáronme que os cabalos son prados onde sementaban cereal para facer o pan. Eran metáforas: "Meu cabaliño cabalo / Meu cabaliño redondo / heiche de cortar as pernas / se tu me levas no lombo". 

Canto de seitura

No acervo popular da zona hai moitas versións da letra, pero -efectivamente- en ningunha o sentido encaixa cunha besta, cun animal. Así que tivemos que acudir a estudos etnográficos e antropolóxicos para coñecer o significado deste particular cabalo: Xosé Ramón Fernández Oxea publicaba en 1968 o seu traballo sobre Santa Marta de Moreiras no que conta que antes de concluír a seitura do trigo, reuníanse os segadores en torno ao último feixe da seitura que faltaba por cortar. Chamábano o cabalo, ou o cabaliño, e cantábanlle unha cantiga que denominaban "o canto do cabalo", do que se atopan variantes en toda a provincia de Ourense. 

O cabalo é unha metáfora popular referida ao último feixe de cereal nunha seitura

Segundo explica Fernando Alonso Romero en 'El espíritu del grano' ("Cuadernos de Estudios Gallegos" do CSIC), logo de cantar estas cantigas, corrían todos cara o "cabalo" para ver quen era o primeiro en cortalo, no que se chamaba "facer unha aña", que o antropólogo Mandianes Castro  definía como unha representación simbólica da fertilidade. 

Este costume de poñerlle nomes de animais grandes a este último feixe da seitura, segundo Alonso, acontece en toda Europa, onde recibe tamén o nome de boi, cabra, porco, ovella, xabarín e outros. E coinciden coa denominación cabalar en Alemaña, norte de Francia, centro de Inglaterra e País Vasco. 

Cantiga arcaica

O 'Cabaliño' é un cantar ben antigo. Alonso define a melodía como "dun enorme arcaísmo, a súa estrutura é binaria, a súa liña melódica moi sinxela e remata cun alalá, que é o canto galego máis elemental e primitivo de Galiza". 

Davide Salvado: "É un tema moi antigo, como unha ofrenda á terra, un canto ritual, case"

"Si, é unha cantiga antiquísima", asinte Salvado. "Case todos os cantos de seitura son como moi adornados, cunhas melodías bastante elaboradas e esta é unha melodía moi simple. É un tema moi antigo, como unha ofrenda á terra, un canto ritual, case. Cantábase na seitura, non en seráns nin en foliadas, senón específicamente cando se cortaba o cereal. Non era o cántico lúdico. É un canto para ofrecerlle unha benzón á terra. Dito así queda moi hippie, pero era a realidade daquela. Por exemplo, cando acababan de segar, os nenos ían recollendo as espigas que quedaban por aí e con iso facían unha raposa, que lle chamaban a un feixe dese trigo, e pendurábano enriba da lareira para darlle sorte á casa, como que nunca ía faltar o pan nesa casa". 

A máis popular de Salvado

Pero hoxe o 'Cabaliño' é o tema máis popular de Davide Salvado, a que lle piden en todos os concertos e en todas as foliadas da Banda das Crechas, da que é membro. "É un tema que recoñezo totalmente meu. Ben sei que é unha cantiga tradicional e que é de todo o mundo, pero acompañoume desde que empecei, cando non era ninguén no mundo do folclore, até agora. É un tema co que me identifico e eu a estas alturas xa lle canto aos cabalos, aos meus cabalos [Davide ten cabalos, e eles protagonizan o seu último videoclip]. Case sempre digo 'heiche de levar á feira se ti me levas ao lombo'". 

Con respecto ao feito de que a canción formase parte dun disco gañador dun Grammy, Salvado recoñece que non o cre moito aínda. "Pola parte do ego non o sinto porque é un disco de Yo-Yo Ma que non ten nada que ver comigo practicamente. E é un premio a todo o disco, e hai moitos músicos aí. O que me conmove é que esa canción estivera e formara parte dese disco e dese premio. Que chegara aí logo de escoitalo eu en Marín no cancioneiro de Dorothé Schubart... quen ía pensar que agora iamos estar falando disto. Iso é o que me gusta. A parte de que se está falando de música superarcaica de Galiza en todo o mundo". 

Salvado entende o Grammy tamén como un recoñecemento "a todos os que traballamos no folclore, na recollida..."

Enténdeo tamén como un recoñecemento "a todos os que traballamos no folclore, na recollida... Estou moi contento por iso. E que Yo-Yo Ma escoitara todo 'Rústica' e que namorara do 'Cabaliño' paréceme un puntazo, porque é un home cun gran criterio musical. Desde que o coñezo seguín bastante a súa traxectoria, porque me gusta moito o instrumento que toca, e nunca pensei que se ía poñer en contacto comigo para meter nun disco seu a canción que máis toco. A verdade é que é un puntazo". 

E aínda por riba, espeta, "eu colaborarei moitas veces en discos e este foi o que mellor me pagaron, coma se fora un superbolo. Iso tamén é para considerar de Yo-Yo Ma, que confiou totalmente en nós e nos recompensou moi moi ben. Está ben que a xente valore o que fas, tamén economicamente, porque vivimos disto. Eu vivo exclusivamente da música galega".