O CGAI DEDICA UN CICLO DE FILMES Á ÉPOCA DAS CANTIGAS MEDIEVAIS

O cinema do pergamiño Vindel

O cinema do pergamiño Vindel
O pergamiño Vindel.
O pergamiño Vindel.  

A filmoteca pública, é dicir, o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) da Coruña, inicia mañá un ciclo de filmes dedicados á época en que se escribiu o pergamiño Vindel. “Cinema de temática medieval”, defíneno. Comeza esta terza feira, ás seis da tarde, coa proxección dun título pouco coñecido de John Huston: Un paseo polo amor e a morte (1969).
 


O pergamiño Vindel data de finais do século XIII ou principios do XIV. Recolle as sete cantigas de amigo de Martín Codax e a notación musical de seis. Na actualidade, exponse no Museo do Mar de Vigo. É a primeira vez que se pode ver publicamente en Galiza.

 

As dez obras cinematográficas que, entre o 9 de xaneiro e o 28 de febreiro, pasarán polo CGAI van máis alá “desa tradición”. “Intenta ofrecer unha visión ampla e diversa do medievo a través de filmes cunha traballada documentación”, di o comunicado remitida desde Agadic, “e doutros con valores artísticos alén da veracidade histórica”.

 

Ademais do título de Huston -ambientado nas revoltas campesiñas francesas do século XIV coecidas como Jacquerie-, VindeCine. O tempo de Martin Codax a través do audiovisual ofrecerá oportunidades para ver pezas de culto. Por caso, Lancelot do Lago (1974), do rigorista cineasta francés Robert Bresson. O pase será a terza feira ás oito e media do serán.

 

Mais días antes haberá dous pases de Os viquingos (1958), de Richard Fleischer e protagonizada por Kirk Douglas, a terza feira 23 de xaneiro. Unha das máis célebres versións de O ladrón de Bagdad (1924), de Raoul Walsh, será a terza feira 30 de xaneiro ás sete e media do serán. Os cabaleiros da mesa cadrada (1975), en realidade titulada Monthy Python e o Sagrado Grial, a delirante comedia do grupo británico Monthy Python, proxectaráse a terza 27 de febreiro ás seis e ás oito e media.

A paixón de Xoana de Arco (1928), obra mestra do danés Carl Theodor Dreyer, pechará o ciclo de dez filmes que o CGAI artellou en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e que tamén se está a ocupar a pantalla da sala cooperativa Numax, en Santiago de Compostela.



x