FALECIDA HAI CASE UN ANO

Centos de persoas celebran a vida de Begoña Caamaño

Centos de persoas celebran a vida de Begoña Caamaño
[Imaxe: @LiladeLilith]
[Imaxe: @LiladeLilith]  

Compostela foi o escenario no que se desenvolveron onte os actos de recoñecemento a Begoña Caamaño. Música e letras, con moita emoción e tamén con ilusión, teceron a lembranza da escritora, xornalista e feminista falecida o 27 de outubro de 2014.


Baixo o lema “Begoñísima”, a xornada comezou á tarde na Fundación Granell coa mesa redonda sobre “sororidade” e feminismo, na que tomaron a palabra as activistas Ana Pérez Caramés, Ana Sánchez Bello, Carme Castro e Lola Ferreiro. As feministas achegaron as chaves para abrir un mundo máis libre e xusto para as mulleres.

Após a mesa redonda, música literatura, artes escénicas e audiovisuais e comunicación déronse cita no Teatro Principal, onde unha trintena de profesionais dun amplo abano de ámbitos lembraron Begoña Caamaño. Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e de Vacas fiaron con música o encontro, que tamén contou coa participación das Cangongas do Quirombo, Aldaolado, María Xosé Queizán, Carme Panero, Mónica Caamaño, Concha de la Fuente e Elena Ferro.

A xornada tamén contou con espazo para a presentación de dous libros ao redor da autora de Circes e Morganas, O libro das amigas, no que participan 22 mulleres, e Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño, promovido pola plataforma A Sega e que conta coa autoría de 25 escritoras.

 

 



x