RUTAS AO PASADO DO PAÍS

Camiñar pola historia

Camiñar pola historia
Ponte Maceira, no Concello de Negreira. Foto cedida
Ponte Maceira, no Concello de Negreira. Foto cedida  

A historia pódese visitar. Literalmente. O portal web de divulgación historiadegalicia.gal vén de anunciar unha iniciativa para, canda asociacións en defensa do patrimonio de todo o país, organizar roteiros por espazos e paisaxes determinantes na historia de Galiza.


O monte Seixo, en Terra de Montes, (17 de setembro); a pegada megalítica na Serra do Barbanza (23 de setembro) e as batallas entre nobreza e igrexa na Idade Media en Ponte Maceira, en Negreira (30 de setembro), serán as primeiras etapas dunha Rutas de Historia que máis adiante pararán nas guerras que, no século XVII, provocaron o distanciamento de Galiza e Portugal; na sauna castrexa do Castelón da Fonsagrada; nas pegadas de Excálibur, e na función dos irmáns Naveira na ilustración e modernización de Betanzos.

 

"O proxecto Rutas de Historia nace coa idea de recuperar o patrimonio oculto do país e concienciar a sociedade da importancia da súa historia e patrimonio", afirma a organización de Rutas de Historia nunha nota de prensa. Para se anotar nas andainas, guiadas por expertos e membros de diferentes entidades relacionadas coa defensa e promoción do patrimonio histórico galego e cunha duración aproximada de catro ou cinco horas, hai un espazo habilitado na web rutasdehistoria.com.



x