LEO BASSI / CÓMICO

“Se cadra o bufón hoxe en día é un rapeiro”

“Se cadra o bufón hoxe en día é un rapeiro”
Leo Bassi, vestido de Papa, inaugura o "Mausoleo Manuel Fraga" na Cidade da Cultura.
Leo Bassi, vestido de Papa, inaugura o "Mausoleo Manuel Fraga" na Cidade da Cultura.  SG

Leo Bassi (Nova York, 1952) é cómico, fillo de cómicos, neto de cómicos, bisneto de cómicos. Defende a función política do bufón, a súa oposición aos inimigos das liberdades. O seu novo espectáculo, O derradeiro bufón, explora a súa historia familiar para amosar “ás novas xeracións” o legado do pallaso arreposto contra o poder. A partir da quinta feira 19 de abril preséntao en Galiza
 


-O espectáculo que vai presentar en Galiza parte dunhas filmacións realizadas polos irmáns Lumière en que aparecen membros da súa familia.

 

-É incríbel. Son imaxes que descubriu a miña irmá, que é historiadora do circo, hai dous anos e medio. Son de 1896, poucos meses despois dos primeiros intentos de filmar dos Lumière. Foi un traballo de semanas, de visionar moitísimo material que se atopa na fundación Lumière e que ninguén coñece. E a miña irmá finalmente atopou estas imaxes, tres pequenas curtas de 30 segundos, onde se ve o meu bisavó e o seu irmán facendo malabarismos e de pallasos. A 122 anos de distancia, poder ver o meu propio bisavó é unha emoción moi forte, impactante.

 

-Neses 122 anos, ¿en que mudou a súa profesión?

 

-Hai inocencia. Ves as imaxes e ves unha relación cos malabares e co público diferente. Penso: “Que cínicos somos agora”. Evidentemente, aquela era unha sociedade sen electricidade. Os meus bisavós vían dous homes cunha caixa e unha manivela facendo algo e non se decataban de que as súas actuacións eran gravadas. Ate ese intre, todo era inmediato. Un espectáculo só o podía ver o público presente. Era máis inocente, había menos intermediarios. Porque hoxe en día, o artista que ves en pantalla está aí porque hai directores de programas, de canles, de contratos publicitarios, unha morea de xente detrás que pode dicir “si ou non”. Hai filtros. E aquela era unha época sen filtros. Agora vivimos con moitos filtros e é perigoso. Porque nesta sociedade a censura é moi doada e moi rápida.

cartel_ultimo_bufon_xira Leo Bassi

-Por que decide volver tan atrás? Achágase a un punto de inflexión?

 

-É importante dar a coñecer isto ás novas xeracións. Eu fago o papel do vello pallaso. E digo algo a partir da miña familia, da miña propia experiencia. Son un testemuño dunha época pasada que non volverá nunca máis. Por iso poño “derradeiro bufón” no título. Intento transmitir ás novas xeracións a importancia de loitar pola liberdade, a importancia de evitar a manipulación da información polos medios. Intento volver á inocencia que é a esencia da relación entre o bufón e o seu público, á sinceridade, ás emocións. Dicirlle á mocidade: “isto é o que fun, isto é o que foi a miña familia, loitamos e démonos estas misións. E a vós chega agora o facho. Levádeo adiante para as próximas xeracións”.

 

-Considera, entón, que non hai posibilidade de que existan máis bufóns?

 

-Non, non, non! Hai bufóns. Se cadra o bufón hoxe en día é un rapeiro. Valtonyc cos tres anos de cárcere que lle agardan. Fai o mesmo papel que, hai cinco ou seis séculos, facía o bufón cando estaba na corte imperial ou real e atrevíase a dicir cousas directamente. O espírito de rebeldía vive continuamente. Pero tamén en cada xeración necesita ser apoiado. Necesitamos dicir aos mozos: “É importante rebelarse, é importante poñer en dúbida o poder, é importante manter a liberdade de expresión”. Mais eu creo que a única diferenza é que a revolución tecnolóxica fai que vivamos unha época bisagra. Coas novas tecnoloxías, as cousas estanse complicando moito. Dunha banda penso que o espírito de rebeldía se mantén sempre, mais doutro, quen sabe o que pasará se todo está controlado por algoritmos. Agora mesmo están decidindo a nivel mundial o que son fake news e confiar aos algoritmos matemáticos as capacidades de borrar ou non informacións da Rede. Ti escribes algo en twitter e despois ves que se borra porque é considerado acto de terrorismo ou apoloxía por un computador que non ten nada en relación cun ser humano. Pois isto os meus bisavós, imaxina [ri]... Para min, hai 20 anos, era cousa de ciencia ficción. Pois agora estamos nisto. Como se mantén o espírito rebelde fronte o algoritmo? Non o sei, pero hai que atopar unha maneira.

 

"No Estado español a liberdade de expresión é relativamente nova e agora parece que volve atrás"

 

-Precisamente en Europa, e concretamente no Estado español, sopran ventos desfavorábeis para a liberdade de expresión. Percibe o seu deterioro ou o poder sempre a atacou?

 

-Nos anos 80 eu vivía en Polonia, que estaba na órbita soviética. E en todos os espectáculos teatrais, ao fondo, sentado, había un representante do goberno, un comisario político. Tiña que escoitar e ver se a obra se desviaba da legalidade socialista. Non estaba agochado, estaba alí. No Estado español tamén, a censura do franquismo. Porque aquí a liberdade de expresión é relativamente nova e agora parece que volve atrás. Mais eu sinto ambigüidade sobre este asunto. Porque naquela época en Polonia os actores sentiámonos moi libres. Era como un deporte burlar o comisario político, dicir cousas sen que se enterase. Había censura, pero había tamén unha enorme liberdade de expresión, porque era doado burlarse da estupidez da persoa que enviaran para censurar. Da mesma maneira é para min moi rechamante en España o cinema de Berlanga: ti ves O verdugo, feita durante o franquismo, ou Benvido Mr. Marshall, incribelmente audaz malia o franquismo... Se cadra está rematando unha época, a da facilidade para burlar a censura. É triste, mais con intelixencia pode manterse a liberdade de expresión.

 

-E que debe facer o cómico nestes novos tempos?

 

-Necesita literalmente ir contra o poder. Unha sociedade é sana se hai contradicións, se hai unha dialéctica. O poder di unha cousa e ti tes que dicir o contrario. É sano. Se o poder intenta calar as contradicións, non é bo para a sociedade. É decadencia. Daquela, temos a obriga continua de manter a crítica. Imaxina a miña traxectoria. Nos anos 80, informan de que eu estaba loitando contra o socialismo e o comunismo en Polonia, que era unha ditadura. Agora atópome na posición diametralmente oposta. Son contrario ao capitalismo neoliberal, aos neoconservadores, e estou mesmo a prol do socialismo. A verdade está en se manter en contradición. Non hai ningún tempo na historia en que a sociedade sexa perfecta, en que o poder sexa xenuíno, simpático e xusto. En cada época hai que loitar. O segredo do bufón é amar loitar, loitar con gusto, con pracer, facendo rir. E loitar sen traxedia, co riso como arma, o divertimento como medio. Hoxe en día hai moitos argumentos. Ate a Cifuentes. Hai dous días distribuín no meu espectáculo papeis do máster de Cifuentes, pero sen o nome, para que o enchese o público e tivese tamén un máster. Ese é o traballo do bufón, do pallaso, rir das contradicións, rir da corrupción, rir dos abusos. Divírtome facéndoo.

 

"Unha sociedade é sana se hai contradicións. Se o poder as intenta calar, non é bo"

 

-Hai un anos, un alcalde de Compostela afirmou que o seu traballo lle producía “especial repugnancia”. Ao pouco, dimitiu, despois de se descubrir que defraudara a Facenda. Que pensou nese intre?

 

-Unha persoa que nunca vira un espectáculo teatral meu, un sen vergoña chupando do bote de todos... [ri]. Pero iso é un clásico do mundo do bufón, é o noso pan, é o que pasa. Censuroume no teatro, pero a universidade ofreceume unha aula e fixemos dous espectáculos improvisados marabillosos. O público universitario, mozo, ateigou a sala. Hai que enfrontarse á censura sen traxedia. Evidentemente é malo para a sociedade, pero cando chega hai que vivir con isto e intentar derrubalo. E pódese. En calquera sitio. E quizais, de certo xeito, obrigue o artista a ser máis creativo, a afinar o seus chistes. Non estou a prol da censura [ri], pero de certa maneira pode ser un luxo e axude a mellorar a crítica.

 

-Hai apenas catro meses, sectores reaccionarios de Compostela atacaron o cómico -Carlos Santiago- que deu o pregón de entroido. Vostede coñece ben a cidade: é conservadora?

 

Máis que nada é unha cidade simbólica, mesmo de antes dos cristiáns, cos celtas. E quen di símbolo, di que provoca reaccións moi contrarias. Hai conservadores que van intentar protexer todo o que eles pensen do simbolismo. E haberá outra visión que pretende modificar o simbolismo. O feito de que sexa unha cidade símbolo fai que sexa unha cidade que empurra a loitas culturais. E gústame. É inspiradora. E a xente que vive aí, dunha maneira ou outra, sábeo e mesmo están orgullosos de vivir nun lugar tan simbólico. É unha cidade que me apaixona, que nunca te deixa indiferente. Ou esa monstruosidade da Cidade da Cultura: que ignorancia insultar o símbolo Santiago pensando que había que construír outro Santiago. Compostela non precisa unha Cidade da Cultura, é xa unha cidade da cultura.



x