ESTA CUARTA FEIRA 30 DE AGOSTO

Compostela celebra o legado de Narf

Compostela celebra o legado de Narf

O concerto, que leva por nome “Camiñar sen fin. Concerto para Narf”, terá lugar esta cuarta feira día 30 de agosto na capital galega (21 horas, Praza da Quintana). No encontro participarán máis de 30 artistas de diferentes países que celebrarán o legado artístico de Fran Pérez, Narf, cun espectáculo especial.

 


Neste concerto a música de Narf (1968-2016) será a protagonista exclusiva. Dende a organización afirman “fuxir das ideas homenaxe/tributo/lembranza” para abrazaren as ideas de “celebración/concerto/encontro/festa”. Este encontro pretende ser, en palabras das e dos organizadores, unha panorámica da extensa produción musical do artista, unha figura central na música popular galega durante as últimas décadas.

 

Sobre o cenario, artistas que partillaron a vida musical de Fran Pérez, intérprete e compositor que, co rock como linguaxe básica, dominou unha enorme amplitude de rexistos musicais, sempre aberto a investigar e a fusionar. Un espírito libre e inquieto sen o cal é imposíbel historiar a música galega contemporánea. En total serán máis de trinta colaboradores de Narf os que están convocados a este evento. Chegan de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e por suposto, Galiza. Entre eles, Carlso Santiago, Marcos Teira, Timbila Muzimba ou Uxía e Quico Cadaval.

 

O concerto, dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá as cancións de Narf como punto de encontro. Aparte das convidadas e convidados, no palco termará do espectáculo unha banda de base. Tamén se contará coa presenza destacada do mundo do teatro galego.

 

O espectáculo está organizado pola asociación Cidade Vella e o Festival Feito a Man, xunto coa Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, co apoio de AGADIC. O concerto será na Praza da Quintana ás 21:00h e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia.

 



x