DO 15 AO 17 DE DECEMBRO

A cineasta Mercedes Álvarez ofrece un obradoiro en Ferreira de Pantón

A cineasta Mercedes Álvarez ofrece un obradoiro en Ferreira de Pantón
A cineasta Mercedes Álvarez. Foto: cedida.
A cineasta Mercedes Álvarez. Foto: cedida.  

Mercedes Álvarez (Aldeaseñor, Soria, 1966) emerxeu nas pantallas cinematográficas co filme O ceo xira (2004). Este filme deitaba unha ollada demorada, austera, sobre a desaparición do mundo rural e facíao con centro na súa aldea natal. Durante tres días de decembro -do 15 ao 17-, Álvarez ofrecerá un obradoiro na Casa dos Muros, en Paderne, en Ferreira de Pantón.
 


“Este obradoiro trata de explorar o alcance e a complexidade da imaxe documental no seu diálogo e tensión co real”, indican desde a organización do encontro, agrupada baixo o nome de A Plantación e coordinada por Elisa Pereira. Mercedes Álvarez, que traballara como montadora no importante documentario En construción (2001, José Luis Guerín), rodou despois de O ceo xira apenas o filme Mercado de futuros (2011) e o “poema cinematográfico” Cinco elementos para calquera universo (2012).

 

“Trataremos o cinema do real”, engaden sobre unha proposta titulada Ver para filmar / Filmar para ver, “como unha dialéctica constante entre as tres fases fundamentais da súa creación: aquilo que se mira para ser filmado, o intre único de filmar e a ollada sobre o filmado”. Mercedes Álvarez é unha das máis conspicuas representantes do novo documental do Estado español que emerxeu a inicios deste século.

 

Os encontros da Plantación en Ferreira de Pantón teñen límite de prazas e a admisión é por orde de inscrición. O obradoiro de Álvarez, pensión completa incluída, custa 290 euros. “A Plantación é un proxecto interactivo onde se cultiva e se comparte arredor de diferentes artes”, autodefínense na páxina web. Este ano e o pasado, a Casa dos Muros acolleu cineastas da envergadura do galego Oliver Laxe (París, 1982), o vasco Víctor Erice (Karranza, Bizkaia, 1940) ou o portugués Pedro Costa (Lisboa, 1959).



x