Pontevedra, unha cidade con ‘Mulleres de conto’

Pontevedra, unha cidade con ‘Mulleres de conto’

Escritoras, ilustradoras, nais e avoas que contan contos, mestras, libreiras, bibliotecarias… Elas e outras tantas son as protagonistas de Mulleres de conto, o lema da XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un evento de case un mes de duración que este ano se abre ao mundo grazas á presenza de México como país convidado.


6O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra naceu en 1999 da man dun novo modelo de cidade que se comezaba a desenvolver paralelamente ás primeiras edicións deste evento. Case dúas décadas despois, segue sendo parte fundamental dun proxecto urbano sustentábel centrado nas persoas.

 

Este ano, o salón rende homenaxe a todas as mulleres que conforman o mundo da literatura infantil e xuvenil. Máis aló do libro físico, a XIX edición céntrase no campo da divulgación literaria e nas mulleres que, a través do seu traballo e dedicación, estabelecen pontes entre literatura e crianzas.

 

A cita foxe de parámetros numéricos e anima a facer unha lectura crítica e reflexiva sobre a presenza feminina na literatura: Como foron as mulleres nos contos? Que papel xogaron? Que personaxes femininas se empregan? Como están representadas? Que valores promoven?

 

Este ano atopamos máis de 60 obras procedentes de centros de ensino de Pontevedra e arredores, localizadas nun acolledor espazo que convida a gozar da lectura ao tempo que nos conta historias sobre as mulleres que participan do mundo do libro.

 

Carme Fouces: “O resto do mundo mira para nós facéndose preguntas sobre como transformamos a nosa cidade.

 

Co firme convencemento da capacidade crítica e reflexiva da lectura a idades temperás, a “Cidade dos nenos” é hoxe a cidade do Salón do Libro. Para Carme Fouces, concelleira de Cultura no Concello de Pontevedra, este proxecto é “o buque insignia” do modelo de cidade que se practica na Boa Vila. “O resto do mundo mira para nós facéndose preguntas sobre como transformamos a nosa cidade. Son cuestións que, grandes ou pequenas, todas as cidades están desexando incluír na súa axenda de traballo. Pontevedra é un referente internacional”, afirma.

 

México: país convidado

 

Aproveitando a internacionalización do propio concello, o salón conta por primeira vez cun país convidado: México. Grazas ás boas relacións estabelecidas a nivel empresarial e urbanístico entre o país centroamericano e a cidade do Lérez, a organización decidiu aproveitar as pontes de contacto existentes entre ambos os lugares e,así, beber da rica e diversa cultura mexicana, un país con 68 linguas prehispánicas e cunha potente industria literaria.

 

Referido a isto, a animadora cultural Gabriela Badillo presenta no Salón 68 voces, un proxecto que dá a coñecer a riqueza lingüística e a tradición oral mexicana a través dunha serie de contos indíxenas ilustrados por artistas do seu país.

 

Carme Fouces: “Interésanos non só dar visibilidade á cultura mexicana, senón catapultar a nosa cara a outros lugares”

 

“Interésanos non só dar visibilidade á cultura mexicana, senón catapultar a nosa cara a outros lugares”, explica a concelleira de Cultura. A través do proxecto Libros que cruzan océanos, crianzas da Cidade de México e Oaxaca poden lerán obras de autoras e autores galegos, ao tempo que as crianzas de aquí fan o propio coa obra das autoras convidadas ao salón. “Ver as nenas e os nenos mexicanos lendo na nosa lingua con esas ganas e ese pracer de aprender novos idiomas, emociona”, conta entusiasmada a edila.

 

“Foi doado facer unha delegación de artistas mexicanas potente. Estamos tremendamente agradecidas a México polo seu compromiso co salón. Aquí está o mellor das súas letras e da súa arte. Fixeron un curso a nivel nacional para seleccionar as persoas asistentes que virían en representación do país e, por enriba de todo, valoramos a súa diversidade lingüística e cultural”, destaca Fouces.

 

As mediadoras 

 

É precisamente do país mexicano onde parte outra das figuras fundamentais para o Salón do Libro deste ano: a mediadora de lectura. Son figuras recoñecidas e moi utilizadas no país azteca, mais aínda estrañas neste lado do Atlántico. A través do I Congreso Internacional de Mediación Lectora, organizado en colaboración coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, o Salón do Libro volve dar peso ao plano formativo cunha serie de actividades enfocadas a coñecer o labor destas mediadoras.

 

Eva Mejuto: “Queremos implicar os profesores e futuros docentes na importancia de como tratar o libro e a lectura na aula, sempre desde unha perspectiva feminista”

 

“Queremos implicar os profesores e futuros docentes na importancia de como tratar o libro e a lectura na aula, sempre desde unha perspectiva feminista”, explica Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro. “Temos obradoiros de análise de personaxes femininas, actividades de teatro, poesía, crítica feminista, etc. Trátase de facer reflexionar en conxunto e, sobre todo, de crear unha comunidade arredor do libro en Pontevedra e Galiza. É a primeira edición deste evento e houbo unha acollida fantástica, tivemos que ampliar as prazas”, afirma, en declaracións a Sermos Galiza.

 

Outra das novidades desta edición é o Concurso Internacional de Ilustración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O traballo da viguesa Ana Villegas impúxose fronte ás 234 obras presentadas, converténdose na imaxe oficial destas Mulleres de conto. Así mesmo, o salón xa ten publicado un almanaque recompilatorio das ilustracións e pinturas finalistas do certame.

 

Os retos

 

Para Eva Mejuto, o reto fundamental do Salón é achegarse ao lectorado mozo. “Temos moita literatura infantil pero hai unha idade, entre os once e os doce anos, na que moitas rapazas e rapaces quedan descolgados da lectura”, lamenta.

 

Eva Mejuto: "Estamos a levar a cabo unha serie de iniciativas coas que buscamos que as crianzas que viñeron con seis, sete ou oito anos sigan vindo e sentindo o salón como o seu espazo"

 

“Estamos a levar a cabo unha serie de iniciativas coas que buscamos que as crianzas que viñeron con seis, sete ou oito anos sigan vindo e sentindo o salón como o seu espazo. É complicado afianzar o lectorado mozo, pois le de xeito vinculado ao ensino. Queremos xogar con esa parte crítica e dinámica propias da mocidade”, explica a coordinadora. Para iso hai preparados cursos de Youtube, poadcasting e Instagram, entre outros, todos eles relacionados coas novas plataformas e formatos dixitais existentes na rede.

 

Programación

 

Aberto do 6 ao 29 de abril, de 17h a 20h de segundas a quintas; de 17h a 20:30h as sextas e de 11h a 14h e de 17 a 20:30h os sábados e domingos, dentro da súa ampla programación atopamos arredor de 150 actividades, como o obradoiro “Cóntame outra vez…”. Con este taller, que se celebrará o vindeiro 13 de abril ás 17:30h no espazo do salón, as persoas asistentes poderán, previa inscrición, recuperar os contos tradicionais desde unha perspectiva de xénero. Dirixido a un público familiar, este proxecto busca reinterpretar o xeito de contar os contos, actualizando o papel da muller nas historias de sempre.

 

A cuarta ás 17:30h atopamos o obradoiro “Podcasting literario”, dirixido a mozas e mozos de máis de doce anos, que poderán mergullarse nos segredos da radiodifusión e o podcasting e crear o seu propio programa de radio. Para as amantes da banda deseñada e do humor gráfico, Kiko Dasilva e Luis Davila impartirán entre as 10h e as 12h do 19 de abril o obradoiro “Historias debuxadas”, un duelo dialogado sobre a linguaxe do cómic.

 

Cunha importancia central nesta edición atopamos a figura de María Victoria Moreno. A mestra, escritora, tradutora e editora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas pasou a meirande parte da súa vida na cidade do Lérez, coa que mantiña un vínculo especial. Estremeña de nacemento pero galega de corazón, María Victoria Moreno atopou en Pontevedra un lugar amábel co que compartir o seu compromiso coa lingua e  o ensino. 

 

A XIX edición do Salón do Libro ten moito de María Victoria Moreno

 

Este 2018 a celebración do Ano María Victoria Moreno converteu a cidade na capital das letras e da lingua galega. Por iso, a XIX edición do Salón do Libro ten moito dela. Pequenos e maiores poderán gozar de “Unha historia de amor, pequena biografía de María Victoria Moreno”, un contacontos ilustrado que, da man de Tania Solla, percorrerá a vida e obra da autora homenaxeada nas Letras Galegas. Será o sábado 14 de abril ás 18:00h e a entrada é libre até completar capacidade.

 

O domingo 15 de abril ás 12:30h, a compañía Xarope Lulú fará tamén a súa particular homenaxe á mestra. Un espectáculo de contacontos para todos os públicos co universo da autora como protagonista, onde destaca a importancia dos afectos no ámbito educativo, o respecto á natureza e o amor polos animais.

 

Na mesma liña e dentro da programación do I Congreso Internacional de Mediación Lectora atopamos a presentación do libro María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, unha obra de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre que retrata a mestra e autora desde un profundo cariño.

 

[Esta información foi publicada no semanario Sermos Galiza número 291, á venda nos quiosques e na loxa]



x