Carta de despedida de Begoña Caamaño, dirixida a Uxía

Carta de despedida de Begoña Caamaño, dirixida a Uxía
Leandro Lamas
Leandro Lamas  

No acto de homenaxe a Begoña Caamaño, que tivo lugar en Boisaca esta terza feira día 28, Uxía leu unha carta que lle enviara a escritora. Publicamos a emocionante despedida, un documento cheo de dignidade, forza e entusiasmo pola vida. 


A cantante Uxía leu no acto de despedida de Begoña Camaño esta carta na que a escritora transmite a súa alegría pola vida e o sosego diante dunha morte que sabe próxima. Recollemos a presentación de Uxía e, a seguir, a emocionante carta da escritora. A ilustración é o cadro de Leandro Lamas ao que se refire, agasallo das súas amigas naquel aniversario. 

"Creo que te engrandece tanto, que che fai xustiza, que expresa o xenerosa e linda que es, miña amada Bego".

Benquerida Bego: 

Pensei se optar polo silenzo ou só pola música, que como ben sabes, é sandadora e vital. Mais as palabras que ti tan maxistralmente usaches, tamén nos reconfortan moito e, ágora, nestes momentos da despedida, non vou citar nen fragmentos de 'Circe' nen de 'Morgana'. Vou achegar unha carta túa que levo no corazón este tempo todo e que hoxe quedo compartir con todas e todos porque creo que te engrandece tanto, que che fai xustiza, que expresa o xenerosa e linda que es, miña amada Bego.
E así te vou lembrar, así te queremos lembrar: frente ao mar, nun xantar nun piñeiral no verán da Illa de Arousa, rodeada de xente querida, co teu sorriso amplo e luminoso presidindo a xornada e toda esa rede de afectos que teceches cal incansábel Penélope. 

Esa tarde houbo moita música, baños xélidos, aloumiños, confidencias e as nosas mans e os nosos corazóns unid@s, para sempre. Querémoste, irmá…

A carta di así...

Querida Uxi: 
...
Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas...que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego a vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa. 

"Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e, sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte"..

Pero Uxi, non vou mentir dicindo que por veces non teña medo e rabia, pero é máis pola incerteza que pola morte en si mesma. 

Putada, o que se di unha putada grande e real sería ter vivido unha vida de merda, estar dende os 6 anos furgando na basura dos vertedoiros de Antanaribo, ou dende os 8 turrando dunha vagoneta de carbón en Bolivia, ou dende os 11 pechada nun burdel de Bankog!. Ter unha vida tan miserable que che fai desexar a morte como un alivio.

 Iso é a gran putada...e hai millóns de persoas que sofren a vida, porque realmente a sofren, cada día. Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e,sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte...cánta xente morrería só por ter a metade do que eu tiven....

Polo demais, Uxía ben amada, ata nestas circunstancias, aínda que pareza estrano, son feliz, por moi grande é absurda que soe a palabra felicidade. 

Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me agasallastes...facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer...sen dor, sen estertores, adurmiñarme repousando no peito de Etxaniz, ir notando como o sono me vence, como a túa voz soa cada vez máis baixiña no meu  corazón, como os vosos sorrisos se van desdebuxando, perdendo as vosas individualidades ata se convertir nun sorriso único, cálido e amable coma o sol nun día de xuño...e xa non despertar máis.  

Ese é o meu último, íntimo gran desexo. Egoista, sen dúbida, pois en absoluto me preocupa a "outra parte", vós e a vosa tristura e desconsolo. 

Mais a vida foi tan boa comigo, tan boa con todas vós que ata nos está dando o tempo preciso para nos ir facendo á idea e que o salto definitvo non sexa tan traumático nen tráxico, senón unha dor miúda, serea e calma..e que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando xa eu teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo. 
                                
Bicos, Uxi. Quérote pola vida.  



x