Catro candidatos e unha candidata para as Letras 2018

Catro candidatos e unha candidata para as Letras 2018
María Victoria Moreno, Eusebio Lorenzo, Antón Fraguas, Carvalho Calero e Plácido Castro
María Victoria Moreno, Eusebio Lorenzo, Antón Fraguas, Carvalho Calero e Plácido Castro  

Cinco son as opcións que terán os académicos e académicas para elixir a quen homenaxearemos nas Letras 2018. E hai algunhas sorpresas que entran por primeira vez na listaxe de candidatables. 


Os cinco aspirantes son: María Victoria Moreno, a candidata con máis posibilidades; o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero; o poeta Eusebio Baleirón; o historiador Antón Fraguas; e o xornalista, escritor e tradutor Plácido Castro. 

 

Tal e como xa contamos a pasada semana, a aspirante con máis posibilidades é a escritora María Victoria Moreno (Cáceres,1941 - Pontevedra, 2005), que vén respaldada ademais por tres sinaturas clave do grupo que sostén a presidencia de Víctor Freixanes. Segundo fontes consultadas por Sermos, esta candidatura tería sido pactada entre entre a executiva saínte presidida por Alonso Montero, e a actual. 

 

Mentres, Ricardo Carvalho Calero (Ferrol 1910 - Santiago 1990) segue a ser o eterno aspirante que nunca chegou a ser recoñecido. Aínda que o seu valor literario ten partidarios e detractores, a súa importancia intelectual fica fóra de dúbida. Nesta ocasión volve ser apoiado polo sector 'ferrinista'. 

 

Volve irromper na listaxe de elixibles Plácido Castro (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967), figura clave da cultura galega na diáspora, cuxa candidatura foi impulsada polo IGADI e pola propia fundación que leva o seu nome. Escritor, xornalista e tradutor, foi un persoeiro destacado do galeguismo de entreguerras e redactor da BBC onde levou adiante o 'Galician Programme' na nosa lingua. 

 

Quen entra por vez primeira na listaxe é o escritor Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986), unha promesa da poesía galega que viviu demasiado pouco. Apoiado a nivel local polo seu Concello,  na Academia tamén foi avalado pola 'oposición'. 

 

Outra presenza nova é a de Antón Fraguas (Cerdedo-Cotobade, 1903 - Santiago, 1999), un destacado historiador e antropólogo galeguista, militante das Irmandades, membro do Seminario de Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego. 



x