Chané, o músico que gañou París

Chané, o músico que gañou París

Ano de 1889. París, para conmemorar o centenario da revolución, acolle, entre maio e outubro, a décima Exposición Universal. 79 hectáreas do Campo de Marte presididas pola maior estrutura metálica construída até o momento. Unha torre sen finalidade ningunha que propiciou a proliferación de descualificacións e de negros presaxios xa desde o inicio das obras, hai agora 130 anos.

 

Houbo especialistas e matemáticos empeñados en demostrar o seu seguro derrubamento cando se alcanzasen os 228 metros de altura. O 14 de febreiro de 1887 as páxinas de Le Temps publicaron un manifesto titulado "Protesta de artistas", no que se rexeitaba o proxecto segundo os argumentos seguintes: "Escritores, escultores, pintores e amantes apaixonados da beleza até agora intacta en París, vimos protestar con todas as nosas forzas e con toda a nosa indignación en nome do gusto francés desprezado e no nome da arte e a historia francesa ameazados, en contra da erección en pleno corazón da nosa capital da inútil e monstruosa torre Eiffel”.

 

O tempo non deu a razón nin a especialistas nin a artistas. As palabras do mestre Afonso no mosteiro da Batalha (“A Abóbada não caiu, a abóbada não cairá!” ) e a torre non se derrubou.

 

Houbo especialistas e matemáticos empeñados en demostrar o seguro derrubamento da Torre Eiffel cando se alcanzasen os 228 metros de altura

 

Emilia Pardo Bazán exerceu de correspondente para varios periódicos. Desa correspondencia sairá o seu libro de cartas Al pié de la Torre Eiffel. O libro non fala nada da presenza de galegos en París, claro. A pesar de que dous músicos galegos foron premiados. Un foi Pascual Veiga que co Orfeón Coruñés número 4 obtivo a medalla de ouro e as Palmas Académicas, polo que foi moi felicitado.

 

O outro foi Chané e a coral El Eco coa que xa obtivera galardóns en Madrid e Barcelona e que en marzo de 1888 organizara un concerto benéfico a favor de Chané despois de ter pasado unha grave doenza que o tivo máis de dous meses na cama. Foi premiado tamén en París, onde o grupo que dirixía foi galardoado no festival do Teatro Trocadero, en 1889.

 

Malia o seu recoñecido prestixio, a cátedra que rexentaba Chané na Coruña foi suprimida, razón que o levou a emigrar a Cuba, onde musicou varios poemas de Curros. Alí morreu e, despois dunha travesía dun mes no vapor Reina Cristina, foi enterrado na Coruña.

 

Se cadra foi Lino Gerpe, nun artigo publicado en Gaceta de Galicia o 2 de febreiro de 1917 e que asina tamén Remigio Pérez, pseudónimo de Lino Gerpe, quen fixo a luctuosa máis sentida.

 

Lembra Gerpe os anos de infancia compartida en Compostela, a casa de pedra rústica, o pai amenizando as rúas cunha mínima compañía de títeres. E algúns tipos curiosos e populares da Compostela do derradeiro cuarto do século XIX. Eran os tempos de “Campana choca”, o popular e agresivo mendigo que, estaca en riste, custodiaba a porta da igrexa das Ánimas e que formou parte da Menestra de tipos populares de Galicia, de Federico Guisasola.

 

Eran os tempos do cego Conde, vendedor do semanario satírico madrileño El Cascabel, dirixido por Carlos Frontaura e que voceaba “Cascabel, cascabeliño, cascabeliño furado”. Eran tamén os tempos do “Catro pallas” que cruzaba as rúas de Compostela berrando “La Igualdad, diario federal de Madrid” e que era obxecto, segundo denuncia Gaceta de Galicia de insultos e golpes por parte de “cierta clase querida y considerada en Santiago”. Fóra desa lembranza máis persoal no boletín 116 da RAG comparte páxinas necrolóxicas con Pondal.

 

Enterrado en Santo Amaro, non lonxe de Curros, A Nosa Terra escribiu:  “Curros e Chané que espiritualmente se xuntaron no "Adiós a Mariquiña", dende agora falarán coa voz do misterio, fala eterna sen palabras, aos corazóns da mocidade galega”.



x