Choiva de libros para Reis

Choiva de libros para Reis
libros
libros  

Contan que en Islandia a xente pasa o Nadal asolagando aos seus seres queridos de libros. Unha tradición que seguramente apareza nos soños da maior parte das persoas relacionadas coa edición e a literatura galega pero que aínda precisará dalgún esforzo titánico para ser sequera levemente implantada no noso país. Ao mesmo tempo, porén, o recurso ao agasallo de libros nestas datas é relativamente frecuente, especialmente para a xente nova.


Un libro nas idades axeitadas (ou nas que non o son) é un agasallo de longa distancia, unha especie de bomba de reloxaría con potencialidades ocultas. As obras poden ser descubertas tempo despois, e ás veces a memoria que nos deixan aparece tras moitos anos, cando compartimos a nosa bagaxe con outras persoas. A marabilla, e tamén o rexeitamento ou as sensacións encontradas, poden formar parte das cousas que poñemos en común coas novas amizades e son o substrato das complicidades e dos encontros.

 

01 a brétema

Dentro da inmensa oferta que a literatura infantil e xuvenil ofrece poderíamos comezar polo protagonismo que este ano vai ter a obra de María Victoria Moreno, que en maio será a cuarta muller en ser homenaxeada co Días das Letras Galegas en máis de medio século. Galaxia, editora á que estivo ligada a autora, comezou xa reeditando algúns dos seus clásicos infantís como Leonardo e os fontaneiros ou ¿E haberá tirón de orellas? Porén, non se trata da única casa que celebra á autora, Urco Editora tamén prepara a efeméride con varios contos infantís con ilustracións de mulleres novas. É o caso de O cataventos (con debuxos de Lara Torres) ou A brétema (de María Montes Sueiro), este último contén unha historia moi tenra sobre unha señora maior que decide converterse en brétema para seguir ollando o mundo e a xente. Urco Editora xa dedicara a María Victoria Moreno un dos volumes da colección de Mulleres Bravas da Nosa Historia, outra opción ben acaída para persoas novas e que ten a virtude de recuperar referentes femininos da cultura galega frecuentemente marxinalizados ou pouco coñecidos. Outra das novelas estrela de María Victoria Moreno, Anagnórise, foi frecuentemente tratada como unha novela xuvenil e de certo volverá ser protagonista neste 2018.

 

02 MurielDentro da actualidade literaria deste ano hai unha referencia imprescindíbel. O premio Merlín de literatura infantil, que este ano gañou María Canosa con Muriel, unha historia que evoca a cariñosa relación dun neno coa súa avoa e ao mesmo tempo abre un mundo cheo de fantasía e marabillas. A gañadora dunha das edicións anteriores, Ledicia Costas lanzou recentemente o álbum Os arquivos secretos de Escarlatina, ilustrado por Víctor Rivas e cheo de segredos e detalles sobre o universo de Escarlatina, a cociñeira defunta, un dos libros máis abraiantes dos últimos anos, capaz de explorar un divertido trasmundo e achegar ao tempo ás persoas máis novas ao interese pola cociña. Da mesma autora tamén viu a luz este ano A señorita Bubble, unha proposta que reivindica tamén o papel das mulleres na tecnoloxía, e tamén incide sobre a importancia de levar vidas contracorrente. No frecuentemente esquecido papel do teatro infantil, este ano podemos destacar unha obra sobre o absurdo das guerras e as fronteiras que se le como un entretido diálogo entre un soldado e unha rapaza expulsada da súa terra: O valo, de Carlos Labraña. Por outra parte, en 2017 aconteceu un relanzamento de Santillana co selo Oqueleo, unha colección con libros para distintas idades e que conta cunha sorte de dream team da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, con nomes como Concha Blanco, Paula Carballeira, Xoán Babarro, Jaureguízar, Héctor Cajaraville ou Xavier Estévez. E para as persoas máis pequenas non podemos deixar de mencionar a incursión da editorial Apiario na literatura infantil co o álbum O branco non pinta, escrito por unha das súas editoras, Antía Otero e máis María Brenn.

 

03 onde-viven-os-monstros-G_01

No eido da tradución, a disponibilidade de libros na nosa lingua ten traballadoras fieis e constantes. Novamente para as crianzas máis novas habería que mencionar o fermosísismo O camiño a casa, unha historia de animais con pouco texto escrita por Katie Cotton con ilustracións de Sarah Jacoby, editado por Hércules Edicións en tradución de Fe González. Na mesma liña infantil non podemos deixar de mencionar o traballo de Kalandraka, un referente inescusábel nestas datas que, tras publicar o clásico Onde viven os monstros hai un tempo, este ano nos ofrece tamén outras novas obras de Maurice Sendak en tradución de Xosé Ballesteros. En Kalandraka tamén podemos atopar clásicos da literatura infantil e xuvenil como Pippi Mediaslongas de Astrid Lindgren en tradución de David A. Álvarez. Espallado en varias editoras podemos atopar tamén un imprescindíbel como o galés Roald Dahl, un dos autores que escribiu tratando ás crianzas como o que son: seres extremadamente intelixentes. O ciclo da súa apaixonante biografía: Boy (Relatos da infancia) e Voando só pode atoparse en Sushi Books. Oqueleo ofrécenos, pola súa parte, un libro tan inesquecíbel como Matilda e aínda Xerais ten no seu catálogo outras obras como As Bruxas ou Charlie e a fábrica de chocolate.

 

04 reckless

Pensando nun lectorado algo maior, sempre reivindicamos o papel das sagas que, para moitas persoas converteron a adolescencia nun lugar máis habitábel. Hai que lembrar que Xerais mantén no seu catálogo o ciclo básico de Tolkien, cos tres volumes de O Señor dos Aneis e a historia previa de O Hobbit. Un autor que, aínda que só sexa polas relacións que se lle teñen marcado coa cultura galega e as supostas influencias sobre Cunqueiro ou Méndez Ferrín, paga a pena coñecer alén dos filmes dos últimos anos. Unha aposta menos clásica, tamén na editora viguesa, podería ser o ciclo Reckless de Cornelia Funke, unha das autoras de literatura fantástica máis reputadas da actualidade que nos leva a un mundo tan máxico como único. Reckless é unha saga que aínda está a escribirse, e o seu terceiro volume O fío de ouro saíu este 2017, pero cómpre comezar por Carne de pedra para entender como chegan os personaxes a atravesar o espello e entrar nun mundo paralelo habitado por seres máxicos e poderes sobrenaturais. Máis difícil de atopar resultará o ciclo de tres novelas A materia escura de Philip Pullman, editado hai xa uns anos por Faktoría K en tradución de Fernando Moreiras e parece que descatalogado polo de agora.

 

Para o lectorado máis inquedo a ambicioso aínda hai tempo de facerse cos dous volumes do Sherlock Holmes anotado que sacou Edicións Morgante hai uns anos e que son, sen dúbida, a mellor achega de Arthur Conan Doyle á nosa lingua. Traducidos por Bieito Iglesias e Manuel Vázquez e anotados polo londiniense Xesús Fraga, supoñen un auténtico luxo e a mellor forma de achegarse ao clásico detective en clave galega. E dentro dos gostos máis transgresores lembramos tamén que Urco acolle desde hai tempo a Biblioteca Lovecraft, perto dunha ducia de volumes coa obra completa do mestre do terror cósmico que ademais poden lerse de xeito independente. Se alguén queda con ganas de máis, lembramos que tamén Querido H.P. de Antonio Manuel Fraga recupera o escritor estadounidense, esta vez como personaxe.

 

Unha auténtica maré de libros e propostas que agardan asolagar as noites de reis para abrir portas a outros universos e sementar as complicidades e encontros que han de darse algún día neste mesmo no que estamos.

 



x