Chan da Pólvora crea unha editorial especializada na Ribeira Sacra

Chan da Pólvora crea unha editorial especializada na Ribeira Sacra
Mirador do Canón do Sil [Foto: SanchoPanzaXXI  ]
Mirador do Canón do Sil [Foto: SanchoPanzaXXI ]  

Biblioteca de Mesopotamia, que así se chama o novo selo editorial, preséntase este sábado en Monforte. 'Contos de Mesopotamia', de Ánxel Fole, será a súa primeira obra.


A presentación da Biblioteca de Mesopotamia, o selo editorial especializado na literatura da Ribeira Sacra, terá lugar ás 12.00 horas do vindeiro sábado 22 de abril nun dos espazos emblemáticos da arte galega, a Pinacoteca do Colexio Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos, onde se exhiben, entre outros, cadros de El Greco e de Andrea del Sarto. O acto, no que participarán representantes dos concellos e organismos que apoian a iniciativa, dende a Real Academia Galega á Consellería de Cultura, pasando pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra ou as deputacións de Lugo e Ourense, contará coa presenza de Claudio Rodríguez Fer, autor da introdución do volume que abre a colección. 

O novo proxecto xa adianta algúns dos autores que publicarán, onde podemos atopar nomes como Ernesto Guerra Dacal, Emilio Araúxo, Lois Pereiro, Góngora ou Manuel María.

A Biblioteca de Mesopotamia xorde impulsada polo escritor e editor Antón Lopo e o deseñador Manolo Martínez desde Chan da Pólvora Editora, pero configúrase, segundo a editorial, "coma un ente independente consagrado a difundir a cultura e os autores da Ribeira Sacra". Os obxectivos do proxecto son "difundir e protexer a literatura e a mitoloxía propias da Ribeira Sacra, que conta con toda unha serie de literatos, coñecidos e non tan coñecidos, capaces de transgredir as fronteiras coas súas obras". Outra das intencións que citan é servir como achega á candidatura da Ribeira Sacra para lograr o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade e dotar así dun recoñecemento máis a este territorio. 

Bibioteca de Mesopotamia

O novo proxecto xa adianta algúns dos autores que publicarán, onde podemos atopar nomes como Ernesto Guerra Dacal, Emilio Araúxo, Lois Pereiro, Góngora ou Manuel María. 'Contos de Mesopotamia', de Ánxel Fole, é a obra seleccionada para abrir a colección, que conta cun prólogo e estudo inicial de Claudio Rodríguez Fer. Trátase dunha selección de dez relatos do autor, que estivo estreitamente vinculado a Quiroga, lugar onde pasou parte da súa vida. As pezas, tamén ligadas a este territorio, están incluídas nos seus libros 'A lus do candil', 'Terra brava', 'Contos da néboa' e 'Historias que ninguén cre'. 



x