XINZO DE LIMIA ABRE A BILLA ESTE SÁBADO

Caos, irreverencia e desafogo: aí vén o Entroido!

Caos, irreverencia e desafogo: aí vén o Entroido!
Un aspecto do entroido de Xinzo de Limia, pórtico do carnaval galego
Un aspecto do entroido de Xinzo de Limia, pórtico do carnaval galego  Foto: Comisión de Entroido Xinzo 2018

O ‘Petardazo’ da noite deste sábado inaugura o ciclo carnavalesco galego, antesala do domingo fareleiro no ‘polígono’ festivo ourensán


Din que Galiza ten un “triángulo máxico” do Entroido formado por Verín, Laza e Xinzo de Limia. Porén, segundo o xornalista e autor de tres ensaios sobre o carnaval galego, Federico Cocho, a figura xeométrica que mais lle acae a esta tradición do noso país sería a do “polígono”, con múltiples vértices que se espallan por toda a xeografía galega.

 

Esta fin de semana, Xinzo de Limia arranca o seu entroido, un dos máis longos de todo o país. Comezará a noite deste sábado co ‘Petardazo’, que dará paso ao domingo fareleiro, onde toda a vila será cazada coas mans na masa nesta particular batalla de fariña. A farelada terá lugar na praza Maior, onde é costume que os mais novos emporcallen a xente, sobre todo raparigas, con fariña, borralla, betume ou mesmo ferruxe dos potes. “Esta tradición existe en mais sitios da xeografía galega, e mesmo sobrevive como tradición común a outras celebracións do rural europeo”, explica Cocho.

 

Esta fin de semana, Xinzo de Limia arranca o seu entroido, un dos máis longos de todo o país

 

A festa da risa, da burla, o mundo ao revés chega a Galiza. Logo do domingo fareleiro, o Entroido seguirá a estender as súas galas no domingo oleiro, no xoves de compadres, no domingo corredoiro, no xoves de comadres… Todo un abano de datas que chegará á súa fin no domingo de piñata. “É unha festa contedora doutros grandes mitos mais vellos, non vinculados directamente ao entroido mais no que foron caendo como manifestacións de rituais anteriores, seguramente ligados ao cambio de ano”, resume o xornalista.

 

Unha festa dinámica que sobrevive o paso do tempo

 

Exorcizar a vida colectiva. Facerlle pagar ao veciño pola discusións do verán pasado, satirizar unha relación sentimental clandestina ou simplemente facer burla dalgunha amiga. “Era unha sorte de terapia colectiva, saían á luz certas cousas veniais ou mesmo graves, e iso é algo que a sociedade de agora non admite”, indica Cocho. “Do mesmo xeito que hoxe xa non se admite unha festa que pase polo sufrimento dun animal ou con contidos machistas, a menos que este estea altamente ritualizado e ambos xéneros acepten o xogo”, engade.

 

Exorcizar a vida colectiva. Facerlle pagar ao veciño pola discusións do verán pasado, satirizar unha relación sentimental clandestina ou simplemente facer burla dalgunha amiga...

 

Nas últimas décadas, a festa sofreu unha mudanza significativa seguindo a propia evolución da sociedade. Isto, lonxe de facela desaparecer, amosou o seu carácter dinámico e flexíbel para adaptarse ás novas condicións materiais. “O entroido pervive aínda como unha festa explosiva, de invasión das rúas, na que toda crítica vale, e isto a pesar dos avanzos tecnolóxicos, que permiten a sátira calquera día do ano”, comenta.

 

A institucionalización da celebración, que puido provocar certa “perda da espontaneidade”, axudou por outra banda a revitalizar a tradición. Así, lugares como Viana do Bolo ou Vilariño de Conso reconvirte esta festa nun símbolo de identidade local, protexéndoa. “En Xinzo, por exemplo, hai unha comisión de entroido popular, aberta, na que o Concello está detrás como garantía de aspectos mais técnicos”, puntualiza Cocho.



x