EDUARDO ALONSO, DIRECTOR E DRAMATURGO

"O Centro Dramático Galego é case case irrecuperable"

"O Centro Dramático Galego é case case irrecuperable"
Eduardo Alonso
Eduardo Alonso  

Foi o primeiro director do Centro Dramático Galego (CDG), dirixe desde hai 30 anos -canda Luma Gómez- Teatro do Noroeste e leva máis de 40 anos no mundo do teatro. Por todo iso e máis, Eduardo Alonso (Vigo, 1948) foi merecente do Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. 


- Vas recibir o Premio de Honra Marisa Soto na gala dos María Casares. Que significa para ti logo de 40 anos de carreira?
- Pois faime pensar neses 40 anos. E ademais como fixemos os 30 anos de Teatro do Noroeste e publicamos un libro, levo un tempo repasando, buscando fotos de hai anos, digamos que dedicado á memoria histórica [risos].

- E o balance?
- Hai de todo, loxicamente, houbo anos moi duros e outros nos que parecía que as cousas ían chegar a porto, de moita ilusión. Pero foi moi divertido, tanto nos anos malos coma nos bos, ou polo menos eu paseino moi ben. 

- Ti ías para enxeñeiro naval, como remataches no teatro?
- Non, o da enxeñería naval foi unha casualidade da vida. Eu quería ingresar na Escola de Cine, pero precisabas ter cumprido os 18 anos, así que o meu pai mandoume a estudar unha carreira técnica para cubrir eses dous anos. E decidinme pola naval porque me parecían divertidos os barcos, pero eu xa empezara a facer teatro, e cando cheguei a Ferrol metinme a traballar nunha compañía de teatro afeccionado que se chamaba Teatro Estudio, que era estupenda porque a dirixían dous directores, un que estaba en Ferrol e outro en París, que montaba obras no verán, polo que tiñamos conexión directa coas vangardas europeas. E cando rematei a carreira, o pactado co meu pai, xa fun a Madrid a estudar cinema, onde xa empecei a vivir do teatro. A malvivir, máis ben.

Os obxectivos que ten o actual CDG son descoñecidos, non sabemos que se pretende, que proxecto hai, non temos unha fotografía de como pensan os que toman as decisións

- Fundaches grupos de teatro en Madrid e logo aquí tamén.
- En Madrid fundamos Teatro Zoo, con quen faciamos xiras por toda España, até o 78, cando voltamos a Galiza, porque pensamos que en Galiza se podía desenvolver unha actividade profesional.

- En Galiza montaches Teatro Andrómena e Teatro Estaribel. 
- Si, logo o CDG e un pouco despois creamos Teatro do Noroeste. 

- Fuches o primeiro director do CDG e o primeiro que intentaches levar a escena a Valle-Inclán en galego. Como lembras aqueles dous anos?
- Nós montamos o CDG partindo da nada. Non existía nada, nin administrativamente nin tecnicamente falando, non había infraestrutura. Había que buscar onde ensaiar, onde almacenar as escenografías, onde construílas, etc. A intención inicial era que o CDG iniciara a súa andaina con 'Divinas palabras' en galego, íao dirixir Xulio Lago e atopámonos Luís Álvarez Pousa -director xeral de Cultura- e eu coa prohibición tallante de Carlos Valle-Inclán, o fillo, que xa morreu. Recordo perfectamente unha viaxe a Ponteveda, recibiunos na súa casa, un señor moi amable e respectuoso, pero imperturbable, que non aceptou a pesar dos nosos argumentos. E, seguindo a idea de que debería ser un centro nacional, que debería -por unha banda- ter o repertorio das grandes compañías de teatro de toda Europa, e por outra banda, apoiar a dramaturxia propia. Desde esa perspectiva o primeiro espectáculo foi 'Woycek', para substituír a 'Divinas palabras'. E logo estreamos 'Agasallo de sombras' de Vidal Bolaño, que era o autor galego vivo naquel momento con máis posibilidades de transformarse nun dramaturgo de alto nivel. Así marcamos as liñas de funcionamento. 

Non hai un centro así [coma o CDG] en toda Europa que teña os problemas administrativos que ten o CDG. Somos moi orixinais creando problemas.

- Ti e Pousa puxestes a primeira pedra para construír un teatro nacional. Conseguiuse?
- Penso que non. Penso que o montamos bastante ben para que dure máis de 30 anos con todos os avatares polos que pasou. Tivo moitos momentos, algúns de deriva, e neste momento o CDG é case case -se me apuras- irrecuperable como non se tomen medidas excepcionais e se tomen moi en serio para crear unha institución de produción que permita a creación dun teatro nacional. Pero creo que non vai ser, porque non hai vontade política, que non é o único elemento, pero si é fundamental para poder tirar para adiante. 

- Por que cres que é irrecuperable? Que é o máis grave que está a pasar agora mesmo?
- Os obxectivos que ten o actual CDG son descoñecidos, non sabemos que se pretende, que proxecto hai, non temos unha fotografía de como pensan os que toman as decisións. Non nolo explicaron. Móntase unha cousa ou outra a salto de mata. E se hai un problema administrativo por culpa dunha normativa, cámbiase a normativa e xa está, que parece que somos a excepción en todo o mundo. Non hai un centro así en toda Europa que teña os problemas administrativos que ten o CDG. Somos moi orixinais creando problemas. 

- Acaba de publicar un artigo Camilo Franco no que afirma basicamente que a cultura autonómica morreu, referíndose ao devalo de CDG, CGAI e CGAC. Ti que opinas?
- Non o lin, pero esas son institucións, non é a cultura. Elas posibilitan a cultura, pero non son a cultura. E esa está moi viva e moi activa, a pesar de estar feita nunhas condicións imposibles case de superar. A cultura estase manifestando e hai uns creadores que están dando uns resultados, desde o meu punto de vista, espléndidos, o que pasa é que se está a facer cun esforzo sobrehumano, porque se non, non é posible. E deberían facelo sen ningún tipo de esforzo para poder centrarse nos espectáculos. Nun erial poden nacer flores marabillosas, pero se o temos traballado pode ser un xardín inglés espléndido. Eu creo que creativamente no teatro está dando uns resultados brillantes. 

Hai uns creadores que están dando uns resultados espléndidos, o que pasa é que se está a facer cun esforzo sobrehumano

- Como foi a evolución creativa desde hai 40 anos a agora?
- Eu creo que houbo altibaixos pero foise avanzando aos poucos a pesar das grandes dificultades. Eu son dos que penso que a creación da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) fixo que calidade dos profesionais e, por tanto, dos espectáculos, dera un salto importante. Agora estamos nun momento malísimo, onde é un milagre todo o que está a saír. A xente non pode desfondarse por conseguir facer un espectáculo. Os que levamos tempo comentamos que cada ano nos é máis complicado facer o seguinte, como será para a xente nova que empeza? É un milagre, pero saen, saen moi bos espectáculos. 

- Xa volvendo a Teatro do Noroeste, cales dirías que foron os mellores momentos?
- Houbo momentos estupendos. Sempre conto que houbo un momento moi bo, no Xacobeo 93, que o Concello de Santiago nos encargou algo que tivera que ver cos adolescentes e montamos 'Galileo Galilei', de Bertold Brecht. Durante un mes o teatro encheuse con rapaces e rapazas de toda Galiza. E outro momento moi bo foi cando, un ano despois, o IGAEM sacou unhas axudas que se chamaban Compañías Concertadas, que non volveu sacar nunca máis, eran axudas bianuais. Pasamos traballando dous anos con tranquilidade absoluta, con salario corrido. Aínda algúns o recordan agora: "Foi a primeira vez e a única que tiven unhas vacacións pagadas". E logo outro momento foi no 2007-2008 ou por aí, cando montamos o 'Romeo e Xulieta', con varios actores da primeira xeración da ESAD. A única veterana era Luma. Iso deunos unha enerxía e un pulo que naquel momento necesitabamos. 

- E cales son os vosos vindeiros proxectos?
- Non sabemos realmente, temos cousas na cabeza pero non sabemos se as poderemos materializar. A nós gustaríanos ter un teatro desde onde realizar a nosa labor. Algo diso fixemos coa sala Iago, canda Teatro Cachirulo, durante cinco anos que estivemos programando. Faciamos moito traballo de captación de públicos, de relación con ensino... A nós gustaríanos facer iso, pero non vai ser posible. Nós sempre tivemos no ADN necesidade de ter en conta a sociedade, e cremos que agora é o momento de volver ao teatro infantil e familiar, traballando un tema que nos está a preocupar bastante: o respecto ás diferenzas. 



x