O Chanfaina Lab cociña novas ferramentas para seguir facendo cine no rural

O Chanfaina Lab cociña novas ferramentas para seguir facendo cine no rural
Oliver Laxe durante o obradoiro de onte en San Sadurniño.
Oliver Laxe durante o obradoiro de onte en San Sadurniño.  Foto: cedida

O Chanfaina Lab ten algo de labrego e algo de laboratorio. Para empezar, o nome. A chanfaina é o prato típico de San Sadurniño, unha mestura de partes do porco que se combinan nunha tripa. O Chanfaina, o festival, é un experimento que mestura xente do rural, xa non moi moza, enténdese, e moi afastada das novas tecnoloxías, con xente criada na técnica e con destrezas que compartir. 


Oliver Laxe, cineasta mozo e famoso, impartiu un obradoiro na clausura do Chanfaina onte en San Sadurniño, a cuarta edición. “Unha persoa próxima, unha marabilla, un director que vén a coñecer e a ensinar”, explicaba pola tarde, antes de empezar a sesión, Sabela Íñiguez, concelleira nacionalista en San Sadurniño, responsable de Cultura e do festival. “Somos xente sinxela, que até hai un tempo pensabamos que as nosas historias non interesaban, pero empezou a vir esta xente a retratar San Sadurniño desde unha mirada de fóra e empezamos a mirar como nos vían, o feo e o bonito, e a pensar que si, que as nosas historias tamén interesan e mesmo podemos contalas nós”, di Sabela para explicar a xénese do festival, que non é unha rareza no país, hai outros, o festival de cine rural Carlos Velo, por exemplo, cita Sabela. 

 

María Yañez impartiu os primeiros obradoiros na sexta feiraEste ano polo Chanfaina pasaron María Yáñez, que impartiu un taller, Folclore dixital, sobre memes e gifs; o portugués Carlos Viana, para falar de cine rural no país veciño; e Belén Montero e Juan Lesta cun curso acelerado de edición de vídeo, catro horas. “A cousa é que o ano pasado tivemos a unha psicóloga e a unha directora que nos ensinaron a mirar”, explica Íñiguez, “e a xente xa deu en facer gravacións e demandaba que lles ensinaran a editar”.

 

Pasou máis xente. Tamén Ana Pontón, estrela inesperada. A portavoz nacional do BNG dedicou a fin de semana a facer gravacións, “con mulleres e na estación, non sei máis”, di a concelleira, “o resultado verémolo en febreiro, cando se rematen as pezas deste ano e se presente a seguinte edición”.

 

O Chanfaina empezou antes de nacer na aula CEMIT coa que o concello quixo animar á veciñanza a interesarse polas cousa das novas tecnoloxías. Ao principio custou, confesa Íñiguez, “era un simple programa de alfabetización dixital que derivou nun proxecto de fotografía e vídeo sobre a memoria do lugar e despois, por fin, no Chanfaina Lab”.

 

A mestura de técnica e tradición produciu xa novas aperturas. Un documental de Xisela Franco con mulleres que se dedicaban “á casa e á horta” serviu para arrancar o proxecto Teño unha horta en San Sadurniño no que Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carme Couce e Carme Bouzas, veciñas e cineastas, explican a través de YouTube como se planta unha leituga ou como se coida, limpa e traballa a terra. Uns saberes que parecen hoxe tan afastados da xente de ámbitos urbanos como parecían hai anos as TIC das veciñas de San Sadurniño.

 

Oliver Laxe, premiado en Cannes, subliña o programa, deu onte a esas veciñas e veciños unha charla sobre o cine que se fai no rural titulada O cinema da soberana submisión. Non se sabe se asistiu Pontón, a cineasta.

 

A foto interior corresponde ao obradoiro de María Yáñez, de pé, a primeira pola dereita. Fotografías cedidas pola organización.



x