Calveiro regresa para gañar o García Barros cunha novela protagonizada por Vilagarcía

Calveiro regresa para gañar o García Barros cunha novela protagonizada por Vilagarcía
Marcos S. Calveiro [Foto: Santos Díez]
Marcos S. Calveiro [Foto: Santos Díez]  

Marcos Calveiro, coma o Cid, segue gañando premios despois de ter abandonado a literatura. Pero esta novela, avisa, é a última que tiña gardada no caixón, así que se queremos máis historias da súa factoría teremos que agardar a que volva á escrita. 


'O xardineiro dos ingleses', que verá a luz en Galaxia a finais de ano, nace -segundo o autor- dunha nova de xornal: "Hai uns anos as autoridades británicas condecoraron en Vilagarcía un home que durante 50 anos coidou desinteresadamene do Cemiterio dos Ingleses que hai na recta de Rubiáns, onde se soterraban os mariñeiros ingleses de Vilagarcía, cando alí atracaban as escuadras inglesas antes da I Guerra Mundial. E a partir desa anécdota nimia que eu vin no xornal construín toda unha historia sobre por que alguén coida desinteresadamente dun xardín onde están soterrados os mariñeiros. Hai un misterio e iso foi o que me puxo na pista da novela".

 

'O xardineiro dos ingleses', que verá a luz en Galaxia a finais de ano, nace -segundo o autor- dunha nova de xornal

 

Marcos S. Calveiro (Vilagarcía, 1968) considera que a súa cidade natal é a protagonista desta novela. "Vivo en Vigo e xa me considero de Teis, pero os primeiros anos da miña vida paseinos en Vilagarcía, e tiña unha débeda que saldar. A novela reflicte un pouco a historia de Vilagarcía, as cousas que eu escoitei cando eu era rapaz", explica.


 
A primeira protagonista é Vilagarcía, defende, "e logo unha muller, da que conto a vida desde que é unha mociña a comezos do século XX até o 36, pero por extensión tamén se conta o relato do seu fillo e dun escritor que investiga o pasado do seu avó, que ten algunhas contas familiares que axustar. Está Vilagarcía, está Londres, Turquía, é unha novela bastante viaxeira".

 

Adeus á profesionalización

 

Esta é a súa cuarta novela para adultos, a primeira que ve a luz desde que anunciara o seu adeus á literatura.  Esta historia, afirma é a última que tiña gardada na gaveta. "Quédame unha pequena obra infantil e nada máis. Todo está escrito antes de que decidira abandonar. A versión definitiva desta novela é de 2012".

 

"O malo é que apostei pola literatura nun momento en que, como lle pasou a todo o mundo, levounos por diante a crise", explica un Calveiro que aínda non ten claro se regresará á escrita

 

Calveiro apostou por vivir da literatura logo do éxito de varias das súas novelas, tanto para adultos como xuvenís, pero "esnafreime e tiven que motar un bar, cousas que pasan", di entre risos. "Cóntoo con todo o ánimo do mundo. Non pensei que acabaría no mundo da hostelaría, pero estamos encantados. Abrimos un café distinto en Teis [Café Badía], sen televisión, sen tragaperras, sen máquina de tabaco, onde se fan actos culturais. Estamos encantados, tiven oportunidade de coñecer a moita xente. Non cambio unha cousa por outra. Eu crieime nas tabernas dos meus avós, sempre o reivindico na miña biografía persoal e póñoo nas capas dos libros". 

 

"O malo é que apostei pola literatura nun momento en que, como lle pasou a todo o mundo, levounos por diante a crise", explica un Calveiro que aínda non ten claro se regresará á escrita.  "Terei que poñerme a escribir, supoño, pero o tipo de traballo que teño agora é bastante incompatible coa escrita". Ideas ten un feixe delas, afirma, pero é un complicado. "Unha novela coma esta, que é bastante extensa, sería complicado escribila na miña situación actual: ten moito traballo de documentación, é moi longa e complexa..."
 



x